A incidencia da COVID en Galicia segue por riba do peor da segunda vaga tras dúas semanas de pronunciado descenso

Entrega de kits para mostras de saliva no cribado da COVID en Fene, en febreiro de 2021, e mapa de incidencia con datos do día 12 CC-BY-SA Foto: Concello de Fene | Montaxe: Praza Pública

Dende o inicio da pandemia do SARS-CoV-2, Galicia nunca rexistrara un período tan prolongado e intenso como o actual de caída da incidencia acumulada (casos novos da COVID-19 por cada cen mil habitantes) tanto a 14 como a 7 días. Sendo isto certo, non o é menos que sucede despois dun período de ascenso igual de intenso, pero moito máis prolongado. Así despois de máis de dúas semanas de claro descenso, ambos indicadores de incidencia acumulada seguen moi altos e moi por riba do que fora o pico da segunda vaga, a única comparable porque daquela o Sergas xa dispuña dunha capacidade diagnóstica semellante á actual.

Para o conxunto de Galicia, a incidencia acumulada a 14 días vai camiño de descender dos 500 casos, cando na segunda vaga non superara os 350. A sete días baixa dos 200 por primeira vez dende o 11 de xaneiro, pero igualmente segue por riba do pico da segunda vaga, rexistrado en outubro de 2020 con arredor de 170.

O actual descenso da incidencia da COVID é o máis prolongado e intenso dende o inicio da pandemia, pero o anterior período de incremento de casos rexistrados fora aínda maior

Daquela, cando pasou máis dun mes dende a fin das festas do Nadal, Aninovo e Reis, os ecos dos contaxios daquelas semanas sitúan os principais indicadores epidemiolóxicos de Galicia aínda relativamente preto dos peores datos no que vai de pandemia. Fano nun contexto no que, entre o persoal sanitario, proliferan as alertas sobre as variantes do virus potencialmente máis transmisibles e, por extensión, as advertencias sobre a necesidade de manter as precaucións ata que a vacinación non se atope nunha fase máis avanzada. [Docentes, policías, persoal de emerxencias e de farmacias, entre os novos grupos prioritarios na vacinación da COVID]

Neste contexto, cómpre ter ademais en conta un elemento máis. Que os datos de incidencia acumulada seguen en claro descenso é unha evidencia, tal e como amosa o gráfico baixo estas liñas. Pero a letra pequena destas cifras indica que o ritmo de descenso tende a moderarse, o cal augura que, mesmo sen rebrotes de consideración, aínda queda un camiño prolongado por diante antes de que o país recupere unha situación de relativo acougo xeral.

O Sergas suma 648 casos novos e a media diaria de diagnósticos por PCR na última semana rolda os 721, aínda tamén por riba do máximo da segunda vaga malia á súa liña descendente

Son algunha das conclusións que é posible tirar nunha xornada na que o Servizo Galego de Saúde suma 648 novos casos do coronavirus, os rexistrados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves. Supoñen unha cifra lixeiramente inferior á do día previo e deles, 603 son diagnósticos mediante proba PCR. Aínda que os diagnósticos a través deste test tamén semellan frear o seu ritmo de diminución, polo momento esta segue sendo clara e  na última semana Galicia rexistra, de media, 721 diagnósticos ao día. O máximo na segunda vaga fora unha media semanal duns 673 diagnósticos diarios.

Alén destes incrementos -de momento, puntuais- nas cifras de novos casos nalgún día concreto, o certo é que seguen sendo notablemente inferiores ás rexistradas durante as semanas previas e ademais, os novos positivos seguen sendo menos que as altas epidemiolóxicas de persoas contaxiadas durante as semanas das festas. No que vai de mes de febreiro (ata as seis da tarde do xoves), o Sergas rexistrou máis de 15.400 altas epidemiolóxicas, moitas máis que casos novos, o que permite seguir diminuíndo a cifra de positivos activos, que queda en 15.894 [podes consultar a serie completa de casos activos por áreas sanitarias nesta ligazón]. No pico da segunda vaga, Galicia apenas superara os 10.000 positivos activos.

Menos hospitalización que na primeira vaga 

A diminución de positivos activos permite ir diminuíndo moi aos poucos a presión da COVID-19 sobre a Atención Primaria e o rastrexo. Mentres, as altas epidemiolóxicas e hospitalarias (cando un paciente ingresado pasa a dar negativo, desaparece da estatística aínda que continúe no hospital), xunto coa diminución aos poucos dos novos ingresos e tamén -en menor medida- por mor dos falecementos, van permitindo lixeiros alivios na ocupación hospitalaria. 

O alivio nas cifras de hospitalizacións chega sobre todo, polo momento, das camas ordinarias; nas UCI segue habendo máis de 200 persoas con test positivo da COVID-19

O total de persoas ingresadas con test positivo do coronavirus leva catro días seguidos diminuíndo, o cal non sucedía dende o verán. Este descenso chega sobre todo dende as unidades de hospitalización ordinaria, agora con 856 persoas ingresadas -a menor cifra dende o 23 de xaneiro-. Mentres, a ocupación das UCI por pacientes coa COVID-19 tamén comeza a ceder, pero moito máis lentamente. Agora son 228 as persoas nestas unidades de críticos, seis menos que un día antes e, agora si, tamén menos que hai unha semana, cando eran 251.

A forte presión hospitalaria é un dos principais argumentos dende os centros sanitarios para pedir cautela antes dunha eventual relaxación das restricións

O total de 1.084 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus son 205 menos que o mesmo día da semana anterior e, por primeira vez dende o 25 de xaneiro, son tamén menos que no pico de hospitalización da primeira vaga da pandemia, indicador que si é comparable ao actual (non sucede o mesmo coas cifras de casos rexistrados, pola menor capacidade diagnóstica de hai un ano). A presión hospitalaria si segue sendo moi superior á da segunda vaga, cando apenas se superaran os 600 ingresos simultáneos de persoas infectadas.

Esta forte presión hospitalaria é un dos principais argumentos que, dende os centros sanitarios, se esgrime á hora de pedir cautela ante unha eventual relaxación das medidas restritivas aprobadas pola Xunta a finais de xaneiro. Tal e como foi aprobado daquela, será a vindeira semana cando sexan revisadas (o límite para mantelas ou varialas é o día 17 de febreiro). As últimas declaracións do Goberno galego ao respecto son do presidente, Alberto Núñez Feijóo, que as condiciona ao avance da vacinación da poboación maior de 80 anos. Previamente, Feijóo avanzara unha desescalada "medida e gradual", pero o conselleiro de Sanidade matizara xusto despois que non é "prudente" falar da posibilidade de relaxar medidas ante unha ocupación das UCI como a actual.

Xa só dous concellos con máis de 10.000 habitantes e incidencia superior a mil

Entre todas estas cautelas, a mellora da incidencia acumulada da COVID-19 segue percibíndose sobre o mapa de Galicia. Así, mentres que a finais de xaneiro eran máis dunha decena os concellos con máis de 10.000 habitantes que superaban unha incidencia acumulada a 14 días de mil casos -un dos motivos esgrimidos polo Goberno galego para endurecer as medidas-, agora son xa só dous, Betanzos (1.210) e Poio (1.060) e ambos, en liña descendente.

Os concellos sen novos casos nas últimas dúas semanas roldan a vintena e vai en aumento, pero aínda son cinco veces menos que antes do Nadal

Así e todo, o total de concellos que superan ese limiar seguen sendo case unha vintena. Cómpre ter en conta, non obstante, que en municipios pouco poboados a incidencia acumulada pode dispararse con relativamente poucos casos. É o caso, por exemplo, dos concellos que actualmente rexistran as incidencias a 14 días máis elevadas do país, Moeche e Cabanas, por riba dos 3.000 e dos 2.000 casos na incidencia a 14 días, respectivamente: as súas poboacións son de 1.186 e 3.274 habitantes e nestas dúas semanas tiveron 37 e 72 casos novos. 

Paralelamente, o número de municipios sen casos novos en catorce días tamén vai aumentando lentamente e xa son unha vintena. Antes do Nadal, a mediados de decembro, eran cinco veces máis.

O descenso da incidencia acumulada da COVID-19 a catorce días tamén se consolida na maioría das sete principais cidades, consideradas habitualmente por Sanidade como un dos principais termómetros da marcha da pandemia. As incidencias máis baixas seguen sendo as de Lugo e Vigo, ambas a piques de baixar dos 300 casos por cada cen mil habitantes a 14 días. A máis alta continúa sendo a da Coruña, aínda con 660 casos novos por cen mil habitantes malia trazar un claro descenso dende principios de mes. En todas elas, as incidencias son aínda moi superiores ás previas ao Nadal.

Máis de vinte mortes diarias na media da última semana

As altas incidencias acumuladas que aínda se rexistran en moitos puntos de Galicia son mostra clara da virulencia da terceira vaga da pandemia. E aínda máis, as cifras de mortalidade. Esta terceira vaga xa superou amplamente as 619 mortes de persoas contaxiadas que se rexistraran na primeira mentres o Servizo Gaelgo de Saúde segue confirmando falecementos que se rexistraron en xaneiro (son xa 413 nese mes) e sobre todo, no presente febreiro (xa van 237). Na última semana houbo cada día, de media, unhas vinte mortes de persoas que contraeran a COVID-19. O total chega xa a 2.056.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.