Arquivo do 'caso Maruxaina': sen indicios para culpar polos vídeos de mulleres enviados a webs pornográficas

Mobilización en Cervo tras o primeiro arquivo das denuncias polas gravacións na Maruxaina, nunha imaxe divulgada pola Marcha Mundial das Mulleres CC-BY-NC-SA MMM Galiza

A xuíza "non dubida do testemuño das denunciantes" e mantén que os feitos son delito, pero non acha probas contra o único imputado nin logra identificar outros posibles culpables tras múltiplas dilixencias

O caso Maruxaina fica arquivado outra volta, desta volta con menos posibilidades de ter máis percorrido. A praza número 1 do Tribunal de Instancia de Viveiro -o antigo Xulgado de Instrución- decretou, nun auto ditado este 14 de xaneiro, o sobresemento da causa por non dar atopado "indicios suficientes" para culpar ningunha persoa polas gravacións de mulleres ouriñando na rúa ante a "insuficiencia de baños para atender as necesidades fisiolóxicas da afluencia" durante a popular festa de San Cibrao (Cervo) en agosto de 2019. As imaxes foron posteriormente publicadas en webs pornográficas.

Despois de que, en 2021, a Audiencia de Lugo ordenase reabrir o caso, no que o xuíz daquela encargado non observara delito por tratarse de gravacións tomadas na vía pública, a xuíza instrutora acreditou nos testemuños das afectadas e lanzou múltiplas dilixencias para tentar a "identificación dos posibles autores dos feitos", tanto "en relación coa captación das imaxes" como "en relación coa difusión en distintas páxinas web de contido erótico". Pero "todas resultaron infrutuosas" para tentar esclarecer o que, ao seu xuízo e ao contrario do seu antecesor, son "feitos constitutivos de infracción penal".

Imaxe divulgada por colectivos feministas en apoio das mulleres denunciantes no 'Caso Maruxaina' © #XustizaMaruxaina

Non foi posible, daquela, pór nome aos posibles culpables mentres non hai tampouco motivación dabondo para procesar o único imputado, que previamente declarara como testemuña. "O único motivo polo que adquiriu a condición de investigado", especifica o auto de arquivo, foi que un coche "que el mesmo alugara no aeroporto da Coruña para asistir á romaría aparece nas gravacións das vítimas ouriñando" e por baixo do automóbil "parece apreciarse nos vídeos un dos posibles dispositivos de gravación" no lugar, próximo "á casa da súa avoa, na que neses días se aloxaba".

A "solicitude de asistencia xudicial internacional" aos EUA resultou "infrutuosa", o mesmo que os intentos para que as webs que difundiron os vídeos colaborasen na identificación das persoas que os subiron

Pero, subliña a xuíza, non é posible sinalalo como autor dos feitos "por vivir e ter estacionado o vehículo cerca do lugar onde se gravou ás vítimas", máis aínda nuns días nos que a circulación en coche está restrinxida pola festa. E ademais, agrega, "resulta incoherente que o propio autor das gravacións permitise que se visualizase nos vídeos a matrícula do vehículo que el mesmo alugara achegando os seus datos persoais".

A este contexto engádese que "as entidades titulares dos distintos dominios" das webs que difundiron os vídeos non colaboraron "para a identificación de quen figurasen tras os usuarios", que a "solicitude de asistencia xudicial internacional aos Estados Unidos" resultou "infrutuosa" e que o xulgado non pode "estender a xurisdición" para "investigar unha presunta difusión" posterior dos vídeos por parte "dun cidadán francés" dende Chipre. Por todo isto, o arquivo virou "irremediable".

Enfatiza a xuíza no auto, contra o que cabe rercurso, que "non dubida do testemuño das denunciantes nin do seu sufrimento", máis aínda por estaren afectadas por "condutas (...) que atentan contra a intimidade das mulleres" e "gozan dun forte e xustificado reproche social". Pero "no noso sistema penal rexen os principios de presunción de inocencia e intervención mínima", polo que "ante a ausencia de indicios racionais e suficientes de criminalidade contra persoas determinadas" e "esgotados tanto o prazo de instrución como as posibles vías de investigación, só cabe" arquivar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.