A Coruña lanza un servizo de canguraxe para apoiar familias con crianzas confinadas polo peche de aulas

Aula baleira nun centro de ensino © IES Antón Alonso Ríos

O Concello da Coruña vén de lanzar o programa Canguros COVID Concilia, co obxectivo de apoiar a familias da cidade cuxas nenas e nenos teñan que estar en situación de illamento preventivo derivado dun posible contacto de COVID-19, por exemplo no seu centro de ensino.

As crianzas que teñan que estar en confinamento domiciliario por indicacións de saúde pero que conten cunha PCR negativa poderán acollerse a este servizo

Así, as crianzas que teñan que estar en confinamento domiciliario por indicacións de saúde pero que conten cunha PCR negativa poderán acollerse a este servizo, que busca axudar as familias no seu coidado, en ocasións complexo por coincidir no seu horario de traballo. Nestas situacións, as persoas responsables do/a menor non son confinadas, co que a consecuencia inmediata é que a crianza podería quedar no domicilio sen ningún tipo de coidado, especialmente no caso de familias con poucos recursos, que non se poden permitir a contratación dun coidador ou coidadora e que habitualmente tamén teñen dificultades para modificar os seus horarios de traballo.

A iniciativa ofrece un servizo de coidado no seu domicilio dirixido a nenos e nenas entre os 4 meses e os seis anos de idade © Agamme

A iniciativa ofrece un servizo de coidado no seu domicilio dirixido a nenos e nenas entre os 4 meses e os seis anos de idade. Ofrécese tamén un servizo de apoio educativo dirixido a menores de 6 a 12 anos

A iniciativa ofrece un servizo de coidado no seu domicilio dirixido a nenos e nenas entre os 4 meses e os seis anos de idade. A atención prestaríase entre as 7:30 horas e as 22 horas, aínda que con carácter extraordinario e "debidamente xustificado" podería ampliarse ata as 23 horas. Ofrécese tamén un servizo de apoio educativo dirixido a menores de 6 a 12 anos, no que ademais dos coidados se incluiría un apoio educativo para poder seguir o curso escolar de maneira telemática ou a través da remisión de deberes ao centro escolar.

Na última notificación publicada pola Xunta había no conxunto de Galicia un total de 47 aulas pechadas por mor da Covid-19, e catro colexios clausurados na súa totalidade (catro escolas infantís de Pontevedra, Vigo, O Saviñaou e Cambre). En total, son 931 os casos activos detectados entre o alumnado e o profesorado destes centros.

O número de casos e aulas pechadas levan semanas en descenso, despois de acadar un máximo a comezos do mes de novembro, con máis de 1.300 casos activos nese momento.

No que atinxe á cidade da Coruña, onde se aplicará o servizo de canguraxe, o pasado sábado (último día con actualización de datos do Goberno galego) había unicamente unha aula pechada e ao redor de 90 casos activos de coronavirus nos distintos centros de ensino.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.