Cando a Seguridade Social denega o Ingreso Mínimo porque ve excesivo ter casa para vivir

Punto de información sobre o Ingreso Mínimo Vital (IMV) © Concello de Santiago

A vivenda habitual non pode ser computada como patrimonio para ter dereito á prestación, pero a Seguridade Social está a recibir condenas do TSXG por facelo con intepretacións restritivas da normativa

A normativa do Ingreso Mínimo Vital (IMV) establece que a vivenda habitual non debe ser contabilizada para calcular o patrimonio dunha persoa ou familia que solicite esa prestación. No espírito da norma está que ese é un patrimonio sen valor efectivo para o afectado porque nalgún lugar ten que vivir. Pero a Seguridade Social vén denegando prestacións por non ter en conta esa excepción con interpretacións restritivas que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) está a corrixir.

Nun caso, con sentenza do 23 de outubro, a Seguridade Social retirou o IMV a unha familia que vivía de alugueiro e ao recibir a muller unha herdanza do seu pai de 42.700 euros decidiu destinalos a mercar unha vivenda en propiedade. A compra da vivenda fíxoa no mesmo ano en que recibiu a herdanza, pero a Seguridade Social optou por computar a herdanza como un patrimonio excesivo para denegarlle a prestación en lugar de ter en conta que ese patrimonio acabou sendo a vivenda habitual da familia e polo tanto non debía ser contabilizada. 

Vivendas nunha cidade galega e sentenza aceptando manter o IMV tras recibir unha herdanza que foi empregada para mercar unha casa e deixar de pagar alugueiro CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Un xulgado do Social deu a razón en primeira instancia á familia, pero a Seguridade Social teimou en recorrer e o TSXG ratifica que os afectados teñen dereito a manter o IMV. A propia Seguridade Social incidiu no proceso xudicial en que a familia deixara o domicilio no que vivía de alugueiro para pasar a vivir no mesmo día na vivenda que mercara coa herdanza. A muller mesmo lle comunicara á Seguridade Social todos eses movementos. 

O TSXG considera que a muller "non veu incrementado o seu patrimonio de forma irregular, senón que transformou a herdanza recibida na súa vivenda habitual" que polo tanto non podía ser computada para retirarlle o IMV. "Desde logo, nunha situación de vulnerabilidade económica como é a da recorrente, pódese considerar [...] xustificado máis que suficiente o investimento do percibido en herdanza para adquirir unha vivenda como fogar familiar habitual, para así deixar de investir os escasos ingresos en alugueiro", sentenza o tribunal.

Noutro caso, con sentenza do TSXG de comezos deste ano, a Seguridade Social denegou o IMV por exceso de patrimonio a unha muller cunha discapacidade do 49% que coida do seu tío cun contrato de vitalicio polo que este a cambio lle cede a súa vivenda. Isto é, o tío transferiu a vivenda a nome da sobriña pero reservouse o usufruto dela mentres viva. 

Neste caso a Seguridade Social non lle tivo en conta a vivenda, que ten en núa propiedade, como domicilio habitual senón como patrimonio a maiores que a facía superar o límite para recibir a prestación. Pero tanto un xulgado do Social como o TSXG consideran que esa vivenda en núa propiedade cedida polo tío en contrato de vitalicio "constitúe a vivenda habitual, o que leva á conclusión de que non cabe computar a vivenda habitual a efectos da prestación solicitada". 

Noutro caso duns meses antes foille denegado o IMV a un solicitante ao que a Seguridade Social lle atribuíu un patrimonio excesivo por contabilizar ademais da súa vivenda habitual terreo rústico que linda con ela. Pero a xustiza considera que "o único patrimonio acreditado" é "o correspondente á súa vivenda".

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

O Estado tamén vén denegando prestacións por ter custodia compartida ou por erros no padrón malia que as unidades de convivencia cumpren os requisitos para recibir a axuda

Ademais destas interpretacións restritivas da normativa que exime a vivenda habitual do cómputo do patrimonio para ter dereito ou non a IMV, o TSXG vén condenando a Seguridade social por moitas outras denegacións indebidas relacionadas cos domicilios das persoas ou familias solicitantes. Hai unhas semanas o TSXG chegou a afear á Seguridade Social que considerase como patrimonio excesivo dun home o préstamo que recibiu por hipotecar a súa única vivenda. Noutras moitas ocasións as denegacións indebidas do IMV prodúcense por erros no padrón, pero tamén as hai por fillos que non conviven de xeito permanente co proxenitor que pide a prestación porque así o estableceu unha resolución xudicial de custodia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.