A COVID carga os hospitais máis que na primeira vaga e o ritmo de casos augura outra semana con subas de ingresos

Cribado da COVID-19 en Expourense este 23 de xaneiro e mapa de incidencia a 14 días CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

O Servizo Galego de Saúde rexistra este domingo, 24 de xaneiro, con datos pechados o sábado ás seis da tarde, un total de 1.066 hospitalizacións de persoas enfermas da COVID-19. Son apenas 41 menos que no pico de ingresos da primeira vaga da pandemia e chégase a este nivel tras un incremento de 99 ingresos en só vinte e catro horas, o máis pronunciado nunha xornada dende o 28 de marzo de 2020.

As 1.066 persoas ingresadas por mor da COVID-19 son 99 máis que un día antes, o maior incremento nun día dende o 28 de marzo, e supoñen estar a piques de alcanzar o pico de hospitalización da primeira vaga

Con 411 persoas ingresadas máis que hai sete días, un ritmo de incremento igualmente propio daqueles días de marzo, todo semella indicar que nos primeiros días da nova semana se cumprirán os augurios do persoal sanitario e o pico de hospitalización da primeira vaga quedará superado. Todo, nun sistema hospitalario -e sanitario, en xeral-, máis sobrecargado ao existir capacidade diagnóstica para detectar moitos máis casos, o que segue provocando que as cifras de casos activos sigan batendo récords e este domingo queden só 8 de cruzar o limiar dos 19.000.

Tamén o elo máis crítico dos hospitais, as unidades de coidados intensivos, experimentan unha presión máis semellante á da primeira vaga que á do pasado outono. Con 150 pacientes ao mesmo tempo, son apenas 26 menos que no pico do pasado abril. 

Mentres, na área sanitaria con máis casos activos, a da Coruña-Cee (este 24 de xaneiro supera o limiar dos 5.000), o máximo de hospitalización da primeira vaga xa quedou atrás. Fronte ás 266 hospitalizacións que marcaron o pico de abril, agora os ingresos de persoas con test positivo do coronavirus chegan ás 287, 39 delas na UCI.

Co sistema sanitario máis sobrecargado que en marzo ou abril polo gran número de positivos activos, o Sergas suma outros 1.528 novos casos da COVID e as mortes xa son máis de 1.600

Esta presión sen precedentes para o sistema sanitario galego por mor da pandemia prodúcese nun contexto no que, por duodécima xornada consecutiva, o Sergas rexistra máis de mil casos novos da COVID-19 en vinte e catro horas (das seis da tarde do venres á mesma hora do sábado). Son, concretamente, 1.528 (1.325, diagnósticos mediante PCR), uns 360 menos que no día previo. En termos de días naturais, a situación é moi semellante, con dez dos últimos once días por riba dos mil casos novos e os tres últimos con datos completos (mércores, xoves e venres) superando os 1.800.

A media semanal de diagnósticos diarios por PCR continúa, deste xeito, atravesando novas barreiras e xa está por riba dos 1.200. Non en van, o pasado xoves día 21 pasa a ser, con 1.535, o día con máis diagnósticos a través deste tipo de proba dende que comezou a pandemia en Galicia.

Estas moi altas cifras de novos diagnósticos seguen traducíndose en mortes. O Sergas incorpora este domingo outras 9 aos rexistros oficiais, tres delas correspondentes ás últimas vinte e catro horas. O total de falecementos oficialmente ligados á pandemia chega, deste xeito, aos 1.608. A media diaria de falecementos da última semana segue roldando as 13 persoas ao día tras rexistrarse ata 19 o mércores, día 20, e outros 16 o venres, día 22 [a serie completa de datos, nesta ligazón].

Máis de 150 concellos superan os 500 casos por cen mil habitantes a 14 días

O número de concellos sen novos casos nas últimas dúas semanas continúa reducíndose e xa son apenas unha vintena

O gran afloramento de casos novos, que o propio Sergas admitiu como "transmisión comunitaria" en moitos puntos do país (isto é, cando xa non é posible rastrexar a cadea de cada contaxio) segue elevando as taxas de incidencia acumulada de maneira xeneralizada. Para o conxunto de Galicia, este indicador (referido aos casos novos por cada cen mil habitantes) segue á alza e supera xa os 646 casos a 14 días. Mentres, a incidencia acumulada a 7 días aumenta con menos velocidade, pero tamén continúa incrementándose e supera os 380 casos, por riba do que fora o pico de incidencia a 14 días no pasado outono [consulta aquí a serie completa].

Sobre o mapa, estes valores globais para Galicia son produto dun panorama no que máis de 150 concellos están por riba dos 500 casos novos da COVID-19 por cada cen mil habitantes nas últimas dúas semanas e arredor dun cento superan os 800. Seguen sendo rechamantes as altas incidencias no Baixo Miño e no sur de Ourense, na Mariña e no Ortegal ou en practicamente toda a provincia da Coruña e mentres, continúa reducíndose o número de concellos sen casos novos nos últimos 14 días, que agora xa son apenas unha vintena.

Por cidades, un día máis, as incidencias acumuladas a 14 días máis preocupante continúan en Ourense na Coruña tanto polas súas cifras -Ourense superou os 800 e A Coruña achégase a eles- como pola súa evolución, aínda en claro incremento. Este é o contexto no que o Sergas está a desenvolver un cribado poboacional na capital ourensá á procura de persoas infectadas e asintomáticas. O sábado acudiran en torno ao 70% das persoas citadas no recinto feiral de Expourense para seren sometidas a test PCR, segundo datos da área sanitaria.

Sinais de acougo?

O elevado ritmo de novos casos rexistrados provoca que os levísimos sinais de acougo que é posible albiscar entre os datos de cada día sexan aínda tan escasos como para poder afirmar que, mesmo no escenario menos pesimista, queda por diante máis dunha semana de incremento da presión para un sistema sanitario enormemente tensionado. Así e todo, non é menos certo que eses sinais existen.

Un deles é a evolución das incidencias acumuladas a 7 e a 14 días entre unha semana e a seguinte. Esta é a denominada 'razón de taxas' e calcúlase dividindo a incidencia acumulada dun período e do seguinte (neste caso, o indicador dun día entre a mesma xornada da semana anterior). Se o resultado é superior a 1 é sinal de que a incidencia aumenta e se baixa de 1, de que diminúe.

As incidencias acumuladas a 14 e a 7 días seguen empeorando, pero o seu ritmo de incremento é menor que na semana previa por primeira vez dende decembro

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, tanto a incidencia acumulada a 7 días como a 14 días seguen trazando en Galicia unha razón de taxas superior a 1, isto é, empeoran a respecto de hai unha semana. No obstante, se comparamos o último día con datos pechados (o venres 22) coa mesma xornada da semana anterior (o día 15) é posible observar que a incidencia acumulada a sete días decelera e o mesmo sucede coa incidencia acumulada a catorce días, pero cun freo menor. 

Deste xeito, o ritmo de incremento é menor que na semana previa por primeira vez dende decembro. De continuar a tendencia, a semana que agora remata viraría en punto de inflexión cara a unha lenta melloría mentres, non obstante, as cifras de hospitalizacións seguirán empeorando aínda por máis dunha semana.

A positividade media semella estabilizada entre o 10% e o 11% mentres o número de probas PCR procesadas segue en máximos da pandemia

Estas aínda febles, pero existentes melloras na evolución das incidencias acumuladas prodúcense nunhas semanas nas que Galicia continúa batendo os seus propios récords no número total de probas PCR procesadas, en boa medida pola realización de cribados. Na última semana realizáronse unha media superior ás 10.700 PCR por xornada, a cifra máis elevada dende comezos da pandemia e por primeira vez foron procesadas máis de 12.000 nun só día (o mércores, día 20).

Ao contrario do que sucedera en semanas anteriores, o gran número de probas non contribuíu a disparar as taxas de positividade, isto é, a porcentaxe de PCR que dan positivo. A media a sete días deste indicador para o conxunto de Galicia segue duplicando amplamente o limiar que a Organización Mundial da Saúde sinala para dar por controlada a pandemia nun territorio (5%), pero nos últimos días amosa certos sinais de estabilidade, entre o 10% e o 11%. Ademais, nas áreas coas positividades medias máis altas (A Coruña e Ferrol), a media destas taxa a sete días tamén comeza a frear no que sería o primeiro paso dun longo camiño para a mellora xeral da situación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.