O fuel que o pasado domingo verteu ao mar o buque de bandeira chipriota WEC Vermeer, procedente dunha fuga nun dos seus tanques de combustible cando estaba a seis millas ao oeste de de Ons, continúa a chegar á costa galega. O pasado martes apareceron restos de chapapote na Illa de Arousa e este venres o fuel chegou ao litoral da Pobra do Caramiñal, procedente de dúas manchas de combustible que o xoves flotaban na ría de Arousa, unha entre Punta Cabalo e Punta Cabío e outra á entrada do porto da Pobra.
"20 anos despois do Prestige non parece razonable que as administracións competentes non sexan capaces de atender un aviso por vertidos de hidrocarburos dun buque e retiralo do mar", di a Plataforma
Pola súa banda, a Xunta -que xa o xoves decretou o peche cautelar dos polígonos de bateas Pobra A, B e C- solicitou este venres a mobilización de medios de Gardacostas para facer un seguimento do episodio de contaminación rexistrado no litoral da Pobra do Caramiñal. Nas inspeccións realizadas por terra e aire "non se detectaron restos de contaminación e as distintas avaliacións realizadas polos diferentes organismos que interviñeron no dispositivo permitiron constatar que non hai risco de contaminación para os polígonos bateeiros existentes na contorna", sinalaba este venres a Consellaría do Mar.
As inspeccións da Consellaría do Mar non atoparon este venres "restos de contaminación" nin "risco de contaminación" para os polígonos bateeiros", o que levou ao levantamento do peche cautelar decidido o xoves
En consecuencia coa valoración realizada polos equipos da Consellaría, o Intecmar levantou o peche cautelar decretado o xoves nos tres polígonos de bateas da Pobra do Caramiñal. Con todo, sinala, "seguirá facéndose un seguimento da situación para ofrecer as máximas garantías aos consumidores".
En calquera caso, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) remitiu este venres senllos escritos de denuncia á Consellería do Mar e ao Ministerio de Transportes para denunciar a situación e esixir a adopción de medidas para evitar a repetición no futuro duns feitos, que ben en forma de accidentes e fugas, ben como vertidos intencionados e o baleirado de depósitos (sentinazos) se producen na costa galega con moita frecuencia.
Os mecanismos de control do Goberno central fallaron e o vertido chegou ás augas interiores, competencia da Xunta, que "tampouco soubo xestionar o vertido, a pesar de ter medios dabondo dos que eles mesmos se gaban", denuncia a PDRA
A PDRA observa o sucedido "con indignación e impotencia" e critica que "20 anos despois do Prestige non parece razonable que as administracións competentes non sexan capaces de atender un aviso por vertidos de hidrocarburos dun buque e retiralo do mar". "Chama a atención a distancia tan grande que hai entre as capacidades e medios de actuación que din ter ambas administracións e os resultados obtidos", engade. "Estamos falando dunha alerta de vertido dada polo propio buque, xa non queremos imaxinar o que pode estar pasando cos buques que realizan os sentinazos ás agachadas", sinala a entidade, lembrando que neste caso -efectivamente- o WEC Vermeer alertou o domingo ao Centro Coordinador de Salvamento Marítimo de Fisterra da fuga ao mar de 150 toneladas de hidrocarburos.
"Fallan bastantes aspectos de ambos operativos e precisamos esclarecelos publicamente para solventar o que funciona mal e posibilitar enfrontar calquera outro vertido cos problemas resoltos", di a Plataforma
"Como o vertido se realizou en augas competenciais do Estado o lóxico é que se activaran inmediatamente -o mesmo domingo- os medios marítimos e aéreos necesarios para localizar o derrame, delimitalo mediante barreiras e extraelo do mar cos succionadores correspondentes á densidade do hidrocarburo", sinala a PDRA. Porén, os mecanismos de control do Goberno central fallaron e o derrame chegou ás augas interiores. "A Xunta tampouco soubo xestionar o vertido, a pesar de ter medios dabondo dos que eles mesmos se gaban nos medios de comunicación: succionadores e barreiras no almacén de Tragove, capacidade de predición do desprazamento da mancha no Intecmar e mais no Observatorio Costeiro da Xunta", critica a Plataforma.
A PDRA denuncia que "mesmo se tomou a decisión de realizar unha disgregación mecánica da mancha coas hélices dos barcos para dispersala, para que non se vira"
A Plataforma denuncia que "mesmo se tomou a decisión de realizar unha disgregación mecánica da mancha coas hélices dos barcos para dispersala, para que non se vira, e que as microgotas de hidrocarburo pasaran a estar en suspensión na auga; nunha ría que se caracteriza por ser unha potencia na produción de bivalvos filtradores". A PDRA conclúe que "fallan bastantes aspectos de ambos operativos e precisamos esclarecelos publicamente para solventar o que funciona mal e posibilitar enfrontar calquera outro vertido cos problemas resoltos".
ADEGA e Ecoloxistas en Acción denuncian que os sentinazos "constitúen a principal fonte da contaminación por hidrocarburos dos mares"
Coincidindo co 20 aniversario da catástrofe do Prestige, hai unhas semanas varias entidade fixeron fincapé na necesidade de rematar cos sentinazos que se seguen a producir con frecuencia nas augas litorais galegas. Por exemplo, Ecoloxistas en Acción urxiu a "mellorar a coordinación de medios operativos permanentes e unidades de vixilancia marítima", así como a aumentar "a cantidade e calidade das inspeccións dos buques que atracan no litoral de Galicia", salientando que "hai pequenos Prestige diarios, en forma de sentinazos". De igual xeito, ADEGA denuncia que estes sentinazos "constitúen a principal fonte da contaminación por hidrocarburos dos mares" e insta a adoptar medidas para evitalos.