A finais do pasado mes de abril, a Consellería de Educación facía publicos a proposta de currículos escolares que, tras a aplicación da nova lei educativa, rexerán en Galicia desde o vindeiro curso.
No documento, e atendendo á fixación do 50% do currículo que lle corresponde á administración autonómica, a Consellería de Educación incluía como novidade en 2º de Bacharelato unha materia optativa autonómica, Patrimonio e Sociedade de Galicia, con catro sesións á semana. Unha decisión que ergueu a polémica entre numerosos docentes que os levou mesmo a recoller áis de 3.000 sinaturas ao consideraren que supuña substituír a de Xeografía e Historia de Galicia, marxinando así os estudos sobre o país e a disciplina académica que debulla a súa historia.
A Consellería confirma a rectificación e inclúe a materia 'Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia' como materia optativa de 2º de Bacharelato
Finalmente, e tras a celebración da mesa sectorial sobre os currículos, confirmouse a rectificación da Consellería, que inclúe a denominación de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia para a materia optativa de 2º de Bacharelato e logo das críticas de sindicatos, docentes e mesmo do propio ámbito universitario.
Confírmase así a rectificación que o departamento que dirixe Román Rodríguez xa adiantara a Praza.gal ao pouco de se coñecer as duras críticas do ámbito docente tras admitir posibles erros na explicación dos novos contidos e advertir da "provisionalidade" dos nomes das materias. Será finalmente Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia a denominación e non Xeografía, Historia e Arte de Galicia. Patrimonio e Sociedade como tamén se meditara.
Ante as denuncias da rebaixa de contidos sobre a Xeografía e Historia de Galicia, a Consellería aclarara que "non só non se suprimen os contidos que se imparten" nese ámbito, "senón que se reforzan". "Ata agora había dúas materias de libre configuración de dúas horas cada unha, pero os alumnos só podían cursar unha delas; polo tanto, recibían como máximo dúas horas á semana. Agora fúndense nunha única materia optativa de catro horas", explican as mesmas fontes.
Ata 2015, Xeografía e Historia de Galicia ofrecíase como materia de libre configuración autonómica e impartíase na maioría dos institutos de Galicia en 2º de Bacharelato con catro aulas semanais. A partir dese ano, a Consellería de Educación decidiu desdobrar a materia en dúas con cadansúas dúas horas semanais -Patrimonio e Arte de Galicia e Xeografía e Historia de Galicia-, unha decisión que "acabou por reducir moito xa a súa demanda", tal e como explicaba Raúl Soutelo, profesor no IES Campo de San Alberto de Noia e un dos impulsores da protesta pola "supresión" da devandita materia.
Finalmente, a materia terá catro sesións lectivas á semana en 2º de Bacharelato, sendo unha das optativas para todas as modalidades da etapa e unha das seleccionables en función da oferta do centro.
"Debería ser obrigatoria"
"Seguimos a lamentar que a materia non sexa obrigatoria para todo o alumnado nalgún dos cursos do Bacharelato. Non hai máis que contemplar o currículo da ESO para chegarmos á conclusión de que as historia de Galiza ten un claro papel subordinado e só atopa protagonismo por si mesma cando se fala da cultura castrexa e do reino suevo ou da Compostela medieval", advirte CIG-Ensino.
O mesmo sindicato critica que o deseño curricular implantado pola LOMLOE, desenvolvido pola Consellaría mediante os novos decretos, "non implica ningunha mellora substancial" e que os novos currículos "implican menos autonomía para os centros, discriminan a nosa lingua e cultura e incrementan a burocracia".
Ademais, desde CCOO laméntase "que non se aproveitase esta reforma para alixeirar uns contidos sobredimensionados" e rexeita tamén "a redución da autonomía dos centros en canto á planificación, organización e oferta das materias optativas".