A Axencia da UE sobre Drogas (EUDA) publicou esta pasada semana os últimos datos do seu estudo anual sobre o consumo de drogas ilegais (cocaína, anfetamina, metanfetamina, MDMA, cánnabis e ketamina) en case 130 cidades de 26 países do continente, obtidos a partir da análise da augas residuais nestas urbes, entre as que se inclúe Santiago de Compostela.
O informe advirte de que o consumo de cocaína segue a ser máis elevado nas cidades do oeste e do sur de Europa, sobre todo en Bélxica, Holanda e España, pero que segue en aumento no leste. Pola contra, as cargas de anfetamina detectadas en augas residuais son máis altas tanto no norte como no leste de Europa e non tanto no sur.
En canto ao consumo de metanfetamina, é normalmente baixo na maioría das cidades, concentrándose sobre todo en Chequia e Eslovaquia, mentres que o MDMA destaca en Bélxica, Chequia, Holanda e Portugal. Para o cánnabis, os datos son tamén claros, sendo as cidades de España, Holanda, Noruega e Portugal as que teñen máis carga deste estupefaciente nas súas augas residuais. A ketamina, pola súa banda, conta con elevadas taxas en Bélxica, Holanda, Hungría e Noruega.
Entre as cidades, este estudo da UE inclúe desde 2011 os datos de Santiago, a través da análise das augas residuais da EDAR de Silvouta. A capital galega mantense como unha das cidades cun importante consumo de cocaína entre todas as analizadas aínda que a suba experimentada no uso desta droga noutras urbes fai que xa non se atope entre as clasificacións das máis destacadas.
O consumo de cocaína en Compostela segue sendo elevado, con 610 miligramos por cada mil habitantes e día, pouco menos que o pico de 2023 e catro veces máis que hai unha década
Así, e aínda que o consumo baixou un chisco desde que alcanzase o seu pico en 2023, as cifras seguen sendo elevadas, cun nivel de 609,79 miligramos por cada mil habitantes cada día en 2024, case catro veces máis que o dato dunha década antes (165,17 miligramos) e unha cifra case idéntica ao récord alcanzado hai un ano (627,43).
O estudo analiza mostras diarias de augas residuais nas zonas de captación das estacións de tratamento de durante un período dunha semana entre marzo e maio de 2024. Segundo os datos, en Santiago, como na maioría das urbes analizadas, o consumo dispárase os sábados.
En calquera caso, o nivel de cocaína detectado en Compostela é moi inferior ao rexistrado noutras cidades, como Amberes (2.190 mg/1.000hab/día), Tarragona (1.483 mg), Amsterdam (1.483 mg), Bruxelas (1.186 mg) ou Zurich (1.086 mg). Entre todas as urbes españolas analizadas, entre as que se inclúen tamén Lleida, Barcelona e Castelló, Santiago é a cuarta que presenta unha maior carga de cocaína nas súas augas residuais.
As augas residuais da capital galega revelan un notable descenso no consumo de cánnabis, coa menor cifra desde que se fan as análises
No caso do cánnabis, o seu consumo experimentou un notable descenso en Santiago nos últimos anos, desde que alcanzase o pico de 120 miligramos por cada mil habitantes cada día en 2019. No pasado ano, o dato en Compostela é de 54,32 mg, a menor cifra desde que se empezara coas análises en 2011, aínda que non en todos os anos houbo estudo sobre esta substancia.
É unha cantidade, con todo, afastada dos 319,5 de Amsterdam, os 258 de Groningen, os 229 de Tarragona ou os 221 de Barcelona. De todas as cidades do Estado avaliadas, Compostela ocupa o quinto lugar, superada polas tres urbes catalás e Castelló.
Ademais, o consumo de anfetaminas e metanfetaminas en Santiago, segundo a análise das augas residuais, é aínda mínimo pero non tan insignificante no caso do MDMA. Con todo, pasouse dos 30,4 mg/1000hab/día de 2022 aos 16,84 de 2024, unha cifra semellante á de 2023.
No que ten que ver coas anfetaminas e as metanfetaminas, as augas residuais de Santiago revelan unha liña moi irregular. No caso das primeiras substancias, a media diaria de consumo en 2024 achegouse aos 11 miligramos por cada 1.000 persoas, mentres que no ano anterior non se rexistrou carga ningunha. As metanfetaminas, pola súa banda, só foron detectadas en 2022.
No estudo da UE destaca, ademais, a inclusión por primeira vez do rexistro de ketamina, droga empregada como anestesia para obxectivos médicos e veterinarios. Segundo os datos achegados polas augas residuais, a media diaria de consumo en Compostela é de case 4 miligramos por cada 1.000 habitantes (3,97).
A nivel global, o estudo da UE destaca que se detecta un incremento na detección de MDMA, cocaína e anfetamina no conxunto das cidades analizadas, aínda que os patróns son diferentes no caso da metanfetamina e da ketamina. Ademais, os autores cren que é importante "destacar" que as seis drogas ilícitas investigadas "atopáronse en case todas as urbes" participantes no estudo.
Ademais, o informe destaca que o consumo de cocaína é maior nas cidades máis grandes, algo que non sucede igual coa metanfetamina e o MDMA, con niveis semellantes en urbes pequenas". Os datos suxiren que, nalgúns casos, os patróns urbanos de consumo de drogas poden estenderse ás cidades máis pequenas", destaca, ademais de indicar que no caso das outras tres substancias, non hai ningún patrón claro na relación entre localidade máis ou menos habitada.
Por último, e en canto aos patróns de consumo semanais, a análise das augas residuais destaca que en máis das tres cuartas partes das cidades analizadas apareceron residuos máis altos na fin de semana nas dorgas asociadas co uso en ambientes recreativos (cocaína, ketamina e MDMA), mentres que os residuos de anfetamina, cánnabis e matanfetamina "distribuíronse de xeito máis uniforme ao longo da semana".