Galicia suma 346 novos casos de coronavirus, con Ourense e Santiago como principais preocupacións

CC-BY-SA Praza Pública

O número de casos de coronavirus rexistrados en Galicia volveu aumentar no último día, cun total de 346 novos positivos detectados por proba PCR, un ascenso despois de tres xornadas por debaixo de 300 casos. A media nos útimos sete días sitúase nos 282 casos e a incidencia acumulada nos últimos 14 días en Galicia rolda os 137 casos por cada 100.000 habitantes, cunha tendencia á alza pero moi por debaixo da media española, situada nos 270 casos, case o dobre.

Ourense segue a ser a cidade cunha maior incidencia, cunha "tendencia a mellorar", pero aínda con cifras moi elevadas, por riba de 455 casos cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días

Nunha comparecencia ante os medios, o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou que a situación en Galicia mantense "estable" e sinalou a provincia de Ourense e a cidade de Santiago como os dous lugares que neste momento espertan unha maior preocupación, destacando sobre todo a situación na área sanitaria ourensá. Subliñou, con todo, que os datos de novos casos na cidade de Ourense (cunha incidencia acumulada de 196,7 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 7 días e de 455,2 casos en 14 días) amosan unha "tendencia a mellorar". O obxectivo da Consellería de Sanidade é que estes datos baixen aínda moito máis, polo que de momento vanse manter as restricións aplicadas neste momento.

As farmacias dos concellos de Ourense, Barbadás, O Carballiño, Verín e O Barco de Valdeorras realizarán tests serolóxicos a quen o solicite

O único concello no que se relaxan as medidas é o de Ortigueira, que experimentou unha "diminución drástica" de positivos de coronavirus nos últimos días.

Na provincia de Ourense, ademais, as farmacias dos concellos de Ourense, Barbadás, O Carballiño, Verín e O Barco de Valdeorras realizarán tests serolóxicos (test rápido) a quen o solicite. Se estas probas teñen un resultado positivo, posteriormente levarase a cabo unha proba PCR para confirmar a infección. O obxectivo é incrementar a capacidade diagnóstica nestas localidades, que son as que presentan unha maior incidencia en toda Galicia. As persoas que desexen facelo deberán solicitalo previamente na súa farmacia ou a través da web do Colexio de Famacéuticos de Ourense. O presidente do órgano colexial, Santiago Leyes Vence, subliñou que se trata dunha "medida pionera en España" cuxa misión é “contribuír a frear a curva de contaxios na provincia”.

Dende a Consellaría de Sanidade, fíxose a recomendación de "evitar as festas universitarias ata que pase a pandemia"

No caso de Santiago, a incidencia é moito máis reducida que en Ourense (140,9 casos por 100.000 habitantes en 7 días e 209,7 casos en 14 días), pero dende o Sergas destácase que cómpre estar "vixilantes". Os responsables da consellaría fixeron fincapé no perigo ligado ás reunións sociais e festas que nestas semanas se están a levar a cabo en pisos e outros espazos pechados, coincidindo co inicio do curso universitario, e que poden converterse nun foco de contaxio e expansión da enfermidade. En Salamanca, por exemplo, a escalada da incidencia que levou ao confinamento de toda a cidade, semella estar relacionado con estes encontros sociais.

Dende a Consellaría de Sanidade, fíxose a recomendación de "evitar as festas universitarias ata que pase a pandemia". Ademais, lembrouse a necesidade de ter posta a máscara de protección sempre que unha persoa se atope nun espazo pechado.

A Xunta iniciará cribados masivos nos sete campus universitarios galegos

Co obxectivo de manter controladas posibles infeccións e gromos nas cidades, a Xunta anunciou que nos vindeiros días iniciará cribados masivos nos sete campus universitarios galegos. Estes cribados realizaranse con probas de PCR mediante saliva e empregando a técnica de pooling, que permite a realización de máis test con menor custo e de forma máis rápido. A Universidade de Vigo completou hai uns días as probas masivas entre o seu persoal e está a piques de iniciar tamén PCR aleatorias entre o seu estudantado. 

Nos últimos días a Consellaría de Sanidade xa levou a cabo un cribado nas residencias universitarias da cidade de Santiago de Compostela, levando a cabo un total de 903 probas sobre un obxectivo total de 1089 persoas. Dende o Sergas destácase o elevado nivel de "adherencia" amosado polos e polas estudantes (un 83%), é dicir, a boa disposición amosada para aceptar levar a cabo estas probas voluntarias.

Na última xornadas houbo que lamentar, ademais, 5 novos falecementos, que elevan a 808 a cifra total, 32 na última semana

Os 346 positivos detectados nas últimas 24 horas elevan a 4.680 o número de casos activos en Galicia (111 máis ca onte), con 238 persoas que pasan a figurar como "curadas" ou "altas". Na última xornadas houbo que lamentar, ademais, 5 novos falecementos, que elevan a 808 a cifra total, 32 na última semana.

Deses 4.680 casos activos, 784 son da área da Coruña (14 máis ca onte), 475 da de Lugo (8 máis), 1.601 da de Ourense (9 máis), 401 da de Pontevedra (18 máis), 592 da área de Vigo (58 máis), 660 da de Santiago (2 máis), e 167 da de Ferrol (19 máis).

Aínda que Vigo é a área que máis incrementa o seu número de casos activos, algo que leva facendo toda a última semana (o pasado xoves rexistraba unicamente 408), a área sanitaria da cidade olívica segue a rexistrar as taxas de incidencia máis reducidas de toda Galicia, xunto con Ferrol.

A incidencia máis elevada corresponde, con gran diferenza, á area sanitaria ourensá, cuns 476 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días

A incidencia máis elevada corresponde, con gran diferenza, á area sanitaria ourensá, cuns 476 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. Santiago, con 135 casos por cada 100.000 habitantes, ten a segunda taxa máis alta.

Nas últimas 24 horas leváronse a cabo 6.629 probas PCR, moi por riba dos datos dos últimos días. A media na última semana rolda as 4.900 probas. A taxa de positividade en Galicia está no 6,25% nos últimos sete días, mantendo unha certa estabilidade, pero cunha tendencia á alza no que levamos de mes de outubro. A área sanitaria ourensá (9,2% de probas PCR positivas de media na última semana), Vigo (6,06%) e Santiago (5,96%) encabezan a lista de zonas con máis probas postivas.

O ocupación hospitalaria pasou de 225 a 272 pacientes covid-19 nunha semana

A ocupación hospitalaria tamén segue a medrar en Galicia. Neste momento o número de pacientes con covid-19 ingresados e ingresadas ascende a 272 persoas (231 en unidades convencionais e 41 en UCI). Hai unha semana eran 225. Ourense é a área sanitaria que máis incrementou os seus ingresos na última semana, que chegan a 105 (92+13), moi por riba da Coruña (con tendencia á baixa) e Santiago e Vigo (con tendencia á alza).

En canto ás residencias de maiores e de atención á discapacidade, hai un total de 559 casos activos (417 entre os e as residentes e 142 entre o persoal), dous menos que o día anterior. A Residencia Os Gozos (O Pereiro de Aguiar), con 209 casos; a Residencia DomusVi Lugo (Outeiro de Rei), con 140; a Residencia Val de Monterrei, con 68; e a Residencia Nosa Señora do Viso (Lobeira), con 39 casos, son os centros cun maior número de infeccións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.