A soidade non desexada agudízase en Galicia nas cidades e entre a xente moza

Un home camiña só por unha rúa de Vigo, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Tanel August Lind / Unsplash

Máis de 200.000 persoas viven soas en Galicia. Non todo fogar unipersoal é sinónimo de soidade pero si é un dos factores que entran en xogo na soidade non desexada, un problema cara ao que nos últimos anos viraron os focos en momentos puntuais como a pandemia da COVID-19, que salta aos titulares ao compás de sucesos tráxicos e para o que os gobernos veñen prometendo medidas que non acaban de despregarse de todo.

Unha de cada cinco persoas séntense soas en Galicia e o 15% da poboación está nesa situación dende hai máis de dous anos, segundo un estudo do Observatorio Estatal da Soidade non Desexada

Con este pano de fondo, o Observatorio Estatal da Soidade non Desexada (SoledadES), promovido pola Fundación ONCE xunto a outras entidades privadas e públicas, vén desenvolvendo diversas iniciativas e estudos para combater o fenómeno e poñerlle cifras. Este mércores puxeron o foco en Galicia a través da edición 2024 do seu Barómetro da soidade non desexada no noso país, que dá lugar a conclusións como que unha de cada cinco persoas adultas se senten soas (19,8%) e que o 15,2% leva nesta situación máis de dous anos, o que é considerado como "soidade crónica".

A incidencia da soidade non desexada é, atendendo a este barómetro, moi semellante entre homes e mulleres. Pero existen notables diferenzas ao atender a outros factores, tales como a idade, o lugar onde se vive ou factores socioeconómicos.

Máis dunha de cada tres persoas de entre 18 e 34 anos que viven en Galicia din sentirse soas, seis puntos por riba da media estatal

Atendendo a esta enquisa, o grupo de poboación sobre o que se adoita poñer o foco máis habitualmente ao falar de soidade, as de maior idade, decláranse nesta circunstancia nunha porcentaxe semellante á media da poboación. No caso galego, a soidade non desexada atinxiría ao 19,9% de persoas maiores de 55 anos, máis de catro puntos por riba da media estatal.

Pero a proporción é notablemente máis avultada entre a xente máis moza. Máis dunha de cada tres persoas de entre 18 e 34 anos que viven en Galicia din sentirse soas. Son seis puntos por riba da media do Estado. Mentres, entre 35 e 54 anos a porcentaxe cae ata o 12%.

Sobre ese relevante impacto entre a poboación máis moza -o estudo advirte de que o tamaño da mostra para Galicia, 400 entrevistas, impide afondar en franxas de idade máis pequenas-, SoledadES indica que un dos factores que poden explicalo son "as expectativas creadas na contorna social da mocidade" a respecto da "traxectoria vital ou da vida social". Esas expectativas, indican citando estudos sobre a materia, "crean puntos de referencia dende os que compararse con outras persoas da mesma idade, o que pode xerar soidade non desexada.

Case tres de cada dez persoas que viven nas cidades padecen soidade non desexada e nos concellos de menos de 10.000 habitantes afecta a algo menos do 20%

No referido ás variables socioeconómicas, o estudo de SoledadES indica que entre a poboación en situación de desemprego o sentimento de soidade é maior e o mesmo sucede entre quen declara que chega con dificultade a fin de mes. Así e todo, o estudo chama a atención sobre que en Galicia "a desigualdade económica ten un efecto menor sobre a soidade" que na media estatal

Nun contexto con maior porcentaxe de persoas que viven soas que na media estatal, tamén chama a atención no conxunto do estudo que a soidade impera máis nas cidades que nas vilas ou nas contornas rurais. Case tres de cada dez persoas que viven nas cidades padecen soidade non desexada e nos concellos de menos de 10.000 habitantes afecta a algo menos do 20%.

A Xunta, considerada principal responsable de combatela

E, quen debería ocuparse de combater a soidade non desexada? Segundo as respostas a esta enquisa, a institución "con maior responsabilidade" en "encargarse de que ninguén se sinta só sen desexalo" tería que ser a Xunta. Así o consideran un 63,8% das persoas enquisadas nun contexto no que, resalta o Observatorio, o resultado galego contrasta coa media estatal, onde o primeiro sinalado é o Goberno de España.

A poboación considera que as ONG son as entidades que máis fan por combater este problema

Fronte a ese criterio xeral de que a Xunta debería ser a principal responsable de combater a soidade non desexada, seguida polo Goberno de España e os concellos, as persoas participantes no estudo consideran que, na actualidade, a "institución que fai maiores esforzos para combatela" son as organizacións non gobernamentais. A continuación sitúan os concellos e á Xunta, seguidos do Goberno de España e, por último, ás empresas.

No marco da presentación dos resultados galegos do estudo, celebrada este martes en Vigo, os seus responsables puxeron tamén o foco en que "hai esperanza" porque a soidade non desexada é "reversible". Así será, coidan, se os gobernos asumen que é "unha cuestión prioritaria" e a sociedade no seu conxunto, "unha responsabilidade compartida".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.