A ocupación das UCI polo coronavirus volve caer tras o lixeiro aumento do día anterior

CC-BY-NC-SA Praza Pública

A área sanitaria da Coruña segue a sumar casos activos malia o estancamento das principais cifras xerais e en toda Galicia súmanse dez novas mortes, a metade en residencias

As cifras oficiais de seguimento do impacto do coronavirus en Galicia ofrecidas este domingo polo Sergas amosan un estancamento xeral das principais cifras tanto positivas como negativas. Porén, a máis negativa das ofrecidas este sábado, o feito de que tras máis de tres semanas de continuos descensos se producise un lixeiro incremento de 87 a 90 persoas ingresadas en unidades de coidados intensivos (UCI), volve á senda positiva e rexistra un novo descenso, a 85. O estancamento xeral das cifras, non obstante, non se produce na área sanitaria da Coruña, que segue a sumar casos activos, e en toda Galicia súmanse dez novas mortes, a metade de persoas que vivían en residencias.

O número de casos activos segue a medrar pero cunha cifra moi baixa, apenas 32 máis, ata un total de 6.856, un 0,47% de incremento, pero faino ao tempo que o número de probas PCR de detección cae das máis de 4.000 das que se informou o sábado, a maior cifra desde o comezo da crise sanitaria e que fixero abrollar o maior número de novos casos en dúas semanas, a só 2.697 probas na última xornada.

Canto ao tipo de atención que requiren os doentes, xunto coa nova caída dos atendidos en UCI, tamén se reduce a cifra de hospitalización convencional, pero moi lixeiramente, con 5 persoas menos, un 1%. Pola súa banda, as persoas con coronavirus nos seus domicilios aumentan tamén moi lixeiramente, un 0,67%. E tamén as altas se moderan, con 20 novas, un 1% de aumento.

Nesta última xornada os falecementos aumentaron en dez máis, ata un total de 519, un 2% de aumento, en liña coas cifras de días anteriores. Deles, a metade das mortes, cinco, foron de persoas que vivían en residencias (catro) ou que foran trasladadas desde eses centros a hospitais (unha). Pola contra, o número de casos activos entre os usuarios de residencias volve reducirse novamente, pasando de 875 a 870, mentres que entre o persoal que atende eses centros hai un lixeiro aumento dun caso, ata un total de 344.

A Coruña suma a metade dos novos casos activos de toda Galicia

No que respecta ao impacto xeográfico, o estancamento xeral da maior parte dos datos durante a última xornada, que se replica na maioría das áreas sanitarias, non se produce na da Coruña, que continúa co seu elevado ritmo de aumento de casos a respecto do resto de áreas. Alí rexístranse 15 casos activos máis, a metade dos rexistrados en toda Galicia, ata un total de 1.644. Por detrás, Ourense, que segue a ser a área con maior incidencia por número de habitantes, suma outros oito casos, seis a de Santiago, e tres a de Ferrol, mentres que o resto de áreas manteñen as mesmas cifras que un día antes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.