47 casos de coronavirus máis nos centros educativos, pero 3 aulas pechadas menos

Os casos positivos nos centros de ensino xa superan os 300 CC-BY-SA Praza Pública

Son 305 os casos activos entre alumnado ou profesorado dun total de 203 centros educativos

A terceira semana con datos sobre a evolución do coronavirus nos centros educativos, unha vez que a finais da pasada xa comezaron as clases en todos os niveis da educación non universitaria, deixa un novo aumento dos casos positivos activos entre o alumnado e o profesorado, 47 máis este luns (nos datos divulgados pola Xunta este martes) que o pasado venres, co que o total elévase a 305.

Pola contra, o número de aulas pechadas baixou este luns en tres a respecto do pasado venres, 48 fronte a 51. Ademais, non hai ningún centro educativo pechado por completo, pero os 305 casos positivos detéctanse en 203 centros distintos de toda Galicia, dos algo máis de 1.300 que existen no país.

O centro máis afectado segue a ser o CEIP As Mercedes de Ourense, con 11 casos e unha aula pechada

Por centros, o máis afectado segue a ser o CEIP As Mercedes de Ourense, con 11 casos e unha aula pechada, un centro que o pasado mércores tiña dous casos, o xoves cinco, o venres oito e agora suma outros tres. Por detrás del, outros oito centros contan con catro casos cada un. Canto ás aulas pechadas, son cinco os centros que teñen dúas non operativas : o CEIP Praza de Barcelos en Pontevedra, o CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro en Vigo, o CEEPR Ilustre Mestre en Ourense, o CEIP Ramón de la Sagra na Coruña e o CEEPR Aceesca no Porriño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.