A paradoxal crítica de maquinistas á entrada de Ourense: ir máis amodo pode ser máis inseguro?

Trens Alvia e AVE na estación de Ourense, á que chegan a través de 17 quilómetros de liña convencional adaptada desde Taboadela CC-BY-SA Praza Pública

Condutores ligados ao sindicato Semaf cren que a obriga de desconectar en determinadas circunstancias o sistema ERTMS de seguridade do AVE para obrigalos a circular a menos de 40 por hora é froito da desconfianza neles tras o accidente de Angrois

Maquinistas ligados ao sindicato Semaf divulgaron este martes, no primeiro día de circulación comercial do AVE entre Madrid e Ourense, unha peculiaridade das normas técnicas impostas por Adif para a circulación no treito de 17 quilómetros de entrada na cidade de Ourense desde Taboadela, no que aínda non está construída a vía de alta velocidade e os trens seguen a empregar a vía antiga adaptada. 

Critican que en situacións extraordinarias son obrigados a desconectar o sistema de control constante da velocidade ERTMS propio da alta velocidade, o que non estaba activo no accidente de Angrois, para circular ao amparo do sistema inferior ASFA que nese treito e baixo esas circunstancias extraordinarias lles impide pasar de 40 quilómetros por hora. Consideran que é unha medida tomada porque non se fían dos maquinistas e de que se poidan despistar -como sucedeu no accidente de Angrois sen que alí houbese ningún sistema que o paliase- pero lamentan que a alternativa elixida sexa desconectar o ERTMS sen comunicarlles os riscos alternativos que iso pode implicar.

Consigna ou normativa específica para a circulación ferroviaria no treito Taboadela-Ourense CC-BY-SA Praza Pública

A nova liña de alta velocidade entre Madrid e Ourense está equipada con ERTMS en todo o seu traxecto, pero nos últimos quilómetros entre Taboadela e Ourense seguen empregándose as vías antigas mentres non se faga o novo trazado, para o que aínda faltan máis de tres anos. A norma ditada por Adif para ese treito pon o foco en determinadas circunstancias excepcionais, cando poida haber algún incidente nel porque haxa outro tren ou outra circunstancia, e os semáforos que regulan a circulación se atopen en vermello. Os maquinistas deben parar ante eses sinais en vermello, e se non o fan o propio sistema faino automaticamente, sexa cal sexa o sistema de seguridade activo. 

Pero a normativa xeral permite que, unha vez detido o tren, o maquinista poida continuar a circulación con precaucións adicionais se xunto co semáforo en vermello hai unha letra P, como sería o caso nese treito. Os trens con ERTMS poderían circular ata un máximo de cen quilómetros por hora, pero a norma ditada por Adif sinala que nese treito, ante esas circunstancias, os maquinistas deberán chamar ao centro de control.

Un AVE de probas ao seu paso por Taboadela, desde onde circula ata Ourense empregando aínda a vía convencional ao longo duns 17 quilómetros pendentes de obras CC-BY-SA Praza Pública

Este deberá autorizar expresamente a circulación, que só se poderá facer desconectando o ERTMS e circulando ao amparo do ASFA, sistema inferior pero que nesas circunstancias de circulación condicionada non permite aos trens superar os 40 por hora. Os maquinistas deberán volver conectar o ERTMS posteriormente en canto cheguen a un seguinte semáforo que dea por superada a situación de posible perigo.

Para reducir un risco estaríase a modificar o xeito de funcionamento do ERTMS, o que podería xerar outros riscos descoñecidos, veñen dicir

A denuncia formulada considera que ese xeito de operar ditado por Adif para ese treito en situacións extraordinarias supón unha serie de actuacións non contempladas nas normas xerais do ERTMS. Para reducir un risco estaríase a modificar o xeito de funcionamento do ERTMS, o que podería xerar outros riscos descoñecidos, veñen dicir.

“Adif, ante un risco inexistente, está descargando no maquinista toda a responsabilidade de chamar ante un sinal, desconectar un equipo, circular nun modo máis degradado aínda e tendo que volver conectar o sistema sen practicamente intervir o posto de mando”, di a denuncia feita pública, que atribúe a situación ás supostas presas por abrir o treito malia que os seus sistemas de seguridade veñen deseñándose e probando desde hai anos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.