A pandemia baleirou cidades e zonas turísticas e encheu os concellos ao redor das áreas urbanas

Rúas baleiras na Coruña durante o estado de alarma © Policía Local da Coruña

Lembran a pandemia? Lembran como pasaron os meses de confinamento máis estrito, entre marzo e xuño? As rúas e estradas desertas, as aulas baleiras, o teletraballo nos empregos que podían aplicalo... A COVID-19 tivo efectos moi determinantes sobre o espazo habitado, especialmente no segundo trimestre do 2020 e no conxunto do ano, pois as restricións ou as recomendacións do traballo e do estudo en liña se mantiveron durante un longo período. 

A gran maioría dos concellos galegos gañaron habitantes neses meses, poboación flotante que habitualmente marchar estudar, traballar, mercar ou a un centro médico) ás grandes cidades, que ficaron máis deshabitadas entre marzo e xuño

O IGE publicou hai uns días os datos correspondentes ao ano 2020 sobre a carga de poboación estacional dos concellos de Galicia, unha estatística que adoita servir para comprobar o peso engadido que en determinadas zonas (especialmente as cidades) supón a poboación que traballa e estuda nelas aínda que vive noutras localidades. E, de igual xeito, como moitas áreas turísticas gañan habitantes durante o verán. Nesta ocasión, ademais, estes datos reflicten o efecto que no ano 2020 tivo a pandemia sobre o número de residentes reais de cidades, vilas e concellos rurais de Galicia.

Lembremos, primeiro, que a mediados de marzo dese ano 2020 todo se detivo, con efecto múltiples. O estudantado universitario, habitualmente concentrado nas cidades, viuse obrigado a regresar ás súas localidades de orixe. De igual xeito, unha gran masa de traballadores e traballadoras -ben por teletraballo, ben por cese de actividade- deixou de realizar os desprazamentos diarios que moitas persoas fan entre os concellos nos que residen e os concellos nos que teñen os seu emprego. Así mesmo, o turismo paralizouse por completo.

As consecuencias de todo isto obsérvanse no primeiro mapa, que reflicte os cambios na carga poboacional (o número de persoas que se atopan nun determinado concello, independentemente de estaren empadroadas alí ou non). Cómpre ter en conta que os datos se refiren ao número medio de persoas equivalentes a tempo completo que realmente soporta un concello. É dicir, que se unha persoa pasa a metade do día nun concello (por traballo, estudos, comercio ou outro motivo) conta como media unidade.

Tamén perderon poboación en relación ao 2019 as localidades que adoitan recibir máis visitantes e turistas, tanto nas zonas litorais coma nos concellos polas que pasa o Camiño Francés e Compostela

A gran maioría dos concellos galegos gañaron poboación neses meses, poboación flotante que habitualmente marchar estudar, traballar, mercar ou a un centro médico) ás grandes cidades, que ficaron máis deshabitadas entre marzo e xuño. Un efecto que neses meses nalgúns casos se consolidou a través dos cambios no empadroamentos. Tamén perderon poboación en relación ao 2019 as localidades que adoitan recibir máis visitantes e turistas, tanto nas zonas litorais coma nos concellos polas que pasa o Camiño Francés e Compostela.

No mapa vemos como unha boa parte dos concellos da Coruña, Pontevedra e Lugo gañaron poboación, coas excepcións apuntadas de cidades e áreas turísticas. Porén, vemos como as localidades da montaña lucense, da Ribeira Sacra e máis das zonas máis orientais de Ourense tamén perderon carga poboacional nestes meses.

Entre os concellos que máis poboación gañaron están, en primeiro lugar, localidades que rodean as cidades e que actúan como dormitorio delas, é dicir, que acollen poboación que vive alí, pero vai traballar á urbe de referencia

Entre os concellos que máis poboación gañaron están, en primeiro lugar, localidades que rodean as cidades e que actúan como dormitorio delas, é dicir, que acollen poboación que vive alí, pero vai traballar á urbe de referencia. Así, Oleiros, Narón, Cambre, Teo, Redondela, Culleredo, Sada, Ponteareas, Barbadás, Carballo, Moaña, Marín, Arteixo, Tomiño, Cangas, Salvaterra de Miño, Gondomar, Poio, A Laracha, Boiro, Salceda de Caselas e Nigrán foron os concellos que máis poboación gañaron, todos eles parte das áreas metropolitanas que rodean a Coruña, Vigo, Ferrol, Compostela, Pontevedra ou Ourense. O incremento de carga poboacional moveuse nestes lugares entre o 2% e o 7%. 

En cambio, as localidades que neste segundo trimestre do ano 2020 perderon máis carga poboacional atopamos as sete cidades, encabezadas por Compostela, cun descenso do 12% do seu tamaño real, e tamén a Sanxenxo, cunha perda porcentual semellante. No caso de Compostela o descenso foi maior pola dobre compoñente de cidade que atrae traballadores, estudantes e, ademais, un gran número de turistas. 

En termos porcentuais, iso si, os concellos que máis carga poboacional perderon foron Mondariz-Balneario, Pedrafita do Cebreiro, Portomarín e Carballeda de Valdeorras, neste último caso probablemente pola paralización da actividade laboral, nun concello que conta cun gran número de traballadores no sector industrial e extractivo.

As localidades que neste segundo trimestre do ano 2020 perderon máis carga poboacional atopamos as sete cidades, encabezadas por Compostela, cun descenso do 12% do seu tamaño real, e tamén a Sanxenxo, cunha perda porcentual semellante

Os efectos da pandemia sobre a carga poboacional foron máis intensos no segundo trimestre, pero estendéronse ao terceiro e ao cuarto trimestre e ao conxunto do ano. Neste segundo mapa observamos a evolución da carga poboacional en todo o 2020, cun debuxo moi semellante ao que se detectaba no mapa anterior. Entre os concellos que máis poboación (estable e flotante) gañan volvemos atopar a Ames, Barbadás, Teo, Salceda de Caselas, Rois, Cambre, A Laracha, Salvaterra, Portas, Neda ou Barro, moi próximos ás cidades de Compostela, Ourense, Vigo, A Coruña, Ourense ou Ferrol.

E, de igual xeito, entre os que máis poboación perden están de novo Santiago de Compostela, Sanxenxo, e tamén localidades do Camiño de Santiago (Pedrafita, Portomarín, Palas de Rei...) e outras áreas que reciben habitualmente moitos visitantes foráneos (Cabanas, Mondariz-Balneario, Bergondo, O Grove ou Ribadeo).

O efecto nas cidades nestes meses foi claro. Aínda que en varias urbes moitos dos seus habitantes podían ter a sensación de falta de espazo nun momento no que primaba a procura de aire limpo e distancias de seguridade, a realidade é que no 2020, as urbes acolleron menos persoas ca nunca, pola menor chegada de poboación flotante residente noutros concellos pero que traballa, estuda, merca ou vai ao médico nas cidades.

A poboación que entrou nas sete cidades neste 2020 foi inferior á do 2019 nos catro trimestres, pero especialmente no segundo, como se ve neste gráfico. A redución nas entradas mantívose no terceiro trimestre (un verán máis ou menos tranquilo en canto á incidencia da COVID e ás restricións) e sobre todo no cuarto trimestre, no que o número de casos, ingresos, mortes e confinamentos se disparou.

No 2020 descendeu de forma radical a poboación estudantil flotante nas cidades galegas, cun efecto moi claro en Santiago, pero no resto de campus. E, de igual maneira, a poboación flotante por motivos laborais (maior na Coruña e Compostela) diminuíu en todas elas

Os cambios nos fluxos de entrada e saída nas sete urbes entre o 2019 e o 2020 notáronse en case todos os ámbitos, dende o laboral ao estudantil. As sete cidades adoitan gañar carga poboacional flotante que vai traballar ou estudar nelas, pero que tamén fai uso dos seus servizos sanitarios. En contraposición, perde en determinadas xornadas un certo número de habitantes que fan uso das súas segundas residencias. E, igualmente, o saldo turístico é en xeral negativo para as cidades, cuxos habitantes adoitan visitar outras zonas en maior medida que o número de visitantes que as urbes reciben (coa excepción, iso si, de Compostela e un pouco no caso de Vigo).

Así, no 2020 descendeu de forma radical a poboación estudantil flotante nas cidades galegas, cun efecto moi claro en Santiago, pero no resto de campus. E, de igual maneira, a poboación flotante por motivos laborais (maior na Coruña e Compostela) diminuíu en todas elas.

Os movementos turísticos descenderon no ano 2020, o que baleirou aínda máis a cidade de Santiago e tamén Vigo, pero en cambio deixou máis carga poboacional no resto de urbes

No campo da saúde non houbo grandes cambios (probablemente o efecto dos ingresos hospitalarios pola COVID compensouse coa diminución do resto de actividade hospitalaria e das visitas). 

Os movementos turísticos descenderon no ano 2020, o que baleirou aínda máis a cidade de Santiago e tamén Vigo, pero en cambio deixou máis carga poboacional no resto de urbes, cuxos habitantes non puideron visitar outras zonas de Galicia ou de fóra do país.

Finalmente, os movementos cara a segundas residencias non experimentaron grandes cambios no saldo final do ano, que rexistrou simplemente un pequeno descenso. Os aumentos de saídas á casa da aldea ou á casa da praia equilibráronse posiblemente cos desprazamentos que non se puideron realizar por confinamentos e outros motivos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.