Da Renda Básica Universal lévase falando moitos anos. O protagonismo deste instrumento de redistribución da riqueza, de loita contra a desigualdade e de simplificación de prestacións medrou durante a Gran Recesión iniciada no 2008, penetrou no debate político e foron moitas as publicacións e accións de divulgación impulsadas por colectivos sociais. Atrás quedaron os debates sobre a súa viabilidade e financiamento ou os medos a que supuxera unha desincentivación da procura de emprego remunerado. A renda básica deixou de ser considerada unha utopía e cada vez son máis voces -mesmo entre os grandes empresarios, institucións financeiras e as ideoloxías conservadoras- que a reclaman.
"Creo que hai que saír á ofensiva, presentando a renda básica con optimismo, como unha alternativa viable e de futuro, como algo que realmente nos pode permitir cambiar a sociedade a mellor"
Nos últimos meses, unha nova obra de divulgación uniuse ao corpus editado para tentar explicar o por que e o como da instauración dunha renda básica universal. En La Renta Básica: una herramienta de futuro (Milenio, 2021), o profesor de economía e ex deputado de Elkarrekin Podemos no Parlamento vasco, Julen Bollain (Eibar, 1990), fai un chamamento a repensar e modernizar o noso modelo económico e social a través dunha renda básica que se ligaría a unha necesaria reforma fiscal, aos desafíos da crise ecolóxica ou ás demandas do feminismo.
Bollain estivo a pasada semana en Galicia presentando a súa obra, con actos en Vigo, Compostela e A Coruña que rexistraron unha grande afluencia de asistentes. A Coruña, ademais, acollerá a finais deste ano 2022 da man dos colectivos cidadáns o simposio anual da Red Renta Básica, que reunirá a entidades de todo o Estado. Falamos con Julen Bollain sobre os obxectivos do seu libro, as posibilidades de éxito da proposta de renda básica e o momento no que se atopa o debate.
O debate sobre a renda básica, máis que económico, é xa político? O teu libro busca ampliar a base social que defende a renda básica?
"A renda básica pode chegar abandeirada polo progresismo, entendéndoa como un piar máis do Estado do Benestar e financiada por unha reforma fiscal que faría que o 20% máis rico pague máis pero que o 80% restante tivese máis recursos"
O libro ten, basicamente, dous obxectivos. O primeiro é mirar ao futuro, como deixa claro o propio título, e facelo con optimismo. Creo que moitas veces dende a esquerda estamos máis centrados en ollar a realidade cun certo negativismo, subliñando o mal que están as cousas no presente, pero esa é unha posición en certa maneira defensiva e que non nos permite ampliar a base social. Pola contra, creo que hai que saír á ofensiva, presentando a renda básica con optimismo, como unha alternativa viable e de futuro, como algo que realmente nos pode permitir cambiar a sociedade a mellor.
O outro obxectivo do libro, ligado ao primeiro, é ensanchar a base, entendendo que o maior reto actualmente é político e que hai que presionar aí. É certo que a renda básica conseguiu acadar un certo discurso hexemónico en certos espazos, pero quedan aínda moitos espazos por explorar. Eu no libro quería tocar algúns deses espazos, como pode ser a forma en que se relaciona a renda básica coa crise ecolóxica, coa crise de coidados ou coa evolución do mercado laboral.
A proposta da renda básica deixou de ser considerada como utópica e a súa aplicación comeza a ser considerada como posible, mesmo nos sectores máis enfrontados a ela?
"Se non se abandeira dende o progresismo, estaremos ante o problema de que se implante a renda básica tal e como propoñen grandes empresarios ou o FMI, financiándose en detrimento do Estado do Benestar, que sería fragmentado en anaquiños para darlle a súa parte a cada persoa"
O debate está ensanchado e a realidade é que a renda básica deixou de ser utópica. É certo que amplos sectores da sociedade seguen a considerala así, irreal, utópica, pero os actores que toman as grandes decisións saben que a renda básica vai chegar si ou si. A cuestión agora é como chega. A renda básica pode chegar abandeirada polo progresismo, entendéndoa como un piar máis do Estado do Benestar e financiada por unha reforma fiscal que faría que o 20% máis rico pague máis pero que o 80% restante tivese máis recursos.
Pola contra, se non se abandeira dende o progresismo, estaremos ante o problema de que se implante a renda básica tal e como propoñen grandes empresarios ou o FMI, financiándose en detrimento do Estado do Benestar, que sería fragmentado en anaquiños para darlle a súa parte a cada persoa. Nesa situación, por moito que ti tiveses garantida unha renda, se despois tes que pagar cada vez que vas ao médico, estarías nunha situación moito peor.
A crise xerada pola pandemia abriu unha fiestra de oportunidade para este tipo de propostas? O dogma da austeridade foi deixado de lado, aínda que sexa temporalmente, e púxose o foco na desigualdade como un dos elementos centrais do debate político?
"Ata agora os partidos políticos defenden máis a renda básica canto máis afastados están do poder. Pero cando se achegan ao Goberno, ese interese evapórase"
É certo que se abriu unha ventá de oportunidade. Como sucede sempre que hai unha crise, vénselle ás fendas ao actual sistema económico e iso fai que máis xente se interese pola renda básica. Só hai que ver a evolución das enquisas sobre o tema. Unha das últimas, que se fixo en Portugal, España, Italia, Francia, Alemaña e Polonia, amosa que o 68% da cidadanía neses seis países votaría a favor dunha renda básica. Pouco a pouco imos gañando esa masa social, pero na súa maior parte é unha masa social que non está mobilizada.
Creo que o maior reto que temos é político e por iso fai falla presionar á nosa clase política para que sexa valente e aposte pola renda básica. É certo que ata agora os partidos políticos defenden máis a renda básica canto máis afastados están do poder. Pero cando se achegan ao Goberno, ese interese evapórase.
Esa renuncia a apostar pola renda básica cando un partido de esquerdas se achega á posibilidade de goberno ten que ver coa renuncia a abordar unha reforma fiscal que suba os impostos aos que máis teñen? É un tema tabú?
Si, creo que temos que dar a batalla cultural pola fiscalidade. É un tema que se foi deixando, porque parece que non é atractivo politicamente falar de subir impostos. Dependendo das épocas temos formas moi distintas de entender o capitalismo, e por exemplo nos Estados Unidos o tipo máximo impositivo nos anos 50 era do 90%, nos anos 60 era do 70% e non foi ata a chegada de Reagan que baixou ata o 28%. Pero o ideario que se impuxo nos anos 80 con Reagan e Thatcher, esa idea de que os impostos serían algo como un roubo legalizado, semella ter callado moito.
"Temos que dar a batalla cultural pola fiscalidade. É un tema que se foi deixando, porque parece que non é atractivo politicamente falar de subir impostos"
Resulta triste atopar persoas moi novas defender estas ideas, eu véxoo moitas veces entre os meus alumnos, que despois non se preguntan como se financia a sanidade pública ou a educación pública. Ou vexo a xente que cobra 600 euros dicindo que non hai que subir os impostos porque os ricos crean emprego. Temos que facer moita pedagoxía e divulgar mediante datos, non mediante discursos ideolóxicos, o que estivo pasando estas últimas décadas. Hai que gañar esa batalla cultural e non será doado porque os espazos están monopolizados por persoas que non está de acordo con perder os seus privilexios.
Que vantaxes ten a renda básica universal sobre as rendas mínimas?
No libro comezamos por comparar a renda básica e as rendas mínimas, concluíndo que as vantaxes da renda básica son moito maiores, que non é algo que diga eu, senón que o di un informe da Comisión Europea de 2016. As rendas mínimas teñen cinco grandes erros: primeiro, as limitacións orzamentarias e segundo as limitacións de cobertura, que son coñecidas. En terceiro lugar, a estigmatización das persoas beneficiarias. As rendas mínimas dividen a sociedade entre aqueles que dan e aqueles que reciben, e as persoas que as solicitan séntense estigmatizadas, pensan que fracasaron na vida. En cambio, a renda básica non divide, é como a sanidade pública; ninguén se sente estigmatizado cando vai á sanidade pública, senón que se sente orgulloso e iso acrecenta o sentido de pertenza á sociedade.
"As persoas que solicitan as renda mínomas séntense estigmatizadas, pensan que fracasaron na vida. En cambio, a renda básica non divide, é como a sanidade pública"
O cuarto problema serían os custos de administración, todo o tema burocrático e tamén o control invasivo sobre a vida das persoas beneficiarias; por exemplo en Galicia controlan os tíquets da compra das persoas que cobran a RISGA. Por último, temos o problema de moitas rendas mínimas, como a RISGA, de incompatibilidade con outros ingresos. É dicir, que non permite cobrala e traballar ao mesmo tempo, o que pode levar a unha persoa a rexeitar un emprego ou a traballar en negro, aínda que non cotice. As rendas mínimas desincentivan así a inserción laboral das persoas e promoven a fraude fiscal. En cambio, as rendas básicas activan máis laboralmente ás persoas.
"Os problemas do Ingreso Mínimo Vital fixeron que moitas persoas que antes optaban polas rendas mínimas agora aposten pola renda básica"
Os problemas que amosou o Ingreso Mínimo Vital (IMV) na súa aplicación ofreceron novos argumentos a prol da renda básica sobre as propostas de rendas mínimas?
Creo que ningunha persoa que defenda a renda básica quería que o IMV fracasase de maneira tan estrepitosa. Levamos ano e medio co IMV e o 92% das persoas pobres non acceden a el. A realidade é que os problemas do Ingreso Mínimo Vital fixeron que moitas persoas que antes optaban polas rendas mínimas agora aposten pola renda básica.