A mingua dos visitantes de fóra de Galicia fai caer os datos turísticos por primeira vez dende o 2012

Praia de Silgar, en Sanxenxo CC-BY-SA Lmbuga

Descenden sobre todo as noite durmidas por visitantes de fóra de Galicia, que pasan de 7,7 millóns a algo máis de 6,9 millóns

No ano 2018 as noites durmidas en Galicia por turistas en establecementos regulados superaron lixeiramente os 10 millóns (10.233.651), o que supón un importante descenso con respecto ao ano anterior, no que a cifra rozou os 10,7 millóns de pernoctacións. O dato segue a superar o rexistrado no 2016, pero constitúe o primeiro descenso dende o ano 2012 e corta unha xeira de cinco anos consecutivos de ascensos, segundo as estatísticas ofrecidas polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Descenden sobre todo as noite durmidas por visitantes de fóra de Galicia, que pasan de 7,7 millóns a algo máis de 6,9 millóns. Esta redución só se ve compensada en parte por un lixeiro crecemento das pernoctacións dos e das viaxeiras galegas no propio territorio, que manteñen unha dinámica ascendente iniciada no ano 2013.

Compostela, A Coruña e as Rías Baixas concentran o 71% das pernoctacións turísticas

O turismo en Galicia segue concentrado na cidade de Santiago de Compostela, A Coruña e arredores e o conxunto das Rías Baixas, dende a Ría de Arousa á de Vigo pasando pola de Pontevedra. Entre estas áreas concentran o 71,1% das pernoctacións totais de Galicia, incrementando mesmo a porcentaxe que supoñía no 2017, cando xa superaban o 70%.

A Ría de Arousa é a área con máis estadías turísticas en toda Galicia, superando os dous millóns de pernoctacións anuais, algo máis que Compostela e a área de Vigo e o Baixo Miño, con algo máis de millón e medio. A Coruña e a súa área roldan os 1,3 millóns. Tanto a Ría de Arousa como Santiago de Compostela presentan importantes descensos no número de pernoctacións en establecementos regulados, do 7% e do 8%. Estas dúas áreas son as que rexistraron un maior incremento dos pisos turísticos nos últimos anos, o que xa obrigou ás administracións a tomar medidas para impedir irregularidades e procesos de saturación.

A maior parte das comarcas galegas presentan descensos maiores ou menores. As excepcións son Vigo e Baixo Miño, Ferrolterra, Mariña, Muros e Noia, Manzaneda ou Celanova. Destaca a importante caída rexistrada pola Costa da Morte (-23%) e a área de Ancares-Courel (-25%).

A Ría de Arousa é o territorio galego con máis presión turística, con máis de 10 pernoctacións por habitante

O IGE tamén ofrece unha serie de indicadores que permiten analizar o nivel de saturación e de presión turística en cada territorio e, igualmente, a estacionalidade, é dicir, a concentración do turismo nos meses do verán. O indicador de poboación comparo o número de pernoctacións turísticas nunha comarca e a poboación que reside alí de forma permanente. Así, a área da Ría de Arousa sería o territorio galego con máis presión turística, con máis de 10 pernoctacións por habitante. A moita distancia aparecen Compostela, a Mariña Lucense e a Ribeira Sacra.

Por outra banda, cómpre salientar que o indicador de estacionalidade amosa que o pasado ano se reduciu en Galicia a concentración do turismo nos meses de xullo e agosto, que pasou do 33% ao 29%. A porcentaxe caeu en todas as comarcas, pero segue superando o 30% na Ría de Arousa, Ría de Muros e Noia, Mariña Lucense, Ferrolterra, Costa da Morte e Ría de Pontevedra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.