A incidencia da COVID mantense estable en Galicia, que reduce a presión hospitalaria

Interior dun hospital galego CC-BY-SA Xunta

O impacto da COVID en Galicia segue estable ao aumentar pero de maneira moito máis lenta e acougada que en anteriores vagas. O país resiste con leves incrementos tanto no número diario de positivos como na incidencia, coa área de Vigo de novo como a que máis sofre o incremento nas cifras do coronavirus. 

Así, o número de persoas afectadas por COVID aumentou en todas as áreas agás na de Lugo, onde se sitúa en 205, dez menos que na xornada anterior. En Galicia o número de asos activos achégase aos 3.000 (2.977). Na área de Vigo, o incremento foi de 20 doentes (ata 843), mentres que na de Ferrol sumáronse 10 máis, ata 120. No resto, os ascensos foron moito máis moderados, cun paciente máis na da Coruña, dous na de Ourense, tres na de Pontevedra e sete na de Santiago. 

Na xornada de onte, ata as 18 horas, detectáronse en Galicia 204 contaxios novos, menos que o venres pero algo máis que hai sete días, cando se rexistraran 194. Así, na última semana a media de casos diarios en Galicia pasou de 157 a 170, cunha tendencia ascendente pero estable. 

Galicia detectou 204 contaxios novos na última xornada, dez máis que hai unha semana

A área de Vigo segue a ser a máis castigada nas últimas semanas, tras sumar 76 contaxios na última xornada, case un terzo dos rexistrados en toda Galicia. Na da Coruña-Cee foron 33 as novas infeccións, polas 27 da área de Santiago-Barbanza, as 22 de Pontevedra-O Salnés, as 18 da de Ourense, as 15 de Lugo ou as 13 de Ferrol. 

Todas estas cifras tras o día no que Galicia superou os 2 millóns de PCR realizadas desde que comezara a pandemia e logo de que se superasen as 8.000 nas újltimas 24 horas, un número semellante ao da xornada anterior. 

A presión asistencial redúcese nos hospitais galegos, con dez persoas menos ingresadas por COVID, aínda que nas UCI mantense estable con 43

En canto á presión asistencial, hai dez persoas menos ingresadas en Galicia por coronavirus que a xornada pasada, ata os 189, que son seis máis que hai unha semana. Pola contra, os casos activos aumentan e chegan aos 2.977, 38 máis.

Nos hospitais galegos, hai dez menos persoas ingresadas por coronavirus en planta, cun total de 146, mentres que se manteñen igual o número nas UCI, con 43.

No que ten que ver coa incidencia, hai en Galicia seis concellos que a manteñen por riba dos 500 casos por 100.000 habitantes a 14 días: Carballeda de Valdeorras, Lobeira, Muíños, Trabada e Verea. Ademais, entre 500 e 250 mantéñense outros como Cambre, Vilanova de Arousa, O Grove, Marín, Ribadumia, Coregada, Meira e Petín, mentres que A Pobra do Caramiñal alcanza os 247.

Xa que logo, nas áreas das Rías Baixas e do sur de Ourense, na Baixa Limia e na Limia, así como en Valdeorras, mantéñense como as zonas máis afectadas de Galicia pola COVID na actualidade, e tamén aquelas con maiores restricións. 

Así, dende vindeiro luns, 26 de abril, case corenta concellos galegos estarán no nivel medio, alto ou máximo das restricións da Xunta pola COVID-19 e os restantes, no baixo. Ata catorce deses municipios están na contorna da ría de Arousa, entre eles, tres dos cinco co nivel máximo de restricións, que implica peche perimetral e clausura da hostalería (A Pobra do Caramiñal e O Grove, aos que dende ese día se engade Vilanova de Arousa. Outra media ducia están bañados polas rías de Pontevedra ou Vigo.

Alén das rías baixas, as comarcas ourensás da Baixa Limia, Valdeorras e Verín concentran outra decena de municipios con máis restricións. O mapa complétase con catro concellos na provincia de Lugo e outros tres na da Coruña, arrodeados no seu caso de municipios en nivel baixo. 

En canto ás cidades, a incidencia acumulada (casos novos /100.000 habitantes) da COVID nos 14 días anteriores segue situando Vigo como a urbe coa tendencia máis ascendente, ao superar xa os 160, por diante da Coruña, que se mantén estable e baixa lixeiramente, ata quedar por debaixo dos 118. 

Ademais, no caso de Lugo, e aínda que se mantén en niveis baixos, inferiores aos 90 casos, mantén tamén unha tendencia en ascenso nos últimos días. Pola contra, o resto de cidades seguen nunha evolución moi estable e todas elas por baixo dos 82 casos de incidencia acumulada. 

 Dende o comezo da pandemia, o Sergas xa rexistrou 2.381 mortes de persoas que contraeran a COVID

Mentres, as cifras de mortalidade seguen na liña dos últimos días e a media de falecementos de persoas coa COVID-19 nos últimos sete días rolda o 1,4. Dende o comezo da pandemia, o Sergas xa rexistrou 2.381 mortes de persoas que contraeran a enfermidade provocada polo coronavirus, logo de que se notificasen dúas máis este pasado venres. 

Seguen en ascenso os casos nos centros educativos

Alén diso, os casos activos da COVID nos centros educativos galegos non universitarios mantéñense en ascenso e xa suman 590, 14 máis que a xornada anterior pero 108 máis que na fin de semana pasada. Mentres as aulas inoperativas soben en tres, até 28, aínda que segue sen haber centros pechados pola incidencia do coronavirus. 

Segundo o balance difundido este sábado Xunta, por áreas sanitarias, os casos activos soben nas de Vigo (+8), A Coruña (+4), Ferrol (+4) e Lugo (+1), mentres que descenden na de Ourense (-3) e mantéñense sen cambios en Pontevedra e Santiago. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.