Fadoua Akkar foi asasinada. O home que era a súa parella, con antecedentes por violencia de xénero, precipitou ao mar coche no que viaxaban
Fadoua Akkar foi asasinada. A Delegación do Goberno de España contra a Violencia de Xénero confirmou este luns que a súa morte foi produto dunha agresión machista. O acusado por este crime é quen era a súa parella, un moañés de 47 anos que este luns pasou á disposición xudicial tras recibir a alta no hospital Povisa de Vigo. O Xulgado de Instrución número 3 de Cangas acordou o ingreso en prisión, comunicada e sen fianza do presunto asasino, investigado por un delito de homicidio.
Segundo os datos coñecidos ata momento, o presunto asasino precipitou ao mar o coche no que viaxaba con Fadoua, de 41 anos veciña de Pontevedra e de orixe marroquí, o pasado sábado no porto de Domaio, en Moaña. Testemuñas citadas polo subdelegado do Goberno de España na provincia, Abel Losada, afirmaron que o home acelerou o vehículo para provocar a caída á auga.
O corpo da muller foi achado polos servizos de Emerxencia ao recuperar o vehículo e, segundo informa Vigoé, presentaba golpes. O detido polos feitos, confirma a Delegación gobernamental en Galicia, tiña antecedentes como agresor de xénero: o seu nome constaba na base de datos do sistema Viogen por mor dunha agresión perpetrada en 2012 pola que foi condenado. Por este motivo tivo unha orde de afastamento desoutra muller ata 2020.
Neste sentido, o delegado do Executivo central, Pedro Blanco, coida que cómpre "poñer o foco sobre os homes reincidentes na violencia machista". "Hoxe en Galicia son 1.517", resalta.
Familiares de Fadoua aseguraban este luns nos xulgados de Cangas, informa Faro de Vigo, de que o presunto asasino sabía que a muller "non sabía nadar". A súa situación administrativa irregular e os seus esforzos por lograr regularizar a do seu fillo menor de idade, co que vivía, coidan, foron atrancos para non denunciar o agresor
O movemento feminista convocou concentracións de repulsa polo asasinato de Fadoua para o serán deste luns. Xa este pasado domingo o Concello de Moaña acolleu un acto de condena e este mesmo luns o goberno local chama tamén a manifestarse contra o feminicidio.
O teléfono 016 do Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero (e no enderezo 016-online@igualdad.gob.es), en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano. Se se trata dunha emerxencia hai que chamar ao 112 ou facer uso da aplicación ALERTCOPS, que envía unha alerta á Policía coa xeolocalización.