O número de contaxios detectados en Galicia leva varias xornadas en descenso, despois de que o pico da quinta vaga da pandemia se superase nos últimos días de xullo. Agora, ademais, o descenso prodúcese en todas as comarcas do país, dado que a área sanitaria da Coruña-Cee, que mantiña un empeoramento dos seus datos, comeza tamén a reducir a súa incidencia.
Este mércores o Sergas notifica a aparición de 722 novos positivos, moi por debaixo dos 1.042 comunicados o pasado mércores e dos 1.258 do mércores anterior
Este mércores o Sergas notifica a aparición de 722 novos positivos, moi por debaixo dos 1.042 comunicados o pasado mércores e dos 1.258 do mércores anterior. A incidencia acumulada en 14 días sitúase en Galicia nos 251 casos por cada 100.000 habitantes, fronte aos 255 casos de onte e os 344 que chegou a acadar o pasado 27 de xullo. Tamén descende de forma clara a incidencia acumulada en 7 días, de 550 a 537 casos.
Nos últimos 20 días faleceron 55 persoas en Galicia despois de ter enfermado coa COVID
Con todo, a quinta onda da pandemia segue a deixar unha sucesión de novos falecementos, aínda que moi por debaixo das vagas anteriores. Este mércores hai que engadir cinco novas mortes, que deixan a cifra total en 2.499. Nos últimos 20 días faleceron 55 persoas en Galicia despois de ter enfermado coa COVID.
O número de persoas hospitalizadas ascende de 303 a 328 na última semana
Nos hospitais mantense o lento empeoramento detectado nos últimos días. Aínda que este mércores descende -como é habitual neste día da semana- o número de camas ocupadas nas UCI (de 54 a 53) e no resto de unidades (345 a 328), comparando os datos cos do pasado mércores segue a rexistrarse un incremento no número total de persoas hospitalizadas, que ascende de 303 a 328.
A incidencia acumulada descende na Coruña, rachando a tendencia de ascenso iniciada en xuño
A incidencia acumulada a 7 días descende en todas as áreas sanitarias, de forma significativa na Coruña (de 736 a 727 casos por cada 100.000 habitantes), que levaba en ascenso dende finais de xuño. No resto de áreas mantense tamén a tendencia á redución, aínda que cun certo estancamento na área sanitaria ferrolá. Despois da Coruña, Vigo é a área con peores datos, mentres que Santiago e Ourense presentan os mellores indicadores.
O Grove (884), Sada (834) e Viveiro (819) son as vilas de máis de 10.000 habitantes con peores datos de incidencia acumulada a 14 días
Por concellos, Alfoz, Monterrei, A Pobra do Brollón, Riós, Fisterra e Pontedeume manteñen incidencias acumuladas en 14 días por riba dos 1000 casos por cada 100.000 habitantes. Por debaixo dese nivel, O Grove (884), Sada (834) e Viveiro (819) son as vilas de máis de 10.000 habitantes con peores datos.
Un total de 72 localidades presentan incidencias superiores aos 500 casos por cada 100.000 habitantes. No outro extremo, 31 concellos non tiveron ningún novo positivo de COVID nas últimas dúas semanas e 62 non tiveron positivos nos últimos 7 días.
A cidade da Coruña segue a ter os peores datos, pero mantén a tendencia de descenso iniciada este martes e pasa de 806 a 775 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días
En canto ás cidades, A Coruña mantén a tendencia de descenso iniciada este martes e pasa de 806 a 775 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días. Aínda así é a urbe con peores, datos, por riba de Vigo, Pontevedra, Lugo e Ferrol. Todas as cidades reducen a súa incidencia, que só en Compostela e Ourense se sitúa por debaixo dos 500 casos por cada 100.000 habitantes. Dende este sábado, estas dúas urbes pasarán ao nivel medio de restricións.