A FEMP recomenda que todas as cidades limiten a velocidade a 30 km/h

A FEMP recomenda que en todas as zonas urbanas a velocidade máxima sexa de 20 a 30 quilómetros por hora © Cidades que Camiñan

O Ministerio do Interior anunciou o pasado mes de decembro que ao longo deste ano 2019 a velocidade máxima para circular nas vías urbanas quedará reducido a 30 quilómetros por hora nas rúas dun só carril por sentido e a 20 km/h naquelas vías de plataforma única, sen diferenza de nivel entre a calzada e a beirarrúa (na actualidade o máximo xenérico é 50 km/h). Só se manterá o actual límite de 50 km/h nas rúas que teñan dous carrís ou máis por cada sentido da circulación. 

A única excepción serían as vías que comunican os distritos das grandes cidades, normalmente de dous carrís por sentido, onde a velocidade podería acadar os 40 km/h

En xaneiro entrou xa en vigor a redución do límite de velocidade de 100 a 90 km/h nas estradas convencionais e está aínda pendente a aprobación da limitación nas vías urbanas. Porén, aínda non hai data para a limitación a 30 Km/h nas cidades.

A semana pasada a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) aprobou un informe de recomendacións que aposta por esta limitación da velocidade máxima no interior das cidades (grandes, medianas e pequenas) a 30 km/h. Ademais, recomenda que no interior dos barrios a velocidade máxima permitida sexa de 20 km/h. "Os itinerarios dentro do barrio non requiren gran velocidade porque o desprazamento non é moi amplo. Unha maior velocidade non fai máis que rebaixar moi levemente o tempo empregado (3 km a 30 km/h percórrense en 6 minutos e a 20 Km/h en 9 minutos)", explica a a FEMP

Só nas vías que sirvan para desprazarse entre uns distritos e outros nas grandes cidades (normalmente de máis dunha vía por sentido) a velocidade máxima se poida incrementar a 40 km/h. "Nas cidades intermedias e as pequenas cidades a velocidade máxima podería ser 30 Km/h, agás nas autovías urbanas", engade.

Recomenda que no interior dos barrios a velocidade máxima permitida sexa de 20 km/h

O informe da FEMP destaca que "os ciclomotores, motocicletas e os automóbiles, eléctricos ou de motor de combustión, consomen moito espazo no seu desprazamento, aparcadoiro e na configuración das dimensións da calzada; acadan altas velocidades; consomen moita enerxía respecto dos modos sustentables de desprazamento e non xeran unha cultura de mobilidade solidaria". E aposta, polo tanto, por "xerar espazos máis seguros para o peón" e pos potenciar "modos sostibles de mobilidade urbana", tanto os desprazamentos a pé e en bicicleta, como o transporte público ou os vehículos de mobilidade persoal motorizados (patinetes, bicicletas...).

As medidas anunciadas por Interior e que apoia a FEMP (e a maior parte da poboación, segundo as enquisas) buscan este obxectivo, tendo en conta que cada día entran nas cidades galegas ao redor de 800.000 coches e que nos últimos anos se multiplicou o número de accidentes con vítimas nas vías urbanas de Galicia, que pasaron de 565 en 2011 a 1.770 en 2017.

Centro urbano de Vigo CC-BY-SA Hombre DHojalata

A FEMP realiza neste informe outras recomendacións concretas relacionadas co uso dos espazos peonís (beirarrúas, parques e rúas peonís) e tamén coas novas regulacións sobre os vehículos de mobilidade persoal, motorizados ou non (patinetes, patíns, segways...). 

Cando os vehículos de mobilidade persoal (patinetes, segways...) están motorizados non poden circular en ningún caso polos espazos para peóns

O informe defende que cando estes vehículos de mobilidade persoal están motorizados, estes non poden circular en ningún caso polos espazos para peóns, compartindo o espazo das rúas cos demais vehículos. E cando non sexan motorizados (patíns...), a súa velocidade debe ser semellante á dos peóns. 

Os vehículos de mobilidade persoal tamén poderán circular polos carrís-bici, recomenda a FEMP, pero só a 20 quilómetros por hora como máximo. En todo caso, nos carrís-bici as bicicletas non eléctricas terán prioridade sobre o resto de vehículos (patinetes, segways, bicicletas eléctricas...).

A FEMP recomenda que os Concellos leven a cabo accións para conseguir "unha pacificación real do tráfico"

O informe tamén recomenda que os Concellos leven a cabo accións para conseguir "unha pacificación real do tráfico". A FEMP sinala que  "as medidas de acougado de tráfico, para ser eficaces, deben contar cun deseño do viario adecuado, ser controladas e o seu incumprimento sancionado" e engade que "as infraestruturas deben achegar seguridade e subxectivamente así ha de ser percibida".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.