O BNG insta á Xunta a exercer as competencias en vivenda para deter o desaloxo de 50 familias de Narón, Ares e Burela

Edificio de Narón propiedade da SAREB cuxos veciños e veciñas poden ser desaloxados © Google

50 familias de Narón, Burela e Ares están ameazadas co desaloxo das súas vivendas, pisos de alugueiro propiedade da Sareb (Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria), o denominado banco malo creado en 2012 para xestionar as vivendas e terreos anteriormente propiedade das catro entidades financeiras que foron nacionalizadas polo Estado, que aínda mantén un 45% do capital da sociedade.

Estas familias, que viñan pagando o seu alugueiro de forma regular e que en moitos casos descoñecían que o propietario das vivendas fose a Sareb, foron recibindo nos últimos meses notificacións xudiciais que as instaban a abandonar os seus pisos

Estas familias, que viñan pagando o seu alugueiro de forma regular e que en moitos casos descoñecían que o propietario das vivendas fose a Sareb, foron recibindo nos últimos meses notificacións xudiciais que as instaban a abandonar os seus pisos, no mes de xaneiro de 2022 nos máis dos casos. Contan con contratos de alugueiro en vigor, asinados con distintas inmobiliarias e, polo tanto, esixen permanecer nos inmobles cando menos ata a súa finalización. Porén, semella que o obxectivo da Sareb é a venda das vivendas, nun momento no que os prezos do metro cadrado están a incrementarse.

Edificio de Ares propiedade da SAREB cuxos veciños e veciñas poden ser desaloxados © Google

O Bloque pide que a Xunta solicite á Sareb “a subrogación dos contratos” e no caso de negarse, demande a “cesión dos inmobles” para manter a vixencia dos contratos e logo trasladar as vivendas ao parque público

Este mércores o BNG levou o asunto ao Parlamento galego, despois de que xa nas últimas semanas a Valedora do Pobo se interesase pola situación destas familias. O Bloque esixe a paralización dos desaloxos e demanda que a Xunta de Galicia exerza as súas competencias en vivenda, iniciando a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) unhas negociacións coa Sareb para solicitar “a subrogación dos contratos” e no caso de negarse, demandar a “cesión dos inmobles” para manter a vixencia dos contratos e logo trasladar as vivendas ao parque público. Propón tamén que o IGVS empreste asistencia xurídica ás persoas afectadas por esta situación.

No caso do edificio de Burela, ademais, os inmobles están cualificados como vivendas protexidas en réxime de alugueiro, polo que neste caso o IGVS “ten un papel máis directo ao ser o responsable de velar pola vivenda protexida”

A portavoz de Vivenda do BNG, Alexandra Fernández, considera “inaceptable” que as administracións públicas permitan os desafiuzamentos, tendo en conta que a sociedade "está conformada por capital público do Estado". No caso do edificio de Burela, ademais, os inmobles están cualificados como vivendas protexidas en réxime de alugueiro, polo que neste caso o IGVS “ten un papel máis directo ao ser o responsable de velar pola vivenda protexida”. O inmoble está cualificado de protección autonómica (vivenda protexida de protección privada) para alugueiro a 25 anos. A data de cualificación foi o 8 de xaneiro de 2004, polo que a protección debería manterse ata o ano 2029.

Intervención no Parlamento de Alexandra Fernández (BNG), este mércores, en relación aos desaloxos © BNG

O Director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo trasladou a responsabilidade ao Goberno central, ao que instou a "buscar unha solución" para resolver a situación que viven as persoas inquilinas

Pola súa banda, o Director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Humberto García, manifestou que o Goberno galego "non comparte" a actuación da Sareb e afirmou que se está solicitando aos veciños información sobre a existencia de situacións de vulnerabilidade social. Porén, Humberto García trasladou a responsabilidade ao Goberno central, ao que instou a "buscar unha solución" para resolver a situación que viven as persoas inquilinas, subliñando que o Estado é actualmente o propietario de máis do 45% desta sociedade pública e, polo tanto, cumpre o papel de arrendatario.

En Ares o proceso está máis avanzado e 10 das 14 familias que residían no inmoble xa abandonaron as súas vivendas; as catro restantes néganse a facelo e sociedade de xestión procedeu a desafiuzalas no xulgado

O BNG subliña que o vindeiro mes de febreiro "se abre unha oportunidade" para que a Sareb ceda 10 mil vivendas a curto prazo e 15 mil a medio prazo e insta á Xunta "solicitar a parte que lle corresponde e incluír as vivendas de Burela, Narón e Ares nesa bolsa". Fernández facía referencia ao protocolo asinado hai uns meses pola sociedade e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que permitirá poñer unhas 15 mil vivendas en alugueiro social e asequible.

As ordes de desafiuzamento de cada un dos tres edificios se atopan en distintos estados. En Narón, por exemplo, o Xulgado de Instrución número 1 de Ferrol paralizou provisionalmente a orde de desaloxo, o que levou á Sareb a informar de que estudaría "caso por caso" a situación das 15 familias. Mentres, en Ares o proceso está máis avanzado e 10 das 14 familias que residían no inmoble xa abandonaron as súas vivendas; as catro restantes néganse a facelo e sociedade de xestión procedeu a desafiuzalas no xulgado, afirmando que entre elas non hai situacións de vulnerabilidade. En Burela a data de desaloxo está fixada para finais de xaneiro, como lles comunicou a Sareb ás familias o pasado mes de novembro. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.