A Xunta ordenou a unha empresa destruír 21.000 quilos de pota que eran aptos para consumo

Visita de cargos da Xunta a unha planta de Cabomar Congelados CC-BY-SA Xunta de Galicia

O TSXG revoga unha sanción da Consellería de Sanidade baseada en análises insuficientes do produto pesqueiro

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza que anula unha sanción imposta pola Consellería de Sanidade á empresa Cabomar Congelados SA de 5.001 euros máis a destrución de 20.935 quilos de pota por considerar que superaban os límites permitidos de cadmio. Porén, a xustiza considera que as análises en que se baseara a sanción, realizadas en Italia nunha soa das 1.709 caixas en que se repartía o produto, foran insuficientes, mentres que outras análises posteriores máis completas do laboratorio galego empregado habitualmente pola Xunta validaron a mercadoría.

Visita de cargos da Xunta a unha planta de Cabomar Congelados e fragmento da sentenza do TSXG CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Segundo a sentenza agora coñecida do TSXG, que ratifica outra previa dun xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, o departamento de Saúde Pública da Xunta sancionou á empresa por "exportar a Italia unha partida de pota que rebasaba os niveis de cadmio legalmente permitidos en base ás análises realizadas por autoridades italianas". Porén, esas análises realizáronse tomando tres mostras dunha soa das 1.709 caixas en que se repartía o produto, malia que a normativa europea esixe analizar cando menos dez caixas para que o resultado sexa representativo.

Tras a sanción, o laboratorio de Anfaco-Cecopesca realizou unha análise do produto máis completa e o resultado foi que era apto. "Neste caso, o laboratorio empregado goza de recoñecida solvencia e é, paradoxalmente, o mesmo ao que acode a propia consellería, polo que o seu ditame sobre a aptitude da mercadoría posúe un valor probatorio superior á mera sospeita administrativa", salienta o TSXG.

Sala de vistas na sede do Tribunal Superior de Xustiza © TSXG

A sentenza di que, fronte á "pretendida natureza vinculante que a Administración apelante outorga a unha inspección realizada por autoridades estranxeiras" debía prevalecer o dereito a propoñer probas alternativas e mellor fundadas. Ademais, á empresa non se lle dera a oportunidade de alegar contra as análises italianas, refutadas despois polas análises máis completas realizadas en Galicia.

"A Xunta non pode ignorar a realidade material de que o produto é apto para a súa comercialización, pois manter a sanción e a orde de destrución sobre unha mercadoría inocua constituiría unha actuación arbitraria", di o TSXG

A sentenza conclúe que "non pode sosterse unha sanción cando o presuposto do feito -o exceso de cadmio- foi cientificamente desmentido en sede xudicial". "A Xunta de Galicia non pode ignorar a realidade material de que o produto é apto para a súa comercialización, pois manter a sanción e a orde de destrución sobre unha mercadoría inocua constituiría unha actuación arbitraria", remata a sentenza, que anula a sanción e a orde de destrución do produto.

En 2023 a Xunta xa fora condenada por destruír de xeito inxustificado 25.000 quilos de peixe doutra empresa, á que tivo que indemnizar con 135.000 euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.