A incidencia da COVID retoma en Galicia a senda descendente a unha semana da fin do estado de alarma

Unha traballadora do Sergas manexa mostras de probas PCR nun laboratorio CC-BY-SA Sergas

Ás 00:00 do vindeiro 9 de maio decaerá o Estado de Alarma decretado o pasado outubro para, daquela, tentar frear a segunda vaga da pandemia da COVID-19. Dende ese momento -e á espera das posibles medidas coordinadas que se adopten no Consello Interterritorial de Saúde, participado polo Goberno de España e as autonomías-, as restricións que adopten as autoridades sanitarias terán que recibir o visto e prace da Xustiza se non están contempladas na lexislación ordinaria vixente, como xa sucedera no outono de 2020.

A incidencia acumulada a 14 días rolda os 96 casos novos por cen mil habitantes e a 7 días sitúase un chisco por baixo da metade, o que indica tendencia descendente

Todo apunta a que Galicia entrará nesta nova fase cunha situación epidemiolóxica estable e mesmo lixeiramente descendente. Non en van, cos datos do último día completo dispoñible (o sábado, 1 de maio), as incidencias acumuladas -casos novos por cada cen mil habitantes- tanto a 7 como a 14 días retoman a senda descendente. O indicador a dúas semanas vista rolda os 96 casos e o da última semana, os 46. O feito de que a incidencia a 7 días sexa menos da metade que o dato acumulado a 14 días ratifica esa tendencia á baixa.

A volta a números descendentes tamén é posible observala noutro indicador, o da razón de taxas, que compara a incidencia acumulada a 7 ou 14 días dun día determinado co da mesma xornada da semana anterior. Se o resultado é maior a 1, supón que a incidencia está a aumentar e se é inferior a un, que descende. A razón de taxas para o indicador a 7 días vén de caer por baixo de 1, isto é, á senda descendente. E, aínda que pola mínima, sucede o mesmo co indicador a 14 días.

O Sergas suma 103 casos novos nun contexto no que o número de probas PCR segue sendo elevado e as súas taxas medias de positividade, inferiores ao 2%

Estas tendencias rexístranse nunha xornada, este 3 de maio, na que o Sergas suma 103 casos novos da COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo nun contexto no que o número de probas PCR procesadas segue sendo alto (na última semana, unha media de máis de 7.000 diarias) e a súa taxa de positividade, baixa (o dato medio para o global de Galicia a sete días está un chisco por baixo do 2%). Sobre o mapa, na xornada en que entran en vigor as novas mudanzas nas restricións da Xunta, os concellos con incidencias acumuladas máis elevadas seguen na contorna das Rías Baixas, no sur da provincia de Ourense e mais Valdeorras, puntos do Deza e das comarcas de Ordes ou Meira.

No que atinxe ás principais cidades, as liñas estables volven aos sete núcleos urbanos de referencia no país. En termos de incidencia acumulada a 14 días, a cifra máis avultada segue sendo a de Vigo, a única que supera os 150 casos novos por cada cen mil habitantes, pero en clara tendencia descendente e, ademais, tamén cunha tendencia ao acougo no indicador a sete días. Na banda contraria seguen Ferrol e Santiago, ambas arredor dos 40 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días.

A hospitalización segue estancada en torno ás 200 persoas 

Atendendo á cadencia de anteriores vagas, no caso de que a senda descendente se consolide, aínda haberá que agardar uns días para vela reflectida nos datos de hospitalizacións. Mentres, o número de persoas ingresadas nos hospitais galegos con test positivo da COVID-19 (como cada dato reportado en domingo, condicionado polo feito de que é un día no que adoitan tramitarse menos altas) segue estancado un chisco por riba das 200. Son, concretamente, 214, exactamente as mesmas que unha semana antes. Delas, 50 están na UCI; hai unha semana eran cinco menos.

Todos estes datos prodúcense nun contexto no que os indicadores de mortalidade ligados á pandemia tamén tenden a acougar. Tras un abril que foi o mes con menos mortes de persoas co coronavirus dende o pasado agosto, maio comezou con dous días seguidos sen mortes notificadas por parte do Sergas (este dato aínda pode variar nas seguintes xornadas). O total oficial segue, daquela, en 2.390 falecementos de pacientes coa COVID-19 en Galicia dende o inicio da pandemia.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.