A neve cobre o interior do país entre máis dun milleiro de incidencias polo temporal

Nevarada no Courel, nunha imaxe divulgada polo Concello de Folgoso este 18 de xaneiro de 2023 © Concello de Folgoso do Courel

O primeiro temporal do 2023, alimentado polas borrascas Gerard e Fien, cubriu este 18 de xaneiro de neve practicamente a metade do territorio galego. Fíxoo con especial intensidade nas áreas montañosas de Lugo e Ourense, se ben ata o mediodía as folerpas tamén caeran en áreas máis baixas, cunha cota aproximada de 500 metros e baixas temperaturas que favoreceron que a neve callase en numerosas vilas e tamén en centros urbanos como a cidade de Lugo.

Emerxencias contabiliza unhas 1.280 incidencias dende o inicio do temporal. A cota de neve caeu ata os 500 metros este 18 de xaneiro, segundo MeteoGalicia

Dende a medianoite do martes ao mércores e ata as 6 da mañá, a Axencia Galega de Emerxencias agregara ata 160 novas incidencias a un total de máis dun milleiro que xa levaba contabilizadas dende o comezo do temporal, o día 16. En total, unhas 1.280 entre as que as máis abondosas continuaban sendo caídas de árbores e pólas sobre estradas (566 ata esa hora), seguidas dos efectos das nevaradas en diferentes vías (63) xunto con 45 asolagamentos, 17 derrubamentos e unha decena de fochancas provocadas polo propio temporal.

Evolución das nevaradas dende as 00:00 e ata as 11 da mañá do 18 de xaneiro de 2023 © MeteoGalicia

A neve, destaca o 112, provocou nas primeiras horas deste mércores problemas para circular en vías como a autovía A-52, que tivo que ser cortada para vehículos pesados á altura de Riós, na provincia de Ourense. A autovía A-6, ao seu paso pola provincia de Lugo, tamén experimentou atrancos en localidades como As Nogais, Pedrafita ou O Corgo. Na área de servizo de Guitiriz, preto do límite coa provincia da Coruña, a Garda Civil embolsou os camións para evitar que continuasen circulando cara ás áreas con problemas.

As nevaradas provocaron dificultades para circular en múltiplas vías secundarias e tamén na autovía A-6 ao seu paso pola provincia de Lugo

Na cidade de Lugo, onde o río Miño xa se desbordara durante a xornada do martes, en varios puntos, o Concello sinalaba que este mércores o nivel das augas xa baixara uns 30 centímetros na contorna da estrada N-6 ao seu paso polo municipio. Protección Civil e servizos de limpeza, asemade, esparexeron sal nas beirarrúas e calzadas onde callou a neve.

Máis atrancos, informa o 112, houbo noutras localidades como Sarreaus (Ourense), onde un condutor dun autobús avisou a Emerxencias ante a imposibilidade de seguir circulando pola estrada OU-113. Noutra estrada ourensá, a OU-112 nos Blancos, un particular advertiu de que tres coches quedaran atrapados. "Fóra do ámbito das estradas -agrega emerxencias- unha árbore caída impediu a uns veciños abandonar a súa vivenda en Ortigueira".

Efectos das nevaradas en diversos puntos da A-6 e da N-6 ao seu paso pola provincia de Lugo, en imaxes captadas polas cámaras da DGT este 18 de xaneiro © DGT

Alén da circulación, Emerxencias tamén recibiu avisos por cortes de luz en diversas localidades. Así sucedeu, exemplifican, en Vilagarcía e mais en Carballo, entre outras localidades.

Todo isto sucede nunha xornada na que MeteoGalicia mantén o aviso laranxa por neve nas áreas montañosas da provincia de Lugo e en gran parte dos concellos da provincia de Ourense e alerta amarela pola mesma razón na práctica totalidade do interior galego. Na costa, os avisos por vento e ondas abranguen a totalidade do litoral galego. Na xornada do xoves, a alerta amarela por neve restrínxese xa á montaña de Lugo, mentres que a provincia da Coruña e parte das de Pontevedra e Ourense quedan afectados por un aviso do mesmo tipo, pero por chuvias. [Máis información, en MeteoGalicia]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.