A presión da COVID segue á alza nos hospitais galegos e Ourense mellora tras máis dun mes coas restricións máis severas

Persoal sanitario no hospital de Verín, nunha imaxe difundida polo Sergas, e Gráfica da evolución da incidencia da COVID-19 na área sanitaria de Ourense CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

O cómputo do Servizo Galego de Saúde suma este 5 de novembro 760 novos casos do coronavirus, os rexistrados entre as seis da tarde do pasado martes e a mesma hora do mércores, día 4. Deles, 734 son novos diagnósticos mediante probas PCR. É a terceira xornada na que Sanidade informa de máis casos novos que o día previo, pero tamén a terceira con máis probas PCR que a xornada anterior. Foron procesadas ata 9.112, unha das cifras máis elevadas dende o comezo da pandemia.

O Sergas suma 760 novos casos da COVID-19 e outras sete mortes mentres o ritmo de novas probas volve a máximos da pandemia

Con estes números, a incidencia acumulada a 14 días (casos novos por cada 100.000 habitantes) segue aumentando, aínda que cun ritmo menor que en días previos -en boa medida, polo menor número de probas tras a pasada fin de semana- e sitúase na contorna dos 326 positivos novos. Esa lixeirísima moderación é produto, sobre todo, da mellora paseniña dos principais indicadores na área sanitaria de Ourense, onde as cifras comezan a relaxarse tras máis dun mes coas restricións máis severas do país en varias áreas da provincia. Non sucede o mesmo, en xeral, no resto de Galicia, onde o total de casos activos segue medrando e chega aos 9.895.

A incidencia acumulada a 14 días disparouse dende os primeiros días de outubro ata triplicarse amplamente; o dato global galego rolda agora os 326 casos por cada 100.000 habitantes

Como amosan o gráficos sobre estas liñas, a incidencia acumulada a 14 días disparouse de vez os primeiros días de outubro e triplicouse amplamente. En parte, polo incremento do número de probas e a capacidade para detectar máis positivos. Pero, sobre todo, por un empeoramento xeral da situación que impactou de cheo nos hospitais en forma de novos ingresos, pero tamén nas residencias de maiores en concreto e, en xeral, entre a poboación de máis idade, dando lugar a máis falecementos. [Para non perderse: guía dos peches pola COVID que a Xunta impón ata decembro]

Este xoves, o cómputo oficial de Sanidade suma 9 falecementos de persoas que foran diagnosticadas como positivas no coronavirus. Dúas destas persoas, un home de 75 anos falecido no hospital en Vigo e unha muller de 93 hospitalizada en Ourense, viviran na residencia de maiores de Salvaterra e na residencia Nosa Señora dos Milagres, en Barbadás. Ademais, faleceron ata catro persoas hospitalizadas na Coruña -tres mulleres de 84, 86 e 101 anos e un home de 88-, outra muller de 81 anos no CHUVI, un home de 70 anos hospitalizado en Ferrol e outro de 78, no Clínico de Santiago.

A hospitalización, en máximos da segunda vaga e á alza

Como adoitan advertir dende os hospitais, o empeoramento das principais cifras da pandemia percíbese, cun certo efecto retardado, nas cifras de hospitalización. O Sergas informa este xoves de ata 577 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus, catorce máis ca un día antes. Delas, 79 (-1) están na UCI e 498 (+15) en unidades de hospitalización ordinaria. 

577 persoas con test positivo da COVID-19 permanecen ingresadas en hospitais galegos

Cómpre ter en conta, non obstante, que estas cifras recollen só as persoas ingresadas que seguen sendo positivas por COVID-19. Deste xeito, se un paciente ingresado por esta razón pasa a dar negativo pero ten que seguir ingresado por mor do seu estado xeral de saúde, desaparece da contabilidade oficial de hospitalizacións ligadas á pandemia. Por este motivo, a presión hospitalaria pola COVID-19 adoita ser maior que a que reflicten directamente estas cifras.

Por áreas sanitarias, a que segue tendo un maior número de pacientes nos hospitais con test positivo da COVID-19 é a da Coruña-Cee, con 143 persoas, 19 delas na UCI. Non obstante, a maior presión hospitalaria en termos relativos continúa na área ourensá, con 102 pacientes ingresados con test positivo e 15 deles, na UCI. Por baixo dos cen, aínda que tamén cun nivel notable, sitúase a área de Vigo, con 86 persoas ingrsadas, 16 na UCI. A menor cifra de hospitalizacións ligadas formalmente á pandemia, pero igualmente en aumento, é polo momento a da área sanitaria de Lugo, con 48 ingresos, 5 nas UCI.

Unha 'meseta' de test positivos que non dá baixado

Todos estes números rexístranse nun contexto no que a positividade media diaria das probas PCR en Galicia na última semana continúa na contorna do 8%. É un nivel uns tres puntos por riba do 5% que a Organización Mundial da Saúde sinala como limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio determinado. Esa taxa media de positividade permanece relativamente estable arredor do 8% dende a última semana de outubro. Aí chegou tras unha escalada iniciada a finais de setembro, cando non chegaba ao 4%.

Todas as áreas agás Ourense comezaran outubro por baixo do limiar do 5% de probas positivas que a OMS sinala como referencia para dar a pandemia por controlada nun territorio

Boa parte da orixe desta estabilización hai que buscala na mellora aos poucos na área de Ourense, que comezou a dispararse antes e que emprendeu unha tendencia á baixa dende finais de outubro, de máis do 10% ata arredor do 6. Tamén dende finais de outubro comezou a baixar aos poucos a taxa de positividade na área de Santiago, que nos últimos días vai tendendo a achegarase ao 5%, pero moi lentamente.

A positividade máis baixa das áreas rurais contribúe a amortecer os datos máis elevados das contornas urbanas, distorsión á que contribúe a negativa da Xunta a ofrecer datos por concellos

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, todas as áreas sanitarias agás a de Ourense finalizaran decembro cunha positividade media por baixo do limiar do 5% marcado pola OMS, contribuíndo a que o dato global de Galicia tamén o estivese. No entanto, o progresivo empeoramento durante case todo o mes pasado, especialmente intenso na área sanitaria de Ferrol, contribuíu a elevar a taxa xeral. A área ferrolá, precisamente, parece moderar as súas taxas de positividade na última semana.

Cómpre ter en conta, en calquera caso, que a Xunta non ofrece datos a un nivel inferior ao da área sanitaria e continúa negándose a publicar a información por concellos. Deste xeito, os datos dos municipios rurais contribúen a amortecer nos datos xerais o efecto das cidades, con positividade máis alta. Dáse así o paradoxo, por exemplo, de que o propio presidente da Xunta esgrime a evolución de datos en concellos determinados -este mércores, por exemplo, en referencia ao Carballiño- como argumento para adoptar restricións fronte á pandemia, pero despois o propio Goberno evita facelos públicos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.