O cadro de persoal da planta de tratamiento de residuos de Nostián, na Coruña, iniciou na noite deste domingo unha folga indefinida en protesta contra o ERTE anunciado pola empresa concesionaria, Albada (parte do grupo Urbaser), que afectaría a 39 traballadores, un 40% do total. O ERE temporal tería unha duración de dous anos.
O persoal insta ao Concello da Coruña a intervir a planta para frear a folga e o propio ERTE e considera "inviable" a negociación cos representantes de Urbaser
O conflito orixinouse pola negativa de Albada a renovar o convenio para dar servizo a oito concellos do Consorcio comarcal As Mariñas (que supoñen o 37% do total de residuos) e xustifica o expediente de reguación temporal de emprego no descenso de actividade que isto suporá.
O persoal insta ao Concello da Coruña a intervir a planta para frear a folga e o propio ERTE e considera "inviable" a negociación cos representantes de Urbaser, que este domingo se negaron a participar nunha xuntanza de mediación convocada polo Consello Galego de Relacións Laborais, á que si acudiron Concello e traballadores. A ausencia de Albada foi entendida polo persoal como a confirmación da nula vontade da empresa de negociar nada. Marea Atlántica e BNG tamén suxiren a intervención do Concello en Nostián, unha medida que durante o último pleno municipal non foi rexeitada pola concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, que afirmou que "non lle tremerá a man" á hora de tomar medidas.
A concelleira Esther Fontán recoñece que a partir deste mércores o lixo comezará a acumularse nas rúas da Coruña
De momento, durante estas primeiras horas de folga, o persoal está a cumprir os servizos mínimos do 50% fixados para o paro, considerados "altos" polos sindicatos, aínda que se sitúan por debaixo do 70% demandado pola empresa. Durante a pasada noite e a mañá deste luns, todos os camións de recollida de residuos procedentes da Coruña e dos restantes concellos da comarca entraron en Nostián con normalidade. Fixérono escoltados pola Policía e sen incidentes. Con todo, a concelleira Esther Fontán recoñece que a partir deste mércores o lixo comezará a acumularse nas rúas da Coruña.
A concelleira explicou que mentres que as relacións co persoal traballador son boas, o diálogo con Urbaser está en punto morto. Ademais, sinala que, a pesar de que polo de agora Albada non incumpriu co contrato, o Goberno local teme “que a partir do 1 de xaneiro a empresa non fará caso aos requirimentos que se lle fan desde o Concello”, xa que nin sequera acudiu a unha reunión co Consello Galego de Relacións Labores “con argumentos tan pouco convincentes como a falta de tempo”.
O Concello buscará unha solución antes do 1 de xaneiro, pero subliña que Albada-Urbaser ten a obriga contractual de manter o servizo coas mesmas condicións (recollida e tratamento dos residuos da cidade e área metropolitana, o mesmo persoal e a xestión dos rexeitamentos) ata que se asine un novo contrato, cuxos pregos xa foron enviado ao servizo de contratación.
Finalmente, a edil confirmou que ante a postura anunciada de non cumprir co contrato, o Goberno local traballa en varias vías e ten sobre a mesa distintas alternativas: recuperación da concesión, un contrato de emerxencia, e, unha última que existe, pero que a concelleira rexeita ao poñer en perigo a estabilidade laboral dos traballadores, que sería levar os residuos Sogama.
Nostián a partir do 1 de xaneiro
Está garantido que a partir do primeiro día do ano 2020, os residuos da cidade da Coruña seguirán sendo tratados alí, pero non así os procedentes do resto de localidades da comarca
O contrato de xestión da planta de Nostián vence o vindeiro 1 de xaneiro. As negociacións para renovalo comezaron hai meses e o Goberno municipal está ultimando os detalles do novo documento, que xa remitiu ao seu departamento de Contratación. Está garantido que a partir do primeiro día do ano 2020, os residuos da cidade da Coruña seguirán sendo tratados alí, pero non así os procedentes do resto de localidades da comarca.
O pasado mes de outubro Albada comunicou ao Consorcio As Mariñas que a partir do 1 de xaneiro os concellos que integran esta entidade non poderán levar os seus residuos á planta. Do contrato do Concello da Coruña derivaba ata agora o acordo cos restantes concellos e aínda que Albada se manifesta disposta a renovar a súa relación coa cidade herculina, non quere facelo co Consorcio "por razón dunha situación económica de extrema gravidade".
O Consorcio, pola súa banda, reclama que se continúe nas actuais condicións ata que haxa unha nova concesionaria e lembra que o convenio con Albada especifica que a empresa "emprestará o servizo nas mesmas condicións que se pacten para o Concello da Coruña". O ente ameazou a Albada con levala aos tribunais. "De continuar a folga, evidentemente teremos que tomar medidas porque os cidadáns do Consorcio non teñen por que padecer as consecuencias dunha folga que non é contra eles e non son os titulares da planta", sinalou o presidente do ente comarcal, José Antonio Santiso, alcalde de Abegondo, que engadiu que "se seguen no seu empeño, reclamaremos xudicialmente os danos e prexuízos que poidan causar e os gastos que supoña a maiores trasladar os residuos a outro sitio".
"Un Goberno non pode tolerar órdagos nin chantaxes provenientes de empresa algunha" di o Concello da Coruña
Mentres, a través dun comunicado oficial, o Concello da Coruña subliñou que "un Goberno non pode tolerar órdagos nin chantaxes provenientes de empresa algunha, totalmente inaceptables cando esta quere facer prevalecer os seus intereses económicos sobre a prestación dun servizo esencial para a cidadanía, obviando unilateralmente o compromiso contractual ao que está obrigada na prestación do devandito servizo".
O Goberno municipal sinala que está a utilizar "todos os mecanismos xurídicos ao noso alcance para a rápida resolución deste complexo e desafortunado problema" que, engade "de ningún xeito é atribuíble á xestión do actual Goberno Municipal nin aos traballadores/as que lexitimamente se mobilizan en defensa dos seus postos de traballo". Dende o Concello da Coruña tamén se apelou á colaboración da cidadanía mentres dure a folga, pedíndolle á poboación que evite dentro do posible baixar o lixo ás rúas.
Un novo conflito de Albada e Urbaser
Xa no ano 2011 Albada vetou a entrada de vehículos do Consorcio debido a que este se negara a pagar unha débeda dun millón de euros reclamada pola empresa. Iso obrigou aos concellos adheridos ao ente a levar os seus residuos de xeito provisional a Sogama. En 2013, a folga dos traballadores de Albada converteuse nunha das máis longas da historia recente en Galicia, superando os 100 días de duración, e conseguindo finalmente un novo convenio e a readmisión de varios traballadores despedidos. Os operarios e operarios e Albada víranse "utilizados nun conflito entre a empresa, o Consorcio das Mariñas e o Concello da Coruña" vinculado ao "desequilibrio económico da compañía".
"Albada utiliza cada nova negociación para botarlle un pulso ao persoal e ao Concello nun intento de maximizar o beneficio obtido dos cartos públicos, cando en 20 anos nin sequera logrou acadar as cotas de reciclaxe esixidas", denuncia a CIG
"Albada utiliza cada nova negociación para botarlle un pulso ao persoal e ao propio Concello nun intento de maximizar o beneficio obtido dos cartos públicos, cando en 20 anos de xestión nin sequera logrou acadar as cotas de reciclaxe esixidas", denuncia a CIG. Hadrián Canosa, delegado da CIG, lembra que Albada "sempre superou a cota máxima de rexeites permitidos, establecido nun 35%, e sempre estiveron por enriba do 55%".
O presidente do comité de empresa sostén que "a planta non é viable sen o Consorcio" e chama a que o Concello coruñés e os concellos da área traballen de modo conxunto polo futuro da planta. Os traballadores van facer quendas nas portas da instalación e realizan un chamamento á solidariedade dos condutores, para que dean a volta sen descargar. Así mesmo, demandan a "comprensión" da cidadanía da Coruña.
Marea Atlántica lembra que a actitude de Albada "leva tempo sendo problemática, negándose a asumir as súas responsabilidades por contrato". Por exemplo, a empresa cobrou facturas "lesivas para os intereses municipais" de 2 millóns de euros anuais desde 2011 ata 2018 por facerse cargo do lixo rexeitado para a reciclaxe, algo que é a súa obriga. E puxo en risco o funcionamento da planta por acumular residuos irregularmente en varias ocasións, a última neste mesmo verán. Ademais de negarse a selar o vertedoiro colmatado en 2007, tal e como lle indica unha sentenza xudicial.
O BNG subliña que o prego de condicións da actual concesión faculta o concello a intervir a empresa concesionaria sempre que esta non cumpra coas súas obrigas ou incorra en infraccións graves e reclámalle que "utilice todas as ferramentas ao seu alcance". "Se fósemos a un escenario de intervención de Nostián, o servizo continuaría a prestarse nas condicións vixentes até o de agora, co mesmo cadro de persoal e o mesmo funcionamento da planta. O único que mudaría sería que o concello nomearía un interventor técnico que pasaría a asumir a dirección, suprindo os directivos da empresa", sinala a formación.
Marea esíxelle tamén á Xunta "que non abdique da súa responsabilidade como como autoridade ambiental" e demándalle que "garanta que o servizo de Nostián se preste en condicións legais".
Albada forma parte do grupo Urbaser, que ata o ano 2016 pertencía ao Grupo ACS propiedade de Florentino Pérez. Nese momento Urbaser foi vendida á compañía Firion Investments S.L. sociedade controlada polo grupo chinés Energy Conservation and Enviromental Protection. Nos últimos anos Urbaser vén protagonizando numerosos conflitos laborais en moitas das concesións públicas que posúe en Galicia (xestión de residuos, limpeza, xardinería, auga ou axuda no fogar). En varias ocasións os sindicatos denunciaron a "estratexia do conflito" utilizada por ACS nestas situacións, buscando chegar ao extremo, rexeitando negociar ou ceder.
Nos últimos anos Urbaser vén protagonizando numerosos conflitos laborais en moitas das concesións públicas que posúe en Galicia
Especialmente importante foi a folga de recollida do lixo en Lugo en 2014, que obrigou o Concello a intervir o servizo de limpeza e recollida do lixo. En total, a folga durou 59 días, converténdose no paro de recollida do lixo de máis duración en toda España. O persoal conseguíu a anulación dos despedimentos de 11 membros do comité de empresa por negarse a cumprir os servizos mínimos. O Concello chegara a impoñer servizos mínimos do 100% e no conflito chegou a intervir a empresa pública Tragsa, recollendo parte dos residuos acumulados, tras decretar as autoridades unha alerta sanitaria.
Tamén foi significativo o conflito que se viviu en Ferrol ao redor da xestión de Urbaser en Emafesa, a empresa mixta de Augas da cidade naval. Entre outras manobras, Urbaser rexeitou os intentos de fiscalización da súa actividade levados a cabo polo Concello