A Sareb ameaza con expulsar en Cambre a inquilinas que pagaban a outra empresa sen sabelo: "somos as vítimas, fomos estafadas"

Fachada do edificio situado no Temple (Cambre) © Google

Algúns destes veciños e veciñas están comezando a coñecer as sentenzas xudiciais que certifican a súa expulsión, en resposta ás demandas presentadas pola Sareb

Un grupo de veciños e veciñas dun edificio propiedade da Sareb en Cambre poden ser expulsados das súas vivendas porque durante anos estiveron pagando o alugueiro, sen sabelo, a unha empresa equivocada, cando a propietaria real era a sociedade (o chamado banco malo) que se creou para xestionar os activos procedentes das entidades quebradas e nacionalizadas dende 2012 e que é pública nun 45%.

Algúns destes inquilinos están comezando a coñecer as sentenzas xudiciais que certifican a súa expulsión, en resposta ás demandas presentadas pola Sareb. O Xulgado de Primeira Instancia Número 1 da Coruña dálle a razón á sociedade semipública e establece que os inquilino carecen dun título "suficientemente válido e eficaz" que legalice a súa presenza das vivendas. En realidade si contan cun contrato de alugueiro, pero o problema é que o asinaron cunha empresa que, en realidade, non é xa a propietaria dos inmobles.

A rúa Curros Enríquez, no Temple (Cambre) © Google

Os inquilinos non só tiñan un contrato asinado cunha empresa que xa non era a propietaria real senón que levaban anos pagando mes a mes o alugueiro das súas vivendas á empresa errada

Os inquilinos deste edificio da rúa Ramón Cabanillas do Temple (Cambre) e tamén doutro edificio da rúa Curros Enríquez, moi próximo, non só tiñan un contrato asinado cunha empresa que xa non era a propietaria real senón que levaban anos pagando mes a mes o alugueiro das súas vivendas á empresa errada. Os pagamentos eran recibidos por unha sociedade que, ademais, foi cambiando de nome cos anos e que nunca advertiu do erro aos inquilinos, mentres seguía recibindo o diñeiro nas súas contas bancarias. 

É unha situación que, por desgraza, xa se deu noutras ocasións, nas que as propietarias iniciais dun edificio -construtoras, inmobiliarias ou promotoras en quebra- contratan unha empresa xestora de alugueiros para que se ocupe dos cobros, que seguen a facer a pesar do cambio de mans da titularidade da vivenda.

A Sareb, ao non recibir os pagamentos, empregou a vía xudicial para expulsar os inquilinos das vivendas, despois de ter remitido burofaxes acusándoos de "ocupación ilegal" dos inmobles. Agora comezan a coñecerse as primeiras sentenzas, que se están producindo en sentido negativo para os inquilinos e que fan temer ao resto que o resultado será semellante.

Na sentenza coñecida esta semana, a pesar de ser negativa para os inquilinos, o xuíz engade unha nota na que "anima" á Sareb a chegar a un entendemento coas persoas demandadas de cara a regularizar a súa situación cun novo contrato de arrendamento para evitar a expulsión

Na sentenza coñecida esta semana, a pesar de ser negativa para os inquilinos, o xuíz engade unha nota na que "anima" á Sareb a chegar a un entendemento coas persoas demandadas de cara a regularizar a súa situación cun novo contrato de arrendamento para evitar a expulsión: "sen prexuízo dos pactos que poidan acadar as partes e aos que anima este xulgador, en orde a resolver a situación ocupacional dos demandados, propondo a actora aos mesmos a formalización dun contrato de arrendamento".

Os inquilinos apostarían encantados por este acordo, de feito varios deles levan tempo tentando pagar o alugueiro á Sareb, a través de xiros postais, enviando algún burofax ou tentando realizar un depósito xudicial. Veciños e veciñas queren pagar o alugueiro e mesmo estarían dispostos a asumir unha suba na renda, pero nestes momentos non son capaces que realizar os pagamentos. De feito, os últimos recibos domiciliados viñéronlles devoltos polo banco. 

Sede da Sareb en Madrid © Sareb

A comunicación coa entidade semipública está a ser case imposible. A algúns dos veciños si que lles remitiu unha oferta para adquirir a vivenda cun 15% de desconto, pero cando algún deles quixo facer efectivo este acordo, solicitando mercar o inmoble, tampouco atopou resposta

A comunicación coa entidade semipública está a ser case imposible. A algúns dos veciños si que lles remitiu unha oferta para adquirir a vivenda cun 15% de desconto, pero cando algún deles quixo facer efectivo este acordo, solicitando mercar o inmoble, tampouco atopou resposta. A Sareb si lles comunicou aos veciños e veciñas que "non concorren os requisitos de situación de vulnerabilidade” que permitirían a aprobación dun "alugueiro social" e que tamén poderían evitar a expulsión da vivenda.

Miriam, unha das inquilinas afectadas, subliña en conversa con Praza.gal o "inxusto" da situación: "nós somos as vítimas. Estivemos durante anos pagando relixiosamente o alugueiro a unha empresa que se beneficiou a pesar de que aparentemente non era xa a propietaria da vivenda. A nós estafáronos". Ademais, Miriam critica as dificultades que atopan para contactar coa Sareb e buscar algún tipo de solución: "chamas e maréante, nunca consegues falar coa persoa que tería que ocuparse deste tema".

Miriam, unha das inquilinas afectadas, subliña en conversa con Praza.gal o "inxusto" da situación: "nós somos as vítimas. Estivemos durante anos pagando relixiosamente o alugueiro a unha empresa que se beneficiou a pesar de que aparentemente non era xa a propietaria da vivenda. A nós estafáronos"

"Hai veciños que si están dispostos a comprar, pero practicamente nin conseguen que lles digan cal é o prezo e moito menos iniciar os trámites para facelo", di Miriam, que no seu caso nin sequera ten a posibilidade económica de adquirir o inmoble. Na súa situación, o único que pode facer é seguir alugando e se é expulsada da súa vivenda terá que buscar casa noutra zona de Cambre ou noutro concello, porque a suba dos prezos do alugueiro fai imposible que con seu salario -vive soa- puida pagar un piso así nunha zona próxima. 

Veciños e veciñas mantéñense estes días nunha situación de completa incerteza, tanto os que xa recibiron demandas e sentenzas de expulsións como os que aínda non foron notificados directamente. A situación de desprotección agrávase ao coñecer algúns casos nos que algún inquilino viu como lle cambiaban o peche do seu trasteiro alegando que o propietario non recibira os pagamentos do seu alugueiro. O propietario nin sequera puido acceder ao seu interior para rescatar os seus obxectos persoais.

Edificio de Narón propiedade da SAREB cuxos veciños e veciñas están a vivir unha situación semellante © Google

Os inquilinos mantiveron unha xuntanza coa alcaldesa de Cambre, María Pan, que este xoves 1 de agosto se reunirá con representantes do banco malo para tentar atopar unha solución e evitar os desaloxos

Os inquilinos mantiveron unha xuntanza coa alcaldesa de Cambre, María Pan, para exporlle a súa situación e pedirlle que intercedese perante a Sareb, ante a dificultade de comunicarse coa sociedade semipública. A rexedora, despois de coñecer os casos que sufrían estes veciños e veciñas, manterá este xoves 1 de agosto unha reunión con representantes do banco malo para tentar atopar unha solución e evitar os desaloxos, propoñendo facilidades, cando menos, para a adquisición das vivendas por parte dos inquilinos.

 

Unha sucesión de sociedades

Os inquilinos asinaron no ano 2017 un contrato de alugueiro coa sociedade Copronor, que actuaba como xestora en nome da Promotora Río Fabiños SL., empresa que quebrou, de xeito que a Sareb se fixo cos seus activos inmobiliarios, entre eles estes edificios. Porén, os inquilinos non souberon nada deste proceso e seguiron a pagar os seus arrendamentos a outra empresa: RKS Real State, que actuaba en nome de Active Rents Managements.

Casos semellantes noutros concellos

Pasou tamén noutras localidades galegas, como Narón, Burela e Ares, onde inquilinos de vivendas propiedade da Sareb, con contratos de alugueiro asinados legalmente e con pagamentos puntuais do seu arrendamento foron ameazados co desaloxo

O que está a suceder en Cambre pasou tamén noutras localidades galegas nos últimos meses, como Narón, Burela e Ares, onde inquilinos de vivendas propiedade da Sareb, con contratos de alugueiro asinados legalmente e con pagamentos puntuais do seu arrendamento foron ameazados co desaloxo dos seus inmobles pola sociedade semipública.

En Narón o Xulgado de Instrución número 1 de Ferrol paralizou provisionalmente a orde de desaloxo, o que levou á Sareb a informar de que estudaría "caso por caso" a situación das 15 familias. Posteriormente, tivo lugar a mediación da alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.