A Axencia da UE sobre Drogas (EUDA) vén de publicar os últimos datos do seu estudo anual sobre o consumo de drogas ilegais (cocaína, anfetamina, metanfetamina, MDMA, cánnabis e ketamina) en 130 cidades de 28 países do continente, obtidos a partir da análise da augas residuais nestas urbes, entre as que se inclúe Santiago de Compostela.
A concentración de cocaína nas augas residuais aumentou nun 22% en todas as cidades analizadas e máis do 65% en Compostela
O informe advirte de que a concentración de cocaína detectada nas augas residuais aumentou, en xeral, nun 22%, sinalando que o seu consumo segue a ser maior no oeste e no sur de Europa, especialmente en Bélxica, Países Baixos e España, onde se miden datos en Barcelona, Castelló, Granada, Lleida, València e Santiago, onde o incremento é bastante maior.
O estudo destaca que a detección de anfetamina e metanfetamina apenas mudou dun ano para outro, e que diminuíu case un 16% a de MDMA. En canto ao cánnabis, a carga atopada mantívose estable, ao contrario que a de ketamina, que se incrementou case un 41%.
O consumo de cocaína disparouse en 2025 en Santiago segundo a análise das augas residuais: de 610 miligramos por cada mil habitantes e día a máis de 1.000
Entre as cidades, este estudo da UE inclúe desde 2011 os datos de Santiago, a través da análise das augas residuais da EDAR de Silvouta. A capital galega mantense como unha das cidades cun importante consumo de cocaína entre todas as analizadas, logo dun importante aumento nos datos, que a sitúan no top-15 de consumo desta substancia en Europa e a un só posto do top-10, onde se sitúan outras das seis cidades do Estado analizadas: Lleida e Granada.
O consumo en 2025 alcanza un récord e supera por moito o seu pico en 2023, con cifras moi elevadas, cun nivel de 1007,8 miligramos por cada mil habitantes cada día en 2025, case dez veces máis que o dato dunha década antes (142,7 miligramos) e uns 400 miligramos máis que o alcanzado hai un ano (609,8). É un incremento de máis do 65%.
O estudo analiza mostras diarias de augas residuais nas zonas de captación das estacións de tratamento de durante un período dunha semana entre marzo e maio de 2025. Segundo os datos, en Santiago, como na maioría das urbes analizadas, o consumo dispárase os sábados, aínda que tamén é moi importante os domingos.
O nivel de cocaína detectado en Compostela é semellante ao rexistrado noutras cidades que ocupan os primeiros postos no ránking, como Bruxelas (1.020,5 mg/1.000hab/día), Zúrich (1.055 mg), Xenebra (1.076,9 mg) ou Ámsterdam (1.171,6) e aínda lonxe de Granada (1.238,2) ou Lleida (1.405,4) e afastada dos niveis de Middlesbrough, que lidera a táboa das cidades en Europa con 2.758,4 mg.
As augas residuais da capital galega revelan tamén un notable ascenso no consumo de cánnabis, coa maior cifra dos últimos tres anos
No caso do cánnabis, o seu consumo experimentou un notable ascenso en Santiago no últimos ano, aínda que lonxe do pico de 120 miligramos por cada mil habitantes cada día en 2019. No pasado ano, o dato en Compostela é de 74,55 mg, a maior cifra dos últimos tres anos, unha cifra que racha cos dous descensos consecutivos nos dous últimos exercicios.
É unha cantidade, con todo, afastada dos 252,8 de Xenebra, os 194 de Ámsterdam, os 172,7 de Berlín ou os 167,3 de Hamburgo. De todas as cidades do Estado avaliadas, Compostela ocupa o segundo lugar, só superada por Barcelona (126,6)
Máis consumo de anfetaminas e MDMA
Ademais, o consumo de anfetaminas pasou de ser mínimo a dispararse, pasando dos 10,93 mg/1000hab/día de 2024 aos 42 de 2025, catro veces máis. Algo semellante ocorre co MDMA, que pasou dos 16,84 mg aos 31,68 nun ano, case o dobre.
No estudo da UE destaca o rexistro por segundo ano do consumo de ketamina, droga empregada como anestesia para obxectivos médicos e veterinarios. Segundo os datos achegados polas augas residuais, a media diaria de consumo en Compostela pasou de case 4 miligramos por cada 1.000 habitantes (3,97) a 5,26.
Por outra banda, o informe sinala que as maiores concentraiós do metabolito da cocaína e de MDMA nas augas residuais danse nas fins de semana pero que, en cambio, o consumo de cánnabis, anfetaminas e metanfetaminas distribúese de xeito máis uniforme ao longo da semana.