Entre 1936 e 1954 houbo unha casa no Couto (Narón), a carón da ría, que serviu como refuxio a moitas persoas perseguidas pola ditadura franquista
Entre 1936 e 1954 houbo unha casa no Couto (Narón), a carón da ría, que serviu como refuxio a moitas persoas perseguidas pola ditadura franquista. Esta vivenda situada no Camiño de Cornido e a xenerosidade de toda unha familia (os Díaz Corral) salvaron dunha morte segura ou dunha dura represión a un gran número de homes e mulleres, aos que deron acubillo e axuda, como fixeron outras familias na comarca de Ferrolterra.
Este sábado 6 de abril o Parque do Cadaval, en Narón, acolle unha homenaxe á familia Díaz Corral que busca ser un recoñecemento a todas as persoas "que nos tempos tráxicos da Ditadura axudaron e acolleron á veciñanza perseguida". O acto foi organizado pola asociación Memoria Histórica Democrática, que iniciou a homenaxe seguindo unha proposta do debuxante Siro López, cuxa familia foi unha das protexidas neste lugar. A asociación destaca que "non foi esta a única familia solidaria. É unha delas e representa a moitas que, con innumerables sacrificios, valeron a tantas vítimas do terror, mantendo alta a dignidade dun pobo".
Este sábado 6 de abril o Parque do Cadaval, en Narón, acolle unha homenaxe á familia Díaz Corral que busca ser un recoñecemento a todas as persoas "que nos tempos tráxicos da Ditadura axudaron e acolleron á veciñanza perseguida"
Pero quen foi a familia Díaz Corral e por que a homenaxe? Rudesindo Díaz Beceiro (Narón, 1897-1952) era carpinteiro de ribeira na Sociedad Española de Construcción Naval, “a Construtora”, e afiliado á CNT. Estaba casado con Benigna Corral Yáñez (Valdoviño, 1904 - Narón, 1939), que axudaba a manter a economía familiar cultivando unha pequena horta e vendendo no mercado de Ferrol. Tiñan, ademais, dous fillos, Benigna (1924-2017) e Rudesindo (1926-1954) Díaz Corral, máis coñecidos como Binucha e Sindito. A familia completábase con José Manuel Cores Martínez (Pontedeume 1923 –Ferrol 1983), delineante en Bazán, que en 1946 casou con Binucha, coa que tivo unha filla, María Benigna (Nina).
En 1936 Rudesindo preparou na bodega da casa, baixo o banco de carpinteiro, cunha trapela ben disimulada, un agocho onde nos anos seguintes se resgardou temporalmente moita xente, en ocasións, ata seis persoas xuntas
En xullo de 1936, unha vez se consolida o Golpe de Estado, Rudesindo decide preparar a súa casa para acoller persoas perseguidas pola súa ideoloxía esquerdista. Prepara na bodega da casa, baixo o banco de carpinteiro, cunha trapela ben disimulada, un agocho onde nos anos seguintes se resgardou temporalmente moita xente, en ocasións, ata seis persoas xuntas. Ao mesmo tempo a familia auxiliaba con alimentos e, sobre todo, con agarimo, a familiares dos presos. Benigna Corral lavaba a roupa e coidaba dos agochados e, por exemplo, camiñaba varios quilómetros para mercar o pan lonxe da súa parroquia para que ninguén se decatara de que habitualmente se facía con máis comida da que necesitaban as catro persoas da familia.
Rudesindo axudou tamén co seu bote, xunto a outras familias da zona, a trasladar republicanos que permaneceran agachados para que embarcasen en pesqueiros en Ferrol e Ares para así fuxir cara á liberdade, chegando a Francia. Foi o caso, por exemplo, do Bou Ramón, o barco no que o 21 de xullo de 1939 un total de 27 persoas conseguiron escapar dende Ares. Ou dos pesqueiros Carmiña e Teresita, nos que outros grupos marcharon dende Ferrol.
Rudesindo axudou tamén co seu bote, xunto a outras familias da zona, a trasladar republicanos que permaneceran agachados para que embarcasen en pesqueiros en Ferrol e Ares para así fuxir cara á liberdade, chegando a Francia
Nos anos seguintes, a familia centrouse en dar apoio a membros da guerrilla antifranquista, que comezaran accións de resistencia contra a Ditadura. Esta colaboración, unha vez falecido Rudesindo en 1952, foi continuada polo seu fillo e filla. Un dos guerrilleiros aos que axudaron foi Francisco Martínez Leira Pancho, nacido en Pontedeume en 1916 e veciño de Mugardos, que fora compañeiro de Rudesindo en Bazán e militaba no Partido Comunista. Cando en 1948 o réxime descobre a súa militancia no PC, únese á guerrilla, empregando a casa da familia Díaz Corral como refuxio.
O 19 de novembro de 1954 a Garda Civil sorprendeu a Pancho na casa, quen foi quen de fuxir, malia estar ferido. Porén, os gardas asasinaron a Sindo, o fillo da familia, en represalia pola axuda emprestada ao guerrilleiro. Ademais, a súa irmá Binucha e o home desta, José Manuel Cores, foron encarcerados 17 días, nos que el sufriu malos tratos e, posteriormente, foi castigado seis meses sen soldo. A Pancho matárono poucas semanas despois, o 31 de decembro, na súa terra natal de Ombre, en Pontedeume. Lupe Martínez afonda na historia de Pancho no artigo Historia dunha fuxida sen retorno.
Nos anos seguintes, a familia centrouse en dar apoio a membros da guerrilla antifranquista. Entre eles, Francisco Martínez Leira Pancho, que en 1954 foi sorprendido na casa pola Garda Civil, que asasinou o fillo da familia, Sindo
En 2011 o Concello de Narón aprobou un recoñecemento a Binucha, que aínda vivía, entregándolle o Premio á Muller do Ano, nunha iniciativa do BNG aprobada por todos os grupos municipais, agás polo PP, que se abstivo. Nesta entrevista que Lorena Bustabad lle fixo para El País, Benigna Díaz Corral destacaba: "lembro o medo, pero tamén pequenas alegrías. Había moitos escapados e poucas casas que os axudaran. Apenas a nosa e outras dúas da Faísca e O Feal, ademais do médico de Mercé, que curou a moitos".
A homenaxe deste sábado parte dunha iniciativa de Siro López. Hai uns anos a súa irmá maior Celita escribiulle a Binucha unha longa carta na que relataba o paso da súa familia pola casa dos Díaz Corral. A carta foi publicada en Retallos da Memoria I, un libro que Memoria Histórica Democrática editou para dar a coñecer as historias silenciadas das persoas que sufriron a represión franquista e exerceron a resistencia.
A homenaxe deste sábado parte dunha iniciativa de Siro López, cuxa familia tamén atopou acubillo na casa dos Díaz Corral
Nesa carta Celita explica que seu pai, albanel, afiliado á UXT e actor afeccionado, vírase obrigado a fuxir en xullo de 1936, aínda que foi detido tres meses despois e pasou os tres anos e tres meses seguintes de cárcere en cárcere, entre Ferrol e A Coruña. A partir da súa detención, a familia (a nai e os seus dous fillos maiores, Siro aínda non nacera) quedaron a vivir na casa dos Díaz Corral durante un par de anos, ata que marcharon a Ferrol.
No texto descríbese o asasinato de Sindo en 1954 a mans dos Gardas Civís que buscaban a Pancho. "Delfina viu como varios gardas, irados, se botaron a Sindo, berrándolle: '¡Pola túa culpa, cabrón!', mentres lle batían na cara cos mosquetóns. Sindo caeu coa cara chea de sangue, e dende o chan chamoulles 'covardes'. Daquela levárono a rastro á parte de atrás da casa e Delfina oíu varios disparos. Nunca saberedes cantos nin onde llos deron porque nunca vos deixaron ver o cadaver".
"Sinto que non só nós, os directamente beneficiados, senón todos os que quixemos vivir en liberdade e democracia, estamos en débeda con vós", escribiulle Celita (irmá de Siro López) a Binucha López Corral
Celita dille que "fostes para nós moito máis que compasivos samaritáns, pois, ademais de darnos de comer e beber, acolléstesnos como amigos; sentistes como propia a nosa anguria e nos amosastes en todo momento a vosa solidariedade".
A carta péchase dicindo: "Non sei se estou trabucada, pero paréceme que na reivindicación de cantos loitaron contra o franquismo, ata agora ninguén se lembrou das familias que, como a túa, se comprometeron por axudar aos demais. Sinto que non só nós, os directamente beneficiados, senón todos os que quixemos vivir en liberdade e democracia, estamos en débeda con vós".