O TSXG rexeita "o absurdo" de que unha familia teña que elixir entre unha bolsa e o IMV xa que "perpetuaríase desde as institucións a situación de vulnerabilidade que se supón que pretenden superar" ambas axudas
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de recoñecer o dereito dunha muller a percibir o Ingreso Mínimo Vital (IMV) que lle extinguiu o Instituto Nacional da Seguridade Social despois de que a súa filla obtivese unha bolsa para a preparación de oposicións para xuíza, fiscala ou avogada do Estado. A Sala do Social destaca na sentenza que a axuda está destinada a sufragar gastos relacionados coa preparación das probas selectivas, polo que non debe ser considerada no cómputo de ingresos para o IMV, cuxo obxectivo é previr a pobreza e a exclusión social.
A Seguridade Social alegou que estas bolsas deben computarse como ingresos, baseándose na normativa do imposto sobre a renda. Con todo, o TSXG conclúe que esa interpretación podería levar a unha "discriminación institucional por motivos socioeconómicos sobre as familias con baixas rendas, proscrita na cláusula aberta do artigo 14 da Constitución Española".
A iso, engade que "se chegaría ao absurdo de que unha persoa integrada nunha familia con rendas superiores ao limiar de acceso ao IMV podería acceder a unha desas bolsas, mentres que unha persoa integrada nunha familia con rendas inferiores ao limiar de acceso ao IMV podería acceder a unha desas bolsas, pero sería un acceso meramente formal ou aparente, dado que non se aproveitaría efectivamente da finalidade que persegue a concesión da bolsa, pois expulsaría á súa familia do IMV".
"En termos reais, situaríase ás familias e ás persoas integradas nelas ao dilema de solicitar as bolsas ou o IMV e perpetuaríase desde as institucións a situación de vulnerabilidade que se supón que tanto as bolsas como o IMV pretenden superar, o que é algo frontalmente contrario ao artigo 9.2 da Constitución". Así, a Sala do Social recalca que "as institucións, neste caso as entidades xestoras da Seguridade Social, tratarían de xeito desigual, penalizando ou excluíndo dos dereitos ás persoas pola súa falta de recursos económicos".
O TSXG equipara as bolsas para preparar oposicións a corpos xurídicos do Estado coas bolsas do ensino regrado
Os maxistrados destacan que non hai "problema insalvable" en asimilar as bolsas para a preparación de oposicións para o ingreso nas Carreiras Xudicial e Fiscal, Corpo de Letrados da Administración de Xustiza e Corpo de Avogados do Estado ao concepto de ensinos regrados, "se consideramos que son axudas para o estudo concedidas polo Goberno do Estado, coa finalidade de fortalecerse atraendo talento cara aos seus corpos xurídicos".
Polo tanto, o TSXG rexeita o recurso presentado polo Instituto Nacional da Seguridade Social e confirma integramente a sentenza ditada polo Xulgado do Social número 2 da Coruña. A resolución non é firme, pois contra ela cabe interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo.