A nave de Ponte Sampaio na que morreu un operario en 2022 incumpría a normativa de incendios

Concesión da antiga Pontesa en terreos parcialmente gañados á ría de Vigo xunto a desembocadura do río Verdugo CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

Galigrain, do Grupo Nogar é condenada a unha multa de 60.000 euros na vía administrativa mentres dous dos seus directivos seguen investigados na vía penal por homicidio imprudente 

A comezos de novembro de 2022 un incendio ardeu durante varios días en Ponte Sampaio, Pontevedra, nunha nave da antiga fábrica de porcelana de Pontesa que estaba a ser empregada como almacén de cereais pola empresa Galigrain, do Grupo Nogar, de loxística e transporte. No sinistro morreu un traballador, concelleiro do PSdeG en Marín, e outros dous resultaron feridos, feitos polos que están sendo investigados na vía penal dous directivos de Galigrain por homicidio e lesións por imprudencia

Pero na vía administrativa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ratificar unha sanción a Galigrain de 60.000 euros por realizar a súa actividade carecendo da "documentación técnica que xustifica o cumprimento regulamentario en materia de incendios" e "substraendo as circunstancias reais do seu desenvolvemento do oportuno control da Administración".

Instalacións da antiga Pontesa en Ponte Sampaio nas que se produciu o incendio en novembro de 2022 © Google

A fábrica de cerámica cesou a súa actividade en 2004 e os terreos, concesión de Costas, pasaron a Itaipu Trade SL, que en agosto de 2017 os arrendou a Galigrain, do Grupo Nogar. Esta empresa usounos como almacén de cereais, cunhas 42.000 toneladas alí acumuladas no momento do incendio, segundo as peritaxes realizadas na causa xudicial. 

Tras o incendio, inspectores de Industria da Xunta revisaron as instalacións e sancionaron a empresa con 60.000 euros por carecer da documentación técnica que precisaba en materia de incendios e que permitiría á administración supervisar a súa actividade. Unha multa contra a que a empresa recorreu primeiro ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra, que en marzo do pasado ano ratificou a multa. A empresa volveu recorrer e agora, nunha sentenza con data do 24 de novembro feita pública nos últimos días, o TSXG avala novamente a multa e a sentenza previa.

Sentenza do Contencioso-Administrativo do TSXG que avala a sanción a Galigrain por incumprir a normativa de incendios en Ponte Sampaio CC-BY-SA Praza Pública

A empresa argumentou que na nave facíase "almacenamento industrial" xa "desde os anos 60" polo que non lle era de aplicación unha nova normativa, pero a xustiza salienta as "enormes diferenzas entre os dous materiais, cerámica fronte a gran" 

A empresa argumentou que a normativa de incendios que lle aplicou a Xunta entrou en vigor en 2004 e era esixible para a posta en marcha de novas actividades, pero que no seu caso a actividade de "almacenamento industrial" viña realizándose na nave incendiada "xa desde os anos 60". Así, ao seu ver, a nave xa estaba autorizada para "almacenamento industrial" non só cando ela comezou a usala en 2017 senón tamén cando entrou en vigor a normativa de 2004, polo que non lle era de aplicación.

Porén, os inspectores da Xunta consideraron que houbo "unha modificación da actividade xa que [Galigrain] implantou, desde a súa ocupación, novos almacenamentos industriais". E a xustiza coincide con esa visión salientando as "enormes diferenzas entre os dous materiais (cerámica fronte a gran) pois os produtos e materiais cerámicos son por esencia incombustibles" fronte á carga enerxética dos cereais almacenados que supuñan acadar "un nivel de risco máximo" de acordo coa normativa incumprida. 

O TSXG incide en que esa normativa era esixible "para os establecementos de nova construción pero tamén para os que muden as condicións e características da súa actividade", e que "o establecemento de Galigrain na instalación de referencia pode e debe ser tratado como novo, non preexistente á data de entrada en vigor" da normativa de 2004. Por iso, conclúe avalando a sanción de 60.000 euros da Xunta.

Sede da Audiencia de Pontevedra © Google

En maio a Audiencia de Pontevedra avalou continuar a causa penal por homicidio imprudente contra dous directivos da empresa

Á marxe deste proceso contencioso-administrativo, na vía penal o pasado maio a Audiencia de Pontevedra emitiu un auto avalando a decisión do xulgado instrutor de continuar a causa por homicidio por imprudencia e lesións por imprudencia contra dous directivos de Galigrain dando por rematada a fase de dilixencias previas e incoando procedemento abreviado, seguinte paso de cara á apertura dun xuízo oral. Os investigados son o administrador de Galigrain e o director de calidade e responsable de prevención de riscos laborais, así como a propia empresa en calidade de responsable civil subsidiaria. 

Segundo o auto co que a Audiencia avalou ao xulgado instrutor, "a día de hoxe das actuacións despréndense indicios" que se consideran "suficientes" para continuar o procedemento xudicial contra eles. Previamente a xustiza investigara tamén a actuación dos bombeiros de Pontevedra pero eximiunos de responsabilidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.