A hospitalización con COVID baixa a 200 persoas por primeira vez desde comezos de setembro

Imaxe dunha UCI nun hospital do Sergas CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Sergas rexistra 122 novos casos, na media das dúas últimas semanas, e non comunica ningunha morte na última xornada por primeira vez desde hai medio ano, aínda que o dato pode ser revisado en días posteriores

Os hospitais galegos volven ter unha cifra tan baixa de persoas ingresadas con COVID-19, 200, como a comezos de setembro. Esa é a principal novidade dunha xornada na que o Sergas sumou 122 novos casos de COVID-19 ao rexistro acumulado desde o comezo da pandemia, 117 detectados por PCR nas últimas 24 horas. A cifra sitúase na media que vén rexistrándose nas dúas últimas semanas, á espera de que os datos dos próximos días poidan matizar o posible efecto das habituais caídas nas fins de semana. En todo caso, na última xornada foron realizadas case 7.000 probas PCR, a cifra máis alta en máis de dúas semanas, froito en parte de cribados xeralizados en varios concellos.

A última xornada tamén deixou o feito de que o Sergas non comunicou ningún novo falecemento, primeira vez que ocorre desde o 25 de setembro. Porén, o dato pode ser revisado nos días posteriores como xa ocorreu hai medio ano, de xeito que a serie histórica do Sergas agora si rexistra dous falecementos naquel día, mentres que a última xornada sen mortes nesa serie consolidada sitúase no 3 de outubro. En todo caso, a cifra total de falecementos desde o comezo da pandemia acada os 2.332.

Hai 26 persoas en UCI e 174 en hospitalización convencional

Nos hospitais a situación segue a mellorar e na última xornada rexístranse 26 persoas en UCI (seis menos que o día anterior) e 174 en hospitalización convencional (dúas máis), o que fai que o total de persoas ingresadas sexa de 200, cifra da que non se baixa desde comezos de setembro.

Pola súa banda, nas residencias a situación continúa a mellorar de xeito que a vacinación non só desplomou a mortalidade senón que a maioría dos poucos casos que se detectan sexan asintomáticos. E estes, á súa vez, continúan en descenso e xa son só 12 as persoas usuarias consideradas positivas en toda Galicia (11 en Silleda e unha en Xinzo de Limia) e 3 os traballadores. 

A área sanitaria de Vigo leva case dúas semanas sendo a única que ve medrar o número de casos activos e a cidade pasou no mesmo tempo dunha incidencia de 77 a 105

A nivel xeográfico, A Coruña segue a ser a área sanitaria con máis casos activos e incidencia, pero as dúas cifras continúan en descenso. Pola contra, en Vigo a situación está a empeorar. Na área sanitaria son 560 os casos activos actualmente fronte aos 451 aos que baixara hai case dúas semanas. Ademais, na cidade a incidencia acumulada en 14 días por 100.000 habitantes pasou dos 77 casos de hai dúas semanas a 105. Mentres, Lugo e Ourense ofrecen as mellores cifras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.