Os complementos por nocturnidade, domingos ou festivos deben ser percibidos polo persoal funcionario tamén durante os períodos de vacacións, permisos retribuídos ou incapacidade temporal no caso de que o traballador ou traballadora traballe por quendas.
A sentenza condena a Xunta e recoñece o dereito do persoal funcionario a cobrar os complementos de nocturnidade ou festivos tamén durante vacacións, baixa ou permiso
Unha sentenza pioneira en Galicia condena a Xunta e recoñece este dereito do funcionariado ao considerar que as retribucións derivadas do traballo de noite e en domingos e festivos forman parte da retribución ordinaria do persoal que realiza estas quendas de maneira habitual dentro da súa xornada habitual.
Así era no caso dun bombeiro do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) de Medio Rural, que presentou e gañou un recurso na súa batalla xudicial contra a Consellería para que lle fosen abonados estes complementos tamén durante os períodos vacacionais, de permiso ou de incapacidade temporal.
O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 da Coruña condenou a Xunta a abonar as cantidades reclamadas por este bombeiro, correspondentes aos anos 2024 e 2025: uns 2.300 euros, entre horas nocturnas, domingos e festivos, ademais dos intereses correspondentes.
Un bombeiro de Medio Rural reclamou á Consellería os complementos durante dous anos e a Xunta terá que pagarlle 2.300 euros máis intereses
O CSIF, sindicato que presentou a demanda, advirte que o ditame "pioneiro" pode "sentar un precedente con impacto para milleiros de empregados públicos da Xunta".
A maxistrada aclara que a Administración autonómica non pode excluír o abono das retribucións por nocturnidade e traballo en festivos porque forman parte da retribución ordinaria do persoal que traballa por quendas rotatorias, como é o caso, é que habitualmente fai o seu labor de noite ou en días non laborables.
A xuíza apoia o seu ditame en xurisprudencia do Tribunal Supremo e en normativa comunitaria para concluír que eses conceptos salariais non son extraordinarios nin voluntarios, senón inherentes ao posto de traballo desempeñado polo funcionario demandante.
O ditame advirte que traballar de noite ou en festivos é habitual nun bombeiro e os complementos non son extraordinarios nin voluntarios
"Cando os servizos nocturnos ou en días festivos forman parte da xornada habitual de traballo, aínda que se denominen gratificación na nómina, retribúen unha condición particular do posto de traballo, polo que se abona unha retribución ordinaria polos servizos que se prestan regularmente", lembra a sentenza aludindo á xurisprudencia previa. Eses complementos, xa que logo, "non poden ser lexitimamente excluídos do seu período de vacacións".
"Reclamacións masivas"
Ademais, o ditame —que pode ser recorrida en apelación pola Xunta— tamén advirte expresamente que negar estes pagos suporía penalizar economicamente o goce das vacacións ou situacións de incapacidade temporal.
Nun comunicado, CSIF destaca que a sentenza é "a primeira en Galicia que recoñece este dereito no ámbito da Administración autonómica para o persoal funcionario que traballa a quendas". Para este sindicato, abre a porta a "reclamacións masivas de empregados públicos que actualmente deixan de percibir estes complementos cando están de baixa, de vacacións ou de permiso".
O CSIF calcula que hai 2.000 bombeiros de Medio Rural afectados polo impago destas compensacións económicas e ata 5.000 na Xunta
Os cálculos do CSIF falan de arredor de 2.000 traballadores públicos do SPIF afectados polo impago destas compensacións económicas e de ata 5.000 funcionarios no conxunto da Xunta. Ante esta situación, o sindicato pide "unha solución negociada que permita recoñecer este dereito de forma xeneralizada e evitar así milleiros de demandas xudiciais contra a Administración pública".
O CSIF lembra que a reivindicación xa foi transmitida en numerosas ocasións á Dirección Xeral de Emprego Público para "evitar a xudicialización masiva do conflito" pero que nunca se atenderon as peticións.