A incidencia do coronavirus acada o seu valor máis elevado dende abril, con Ourense triplicando os datos galegos

CC-BY-SA Praza Pública

Este venres, durante a rolda de prensa ofrecida pola Consellaría de Sanidade para informar sobre a situación da pandemia de coronavirus en Galicia, destacouse que a incidencia da enfermidade mantiña unha tendencia estable, a pesar dos focos de preocupación existentes na provincia de Ourense e, en menor medida, en Santiago. Porén, un dos membros do comité clínico que asesora o Sergas tamén apuntou que os próximos 15 días serían "críticos" para o control da epidemia no noso país. A medida que avanzamos cara ao inverno e comezamos a facer máis vida (laboral, educativa, familiar e de ocio) en espazos interiores o risco de contaxios aumenta e a segunda vaga da enfermidade é unha realidade en toda Europa, con cifras de positivos en ascenso.

A incidencia acumulada aumenta, chegando a 150,76 casos por cada 100.000 habitantes, o valor máis elevado desta segunda vaga

A situación de Galicia segue a ser moito mellor que na meirande parte do resto do Estado, pero o número de casos na última semana si amosa unha tendencia á alza. Este sábado a Consellaría de Sanidade notifica 355 novos positivos detectados por PCR, unha cifra semellante aos 346 de onte e que deixa a media dos últimos sete días nos 292, algo por debaixo que o dato anterior. 

A incidencia acumulada nos últimos 14 días si aumenta, chegando a 150,76 casos por cada 100.000 habitantes, o valor máis elevado desta segunda vaga. De feito, dende o pasado 10 de abril non se rexistraba unha incidencia tan alta en Galicia. Iso si, os datos seguen lonxe da media española, fixada este venres nos 280 casos, segundo o Ministerio de Sanidade.

Ourense suma 6 das 7 mortes de pacientes con coronavirus rexistradas nas últimas 24 horas

Este sábado hai que engadir, ademais, 7 novos falecementos, o que eleva a 815 a cifra total de mortes de persoas con coronavirus dende o inicio da pandemia. Dende o 1 de agosto morreron case 200 pacientes de covid-19 en Galicia. Neste último día Ourense concentra a maior parte das defuncións, seis das sete. E, ademais, a área sanitaria ourensá é a que está rexistrando máis mortes neste mes de outubro: nos últimos dez días foron 26 do total de 42 que se rexistraron en toda Galicia.

A área sanitaria ourensá é, ademais, a que rexistrou máis casos positivos nas últimas 24 horas: 97 do total de 355 detectados en toda Galicia

A área sanitaria ourensá é, ademais, a que rexistrou máis casos positivos nas últimas 24 horas: 97 do total de 355 detectados en toda Galicia, por riba dos 81 notificados o venres e dos 61 do xoves. No resto de áreas a cifra de positivos diarios mantense estables, con Santiago e Vigo como as zonas con máis casos nos últimos días, ademais de Ourense.

Aumenta en toda Galicia o número de casos activos de coronavirus, de 4.680 a 4.745. Os casos activos medran en case todas as áreas, especialmente en Vigo, descendendo de forma importante en Lugo.

A taxa de positividade en Galicia sitúase no 6%, cunha tendencia á estabilidade. Baixa en Ourense, que segue a ser a área cunha taxa maior, e medra levemente no resto

Mantense estable a taxa de positividade (a porcentaxe de probas PCR que teñe un resultado positivos en coronavirus). A media dos últimos sete días en Galicia está no 6%, despois de aumentar moito dende o 4,76% do pasado sábado e o 3,38% de hai 14 días. Porén, nos últimos días a taxa mantense no mesmo nivel, mesmo con tendencia a un lixeiro descenso.

Ourense é a área sanitaria cunha maior taxa de positividade (8,13%), pero cunha clara tendencia á baixa (12,1% o pasado sábado). O resto de áreas móvense entre o 4,34% de Ferrol e o 6,06% de Vigo. En todas as zonas agás Ourense obsérvase unha lenta tendencia a medrar este indicador.

A taxa galega segue en todo caso moi por debaixo da media española (11,3%), superando o 15% en Madrid, Aragón e as dúas Castelas.

Ourense é tamén a área cunha incidencia acumulada máis elevada, con 478 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días

Ourense é tamén a área cunha incidencia acumulada máis elevada, con 478 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. Este indicador mantense estable nos últimos días (pasou de 476 a 478 nas últimas tres xornadas), pero segue a triplicar a media galega. A área de Santiago (141 casos) é a segunda cunha maior incidencia, seguida de Pontevedra e A Coruña. Todas as áreas están a incrementar a súa incidencia, agás a de Lugo, onde se mantén estable.

Nas últimas 24 horas realizáronse 7.138 probas PCR, unha das cifras máis elevadas dos últimos días, e a media diaria na última semana supera as 5.190 probas.

O número de pacientes con covid-19 en Galicia pasa de 272 a 269 (40 en UCI e 229 no resto de unidades hospitalarias)

En canto á ocupación hospitalaria, semella que no último día freou a súa tendencia de ascenso da última semana. Este sábado o número de pacientes con covid-19 en Galicia pasa de 272 a 269 (40 en UCI e 229 no resto de unidades hospitalarias). Ourense segue a ser a área cun maior número de ingresos (12 en UCI e 89 no resto), aínda que este sábado reduce levemente os seus indicadores.

A pesar do ascenso experimentado nos últimos días, en Galicia a porcentaxe de camas hospitalarias ocupadas por pacientes de Covid-19 segue sendo baixa, un 4,02%, que chega ao 6,02% no que atinxe ás camas de UCI, moi lonxe da media española (9,83% e 19,56%).

En canto ás residencias de maiores e de atención á discapacidade, hai un total de 498 casos activos (357 entre os e as residentes e 141 entre o persoal), cun claro descenso dende os 559 do día anterior, debido á gran cantidade de 'altas' introducidas entre residentes de Domusvi Lugo de Outeiro de Rei. A Residencia Os Gozos (O Pereiro de Aguiar), con 206 casos; a Residencia DomusVi Lugo (Outeiro de Rei), con 90; a Residencia Val de Monterrei, con 65; e a Residencia Nosa Señora do Viso (Lobeira), con 39 casos, son os centros cun maior número de infeccións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.