A hospitalización en UCI por COVID chega a 105 doentes nunha xornada con medio milleiro de novos positivos

CC-BY-SA Praza Pública

Os novos casos parecen volver estabilizarse malia á alteración rexistrada na área de Vigo tras o brote na residencia de Mos, nunha xornada con novamente máis de 8.000 PCR pero cunha positividade á baixa do 5,7%

Os datos oficiais da Xunta sobre a pandemia do coronavirus sumaron no último día 499 novos casos ao rexistro global, en liña coas cifras da última semana agás nas dúas últimas xornadas, cando se detectou un significativo brote nunha residencia de Mos limítrofe con Vigo. Esa área segue sendo na última xornada a que rexistra máis novos casos, case un terzo do total, como no día previo. Porén, a situación nas UCI segue a empeorar, con 105 casos, cifra similar á de finais de abril, e as mortes aumentaron noutras seis, ata un total de 1.062.

Por outra banda, o número de positivos activos leva unha semana descendendo, desde o pico de 10.276 ao que chegou o día 7 de novembro, e está agora en 9.298, unha caída froito dun ritmo de arredor de 800 altas diarias nas últimas xornadas.

A relativa estabilización da cifra de novos casos arredor do medio milleiro diario rexístrase tras catro xornadas consecutivas con máis de 8.000 probas PCR diarias -8.327 na última-, pero co feito significativo dunha caída na positividade das mesmas no último día ata o 5,7%, fronte ao arredor do 8% no que se viña situando desde mediados de outubro. A cifra, en todo caso, segue a superar o 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda para considerar controlada a pandemia.

Todas as áreas sanitarias agás Santiago rexistraron na última xornada menos novos casos que na anterior

Por áreas sanitarias, a de Vigo segue a ser a que presenta peores datos, novamente un terzo do total de novos positivos diarios. Pero se este sábado eran 219 os sumados polo Sergas, este domingo son 149. No resto de áreas, todas agás a de Santiago rexistraron menos novos positivos que na xornada anterior, con 66 novos casos en Compostela fronte aos 57 dun día antes. Pola súa banda, a de Lugo, que o sábado sumara 115 novos casos, tres veces máis que na xornada precedente, volve caer agora a 67 novos casos.

Canto á atención que requiren os doentes, a hospitalización en planta segue a moderarse, con 473 persoas, cinco menos que na xornada anterior, pero faino a costa de sumar esa mesma cifra ás UCI, que acada as 105 (o xoves eran 90), novo pico desta segunda vaga similar aos datos rexistrados a finais de abril. Ademais, hai que ter en conta que na última xornada sumáronse seis falecementos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.