A Policía Nacional investiga en Lugo un novo caso de violencia machista logo de deter este sábado á tarde o compañeiro sentimental dunha muller que foi achada o venres pola noite morta con feridas de arma branca na súa casa.
Parella da muller desde o pasado verán, o home está sendo investigado xa por un posible delito de homicidio, violencia de xénero e violencia doméstica, segundo explican fontes da investigación a vaios medios. Atópase na comisaría provincial de Lugo á espera de pasar a disposición xudicial.
Foi a nai da vítima quen avisou sobre as 22 horas do pasado venres de que atopara o cadáver con varias feridas no corpo e cando ía levarlle a cea á filla na Rúa da Ferradura. A detención do mozo da vítima realizouse pouco despois das sete da tarde na casa dos pais deste.
A investigación corre a cargo do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo, que decretou segredo de sumario. Ademais, a policía xa tomou declaración a veciñanza, familiares e persoas achegadas á vítima.
De confirmarse, a de Lugo sería a segunda vítima da violencia machista no que vai de ano en Galicia e a número 63 desde que se iniciou a estatística en 2003
Con este presunto asasinato, serían xa dúas as vítimas por casos de violencia machista este ano en Galicia. O primeiro deles tivo lugar na Pastoriza a finais do pasado mes de xaneiro. Un home matou a súa muller para acabar suicidándose tirándose por unha fiestra. O pasado mes de setembro, un home cometeu tamén un triplo asasinato machista en Valga.
A muller de Lugo elevaría a 63 as asasinadas en Galicia dende o inicio da estatística oficial, que se remonta ao ano 2003 e que só inclúe as vítimas cando os asasinos son as súas parellas ou ex-parellas, segundo a lei vixente.
A Xunta de Galicia xa expresou a súa "máis enérxica condena ao asasinato dunha muller no concello de Lugo, que se está investigando como un posible delito de violencia de xénero".
O Goberno galego manifesta a súa "consternación" ante este crime e, á espera de que a
investigación confirme se é un caso de violencia de xénero, "fai un chamamento a toda a
sociedade para que se rebele contra esta repudiable lacra".
O movemento feminista galego respondeu xa ao asasinato convocando máis de 40 mobilizacións convocadas para o luns 10 de febreiro. "Basta de feminicidios, o machismo mata!", di.