A electrificación da liña Valença-Porto rebaixa outros 15 minutos as viaxes á espera de que a COVID permita retomar o tren desde Vigo

O primeiro ministro de Portugal, á dereita, durante a inauguración da modernización da liña Porto-Valença © Infraestruturas de Portugal

O primeiro ministro António Costa inaugura a remodelación da liña, acompasada con diversas melloras do treito galego e á espera de que se concreten as expectativas dunha nova conexión de alta velocidade

15 minutos menos de viaxe é a principal vantaxe que tirarán as persoas usuarias do remate das obras de electrificación e mellora xeral da liña ferroviaria entre Valença e Porto, inauguradas este luns polo primeiro ministro António Costa tras o investimento duns 86 millóns de euros. Unha actuación acompasada con diversas actuacións de mellora en Galicia que deberán agardar a que as restricións pola COVID permitan retomar as viaxes e aumente a demanda para saber como vai quedar a mobilidade ferroviaria entre Vigo e Porto en tempos de desprazamento e frecuencias.

Tren de probas sobre a ponte do Miño xa electrificada nunha imaxe de hai varias semanas © Infraestruturas de Portugal

Ata 2013 as viaxes en tren entre Vigo e Porto, separadas por estrada por 150 quilómetros que se poden facer en hora e media, duraban máis de tres horas, tempo condicionado polo recorrido con máis rodeos da liña ferroviaria, polas numerosas paradas intermedias e pola falta de electrificación do recorrido entre Guillarei, uns 5 quilómetros ao norte do Miño, e Nine, a uns 40 do Porto. Aquel ano, tras renunciar Portugal a unha nova liña de AVE, produciuse a primeira gran mellora do servizo convencional ao implantarse o tren Celta, con máis frecuencias e moitas menos paradas intermedias que deixou as viaxes en dúas horas e cuarto. 

Posteriormente Portugal decidiu electrificar a liña, comezando polo treito entre Nine e Viana do Castelo posto en servizo en 2019 e despois polo agora rematado ata Valença, unhas obras nas que tamén se melloraron outras características da vía (sinalización, supresión de pasos a nivel, reforzo de pontes e túneles) non só para pasaxeiros senón tamén para mercadorías, con estacións con capacidade para trens de maior lonxitude que os que poden circular actualmente por Galicia. 

Á espera dos seus efectos para Galicia cando reabran as fronteiras, Comboios de Portugal vén de crear varios novos servizos, entre eles un tren directo Valença-Coimbra, mentres o Governo de Costa retoma a idea dunha liña de AVE entre Braga e o Miño

Pola súa banda, tamén Adif lanzou diversas actuacións de mellora das súas instalacións ao norte do Miño, coa electrificación do pequeno treito que aínda carecía dela entre Guillarei e o río, e outras melloras tanto no resto da liña ata Vigo como nese treito, no que o mecanismo de seguridade para evitar que puidesen chocar dous trens entre Guillarei e Valença seguía sendo o teléfono.

Coas obras agora rematadas en Portugal a viaxe máis rápida entre Valença e Porto queda nunha hora e 46 minutos no servizo Intercidades que ata agora só chegaba ata Viana do Castelo, pero este tren ten nove paradas intermedias, a diferenza do Celta que saía de Vigo. Haberá que agardar a que se retomen os servizos directos entre Vigo e Porto con trens xa eléctricos e non diésel como era o Celta ata agora para saber canto tempo se pode recortar nas viaxes entre as dúas cidades sumando o resto de melloras na vía á electrificación. Á espera dos seus efectos para Galicia, as principais mudanzas introducidas de momento nos servizos interiores en Portugal, como un tren directo entre Valença e Coimbra, poden consultarse neste comunicado de Comboios de Portugal.

Manuel Rodrigues Lopes, rexedor de Valença; António Costa, primeiro ministro de Portugal; Xoan Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico e Jose María Costa, rexedor de Viana do Castelo, na inauguración deste luns © Eixo Atlántico

Por outra banda, tras modernizar a liña convencional, Portugal vén de retomar a idea de acometer unha liña de novo trazado con características de alta velocidade entre Braga e Valença co obxectivo de que poida estar en servizo en 2030. Tras renunciar a ela hai unha década, a mellora da conexión ferroviaria en Portugal era un dos requisitos que viñan poñendo os sucesivos gobernos de España para continuar coa planificación da saída sur de Vigo que axilizaría os tráficos ao norte do Miño. Nas últimas semanas, ao tempo que as cidades da eurorrexión implicaron o presidente da República na reclamación dun mellor tren entre Galicia e Portugal, o ministro de Transportes español, José Luis Ábalos, anunciou o encargo dun novo estudo de alternativas para esa saída sur de Vigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.