A Xunta activa a prealerta por “escaseza moderada” de auga no sistema do río Lérez

O río Lérez ao seu paso por Pontevedra © Concello de Pontevedra

A Oficina Técnica da Seca acordou adoptar esta medida ante o descenso do caudal circulante rexistrado na zona desde mediados de xullo, polo que se intensificará o seguimento da situación meteorolóxica e os niveis dos ríos, encoros e acuíferos

A Oficina Técnica da Seca acordou adoptar esta medida ante o descenso do caudal circulante rexistrado na zona desde mediados de xullo, polo que se intensificará o seguimento da situación meteorolóxica e os niveis dos ríos, encoros e acuíferos.

Deste xeito, malia non advertirse unha situación de seca prolongada en ningunha das bacías da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, a Oficina Técnica da Seca decidiu adoptar esta medida precautoria na bacía do Lérez, dado o descenso do caudal circulante neste río desde mediados de xullo, ao que se engade o aumento da poboación estacional nos concellos que se abastecen del, segundo argumenta o Executivo.

O director de Augas de Galicia, Roi Fernández (segundo pola esquerda), presidiu a reunión da Oficina Técnica da Seca. CC-BY-SA Xunta

Mentres, informa a Xunta, o resto de unidades territoriais atópanse en situación de normalidade. De feito, a ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galicia-Costa é de preto do 86%, máis de tres puntos por enriba da media rexistrada nos últimos anos (82,7%). 

Na reunión da Oficina Técnica da Seca, que estivo presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e que contou coa participación tanto de distintos técnicos do organismo hidráulico autonómico como de representantes de Protección Civil, MeteoGalicia e as Consellerías de Sanidade e Medio Rural, avaliouse tamén a situación meteorolóxica das distintas concas de Galicia-Costa. Os técnicos constataron que na primeira quincena de agosto predominou a situación anticiclónica, malia choivas puntuais, e que a segunda quincena está a ser máis anticiclónica que a primeira. O prognóstico meteorolóxico a curto prazo apunta a algunha precipitación de carácter tormentoso na zona de Pontevedra durante a vindeira fin de semana. 

No medio prazo, agárdase un mes de setembro normal, sen moitas precipitacións, que poderían darse con maior probabilidade a finais de mes. Polo tanto, recoméndase cautela ante o escenario de certa incerteza en relación coas posibles choivas, o que reforza a decisión adoptada pola Oficina Técnica da Seca. 

A situación de prealerta por escaseza implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveis de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais prevense medidas de concienciación da cidadanía. 

Mapa da situación de prealerta actual en Galicia. CC-BY-SA Xunta

Nos concellos afectados recoméndase realizar un uso o máis responsable posible da auga, evitando actividades como o enchido de piscinas ou regar con auga potable así como ter especialmente presentes as boas prácticas no fogar, como ducharse en vez de bañarse, explica a Xunta

Nesta situación, Augas de Galicia intensificará o labor de control do estado dos sistemas de abastecemento e do propio río. Os concellos afectados pola prealerta son Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Marín, Meaño, Moraña, Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas e Sanxenxo

Nestes municipios recoméndase á poboación realizar un uso o máis responsable posible da auga, evitando as actividades que máis consumo xeran, como o enchido de piscinas ou regar con auga potable así como ter especialmente presentes as boas prácticas no fogar, como ducharse en vez de bañarse, utilizar as funcións eco dos electrodomésticos ou evitar malgastar auga pechan a billa cando non se estea utilizando. 

A Oficina Técnica da Seca tamén recomenda aos concellos afectados minimizar os consumos de auga municipais non esenciais, como o baldeo de rúas, o regado de parques e xardíns ou as duchas de auga potable das praias.

Aviso aos concellos

Nesta liña, e tal e como establece o Plan da Seca da Demarcación Galicia-Costa, Augas de Galicia informará por escrito desta declaración de prealerta aos alcaldes dos municipios incluídos na unidade territorial do Lérez.

O organismo hidráulico autonómico tamén traslada na comunicación aos concellos as medidas que propón adoptar neste estado de prealerta entre as que que se inclúe o incremento da frecuencia do control e vixilancia dos indicadores e o intercambio e actualización de información da evolución dos caudais. 

Tamén se incide nas medidas de concienciación cidadá sobre a escaseza de auga e da necesidade de aforro, a través de campañas e bandos municipais. A maiores, desde a Xunta solicítase a implicación dos concellos para establecer as medidas que consideren apropiadas, no marco das súas competencias, e levar a cabo un labor de sensibilización da veciñanza e un control axeitado dos usos da auga que se realicen no seu ámbito de influencia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.