A loita contra Altri estrea o seu documental

'A loita final' estréase o 12 de abril en Palas de Rei CC-BY-SA Ulloa Viva

A loita final. É o título do documental, dirixido por Enrique Banet e producido por Mabel Rivera, que analiza os posibles efectos da implantación da planta de Altri en Palas de Rei, localidade onde se estreará este sábado, 12 de abril, a partir das 20 horas na Casa da Cultura. 

A plataforma Ulloa Viva e mais o colectivo Palas Viva explican que o documental xorde "a raíz da preocupación suscitada" polas posibilidades de que un proxecto da "envergadura" do proxecto industrial da celulosa portuguesa e Greenalia "se puidese realizar". 

"Aínda non se coñecen coa profundidade que deberían certas cuestións”, advirte a actriz Mabel Rivera, produtora da peza audiovisual, que explica que unha das motivacións para a súa creación foi “o alarmante informe do Consello da Cultura Galega”. 

'A loita viva' estréase o sábado 12 de abril en Palas de Rei

Neste documento, unha decena de persoas expertas en eidos coma patrimonio, edafoloxía, agro, hidroloxía, economía, desenvolvemento rural ou saúde abordaron de maneira tan ampla coma crítica os posibles impactos da fábrica de celulosa. 

O traballo destacaba que o emprazamento de Altri en Palas "responde a necesidades esóxenas ao territorio", reducido a "soporte da actividade económica" e exposto a "unha grave fractura". Ademais, advertía de que daría menos emprego do prometido e de que suporía "incrementar substancialmente as plantacións de eucaliptos en Galicia ou, no seu defecto, importar madeira". 

"A difusión do documental supón levar a cabo “un labor de servizo público que agora mesmo non se está a cubrir pola televisión pública”

A loita final, como explica a súa produtora, creouse de maneira desinteresada e vai estar a disposición de todo aquel que o queira ver. Ademais, considera que a súa difusión supón levar a cabo “un labor de servizo público que agora mesmo non se está a cubrir pola televisión pública”.

Para os autores do documental, segundo explican nun comunicado, o obxectivo é “que a xente teña a posibilidade de coñecer esta información e a partir de aquí que decida libremente”. 

'A loita final' estréase o 12 de abril en Palas de Rei CC-BY-SA Ulloa Viva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.