Como avaliadora independente da liña Ourense-Santiago limitábase a comprobar documentación e procedementos e trasladarllos a Adif, pero asumindo que debía ser o maquinista quen controlase a velocidade
Os sistemas de seguridade instalados na liña de alta velocidade Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente de Angrois foron analizados por un denominado avaliador independente (ISA nas súas siglas en inglés), a empresa pública Ineco, antes de que Adif os validase para a súa posta en servizo. Pero Ineco, segundo declararon este mércores no xuízos varios dos seus técnicos implicados, como xa fixeran durante a instrución, limitouse a avaliar, como lle pediu Adif, un treito central da liña que non incluía a curva de Angrois.
E en todo caso, fixeron ver os técnicos, aínda que analizasen o treito da curva non detectarían o risco que alí había porque o seu traballo limitábase a analizar procedementos e documentos da empresa que instalara os sistemas de seguridade, non se eses sistemas podían evitar un exceso de velocidade por erro humano como o que ocorreu naquel punto.
Segundo os técnicos, Laura López Bruner, Javier Salvador Arriaga Villasalero e Jorge Merino Montes, o traballo de Ineco como avaliador independente para Adif da seguridade instalada na liña limitábase a comprobar que a empresa instaladora contratada seguira determinados protocolos para a xestión dos riscos dos propios sistemas de seguridade. Pero o seu traballo non incluía avaliar eles mesmos os riscos en si.
Ademais, o seu traballo realizouse só sobre o treito central da liña de alta velocidade Ourense-Santiago, ata uns poucos metros antes da curva de Angrois. Pero aínda que analizaran o treito do lugar do accidente só farían unha supervisión dos procedementos e documentos da empresa instaladora, nin sequera verían a curva e o risco que supuña porque traballaban con planos lineais.
Ineco limitábase a comprobar que a empresa instaladora comunicara a Adif o risco xenérico de exceso de velocidade en calquera punto da liña en caso de que non funcionase o sistema de control constante de velocidade ERTMS, que se desconectara un ano antes do accidente. Pero ningunha análise facía sobre riscos puntuais como o que había en Angrois nin facía seguimento da xestión posterior de Adif dos riscos xenéricos.
O risco de exceso de velocidade considerábase "tolerable" e o previsto para controlalo era o regulamento de circulación que establecía que a velocidade debía ser controlada polos maquinistas
A principal técnica de Ineco, López Bruner, foi pregunta polo fiscal se Ineco mantiña algún tipo de diálogo con Adif sobre o que tiña que facer con eses riscos. “Nós non lle dicimos a Adif o que ten que facer, trasladamos os riscos”, dixo a técnica, ao que engadiu que se consideraba que un exceso de velocidade era considerado naquel momento un “risco tolerable”.
“Para todo risco tolerable a forma de controlalo é a través dun procedemento, consigna, plan de mantemento ou regulamento”, dixo, e o que establecía o regulamento xeral de circulación ferroviaria era que os maquinistas debían controlar a velocidade dos trens. Isto é, a resposta que daban os protocolos de control dos riscos para o risco de exceso de velocidade por erro humano que había era precisamente que ese era un risco controlado porque o regulamento de circulación dicía que o debían controlar os maquinistas.