A Consellería de Educación fixa o 10 de setembro para a volta ás clases pero aínda non ten protocolo fronte ao coronavirus

Aula dun colexio público, nunha imaxe de arquivo © CEIP Valle Inclán (Oleiros)

A Xunta fai oficial o calendario escolar do curso 2020/21, no que as aulas rematarán o 22 de xuño e o nadal vai do 23 de decembro ao 7 de xaneiro

A Consellería de Educación publica este xoves no Diario Oficial de Galicia a Orde pola que aproba o calendario escolar para o curso 2020/21 nos centros públicos e concertados. Oficialmente comeza o 1 de setembro, cando o persoal ten que incorporarse aos centros, e as clases o 10 de setembro en infantil, primaria e educación especial e o 16 de setembro en secundaria, bacharelato e formación profesional. Porén, e malia as reclamacións reiteradas dos sindicatos e as asociacións de pais e nais, a consellería aínda non fixo público ningún protocolo fronte ao coronavirus para a volta ás aulas malia que outras comunidades autónomas xa o fixeron.

Alumnado nun colexio galego © Xunta

Xusto este mércores delegados de CIG-Ensino escenificaron unha aula e as dificultades para garantir medidas de seguridade ante o coronavirus fronte á sede da Consellería de Educación. Ese e outros sindicatos veñen criticando que o departamento que dirixe Carmen Pomar non negocie con eles as medidas a tomar para o vindeiro curso, mentres desde a consellería se lembrou que o curso non comeza oficialmente ata o 1 de setembro, como agora ratifica o DOG.

As clases rematarán o 22 de xuño e as vacacións de nadal irán do 23 de decembro ao 7 de xaneiro

A publicación oficial deste xoves establece o remate das aulas en toda a educación dependente da consellería o 22 de xuño e, polo medio, fixa as vacacións de nadal do mércores 23 de decembro ao xoves 7 de xaneiro, ambos inclusive, e as de Semana Santa do sábado 27 de marzo ao luns 5 de abril, ambos inclusive. Pola súa banda, tampouco haberá clases no Entroido, do luns 15 ao mércores 17 de febreiro.

Os comedores escolares funcionarán durante todo o calendario lectivo, do 10 ou o 16 de setembro ao 22 de xuño. A orde non fai ningunha referencia ao coronavirus.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.