"Hai xuíces que non son conscientes de que as mulleres sufrimos unhas violencias específicas por sermos mulleres"

Concentración do Observatorio da Mariña pola Igualdade © Observatorio da Mariña pola Igualdade

O pasado luns as mulleres da Mariña víronse sacudidas por unha polémica decisión xudicial: o titular do Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro ditaminou que non existe delito nas gravacións realizadas nas festas da Maruxaina e difundidas posteriormente en webs pornográficas. O xuíz viña reiterar a decisión xa adoptada o pasado mes de marzo,  argumentando que, ao seren gravacións na vía pública, os feitos non encaixan no artigo do código penal relativo á vulneración da intimidade e "tampouco cabe apreciar delito contra a integridade moral", contradicindo o criterio da Fiscalía, que subliña que a gravación non foi casual, senón que foi realizada cunha cámara estratexicamente colocala.

"Estamos de novo ante unha violencia xudicial que vai en contra de todas as mulleres. Unha sentenza brutal que se encadra na cousificación dos corpos das mulleres e nesa idea de que se as mulleres non estamos onde nos corresponde temos que pagar un alto prezo"

A sentenza redobrou o movemento de protesta que dende hai meses vén empregando o lema Xustiza Maruxaina e tamén motivou a interposición de recursos de apelación, que agora deberán ser examinados pola Audiencia Provincial de Lugo. Nos colectivos feministas da Mariña a decisión xudicial foi recibida con decepción e rabia e críticas ao xuíz e, sobre todo, ao machismo aínda imperante en amplos sectores da xudicatura. 

"Estamos de novo ante unha violencia xudicial que vai en contra de todas as mulleres. Unha sentenza brutal que se encadra na cousificación dos corpos das mulleres e nesa idea de que se as mulleres non estamos onde nos corresponde temos que pagar un alto prezo", valorou o Observatorio da Mariña pola Igualdade, que pediu que a análise do sucedido non fique no "feito puntual". "Hai que facer unha análise feminista desta situación e sinalar as problemáticas que levan a que isto suceda. Non é un tolo ao que se lle ocorreu poñer unha cámara nin un xuíz que porque si decide que iso non é delito", di Raquel González en conversa con Praza.gal.

Acto de Mulleres pola Igualdade Burela © Bumei Burela

"Cómpre unha revisión a fondo da xustiza, das propias carreiras xudiciais, que carecen de perspectiva de xénero", subliña González, que denuncia que "temos xuíces que non son conscientes de que mulleres e homes vivimos na sociedade en situacións desiguais e de que sufrimos unhas violencias específicas por sermos mulleres"

O Observatorio amósase crítico especialmente coa "xustiza patriarcal". O feminismo reclamou durante anos cambios normativos e na lexislación para protexer as mulleres das violencia machistas, pero nos últimos tempos o foco se está a poñer cada vez máis "no sistema xudicial como responsable último da súa impunidade". Neste caso -e noutros- si semella existir unha lexislación (máis ou menos mellorable) que en principio debería protexer as mulleres, pero despois moitos xuíces realizan unha interpretación e unha aplicación da lei que na práctica as deixa desprotexidas.

"Cómpre unha revisión a fondo da xustiza, das propias carreiras xudiciais, que carecen de perspectiva de xénero", subliña Raquel González, que denuncia que "temos xuíces que non son conscientes de que mulleres e homes vivimos na sociedade en situacións desiguais e de que sufrimos unhas violencias específicas por sermos mulleres".

Pola súa banda, a presidenta da asociación Mulleres en Igualdade Bumei Burela, María del Mar Fraga destaca que "sentimos indignación, decepción e humillación. É incomprensible que un xuíz non vexa un delito en que se vexe ás mulleres e se difundan unhas gravacións e se comercialicen os nosos corpos en páxinas de contido pornográfico". 

A pornografía que "cousifica" as mulleres

Os vídeos de arredor dun cento de mulleres que durante as festas da Maruxaina optaron por ouriñar nunha calexa apartada ante a ausencia doutras alternativas foron subidos a web pornográficas, en moitas ocasións amosando tamén as súas caras. O Observatorio da Mariña pon o foco tamén nos prexuízos da pornografía e nos patróns sexuais que está a crear.

"Por que se fan estas cousas? Porque hai xente que as consume. E por iso o feminismo pon o foco na cultura da violación, que se nutre da pornografía, como responsable última destes actos que perseguen socavar a dignidade das mulleres", di Raquel González

"Hai categorías dentro das páxinas pornográficas que teñen este tipo de contido. Por que se fan estas cousas? Porque hai xente que as consume. E por iso o feminismo pon o foco na cultura da violación, que se nutre da pornografía, como responsable última destes actos que perseguen socavar a dignidade das mulleres, unha cultura que nos cousifica e despersonaliza e á que calquera pode ter acceso", subliña Raquel González. González alerta ademais de que "a nosa sexualidade estase deformando con este tipo de contidos pornográficos" e de que se están modificando "as condutas sexuais da xuventude". "Estamos educando a un tipo de sexualidade moi negativa e totalmente deturpada a menores con 11, 12 ou 13 anos, e se cadra menos, que acceden a estes contidos", alerta.

Por iso, dende o Observatorio da Mariña apóstase pola "coeducación e a educación afectivo-sexual feminista desde as idades máis temperás" para avanzar cara a unha solución a esta cultura da violación, co obxectivo de "formar persoas con valores nos que o respecto á integridade e intimidade da outra persoa sexan inviolables".

Festa da Maruxaina © Turgalicia

Non "desviar o foco" da cuestión principal

O principal argumento empregado polo xuíz para decidir que gravar a un cento de mulleres (varias delas menores de idade) mentres mexaban para despois difundir os vídeos en Internet é que as gravacións se realizaron nun espazo público. Un aspecto no que as asociacións feministas se amosan moi claras: "estaban agachadas, non estaban á vista de todo o mundo. Foron precisamente a esa calexa para protexer a súa intimidade", destaca Raquel González. 

O mesmo apunta María del Mar Fraga: "Non foron ouriñar a unha vía pública onde pensasen que corrían o risco de ser espiadas, onde podía haber ollos postos nelas". E engade: "Que pasa? Que na vía pública si se pode vulnerar a intimidade das mulleres? A cuestión é que ninguén ten dereito a lucrarse coas imaxes dos seus corpos". 

"Que pasa? Que na vía pública si se pode vulnerar a intimidade das mulleres? A cuestión é que ninguén ten dereito a lucrarse coas imaxes dos seus corpos"

Así mesmo, o Observatorio pide "non desviar o foco do debate" debatendo sobre o carácter máis ou menos incívico de ouriñar na rúa. "Incidir nesa cuestión é non ir ao verdadeiro foco do problema. Aquí estamos falando de mulleres ás que se lles usurpa a súa intimidade, e do feito de degradalas e de utilizalas e de lucrarse delas. Houbo homes, compañeiros ou amigos, que foron ouriñar con elas a ese lugar e non aparecen nas gravacións porque non interesaban eses corpos. Incidir en que era unha conduta pouco cívica é pouco menos que xustificar o que lles pasou. Xa era o que nos faltaba", di Raquel González.  

Reclámase unha investigación

A decisión do xuíz de Viveiro implica que, de momento, non se seguirá investigando o caso e que polo tanto, nin sequera se coñece a autoría dos feitos. “Ninguén pediu unha indemnización, só se pide unha investigación e ata iso nolo negan", di María Fraga

A decisión adoptada polo xuíz de Viveiro implica que, de momento, non se seguirá investigando o caso e que polo tanto, nin sequera se coñece a autoría dos feitos, pois é necesario que un maxistrado decida que existen "indicios de delito". María del Mar Fraga reclama, sobre todo, esta investigación: “ninguén pediu unha indemnización, só se pide unha investigación e ata iso nolo negan". "O problema é, ademais, que se non se investiga, se o xuíz non decide que aquí hai un delito, non se poden parar estas reproducións", engade, polo que os vídeos poden seguir presentes na rede sen control.

Se finalmente se asumise que houbo unha divulgación non consentida de imaxes persoais de individuos sen transcendencia pública, isto levaría aparellado un procedemento civil con reclamación de indemnización. No recurso remitido á Audiencia Provincial as denunciantes piden que se teña en conta igualmente o artigo 173 do Código Penal, que contempla penas de prisión de seis meses a dous anos en caso de infrinxir "un trato degradante, menoscabando gravemente a súa integridade moral".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.