As comunidades de montes galegas, recoñecidas como exemplo internacional na COP17 da ONU

Preto de 700.000 hectáreas (aproximadamente o 22 % do territorio galego) son xestionadas de forma comunal por unhas 115.000 familias © Rede Montes Vivos

Un informe da Conferencia da ONU sobre Biodiversidade, que recolle un total de 56 estudos de caso liderados por comunidades de todo o mundo, destaca os proxectos centrados na gobernanza colectiva e na restauración ecolóxica das entidades locais galegas

O informe Local Biodiversity Outlooks, presentado o pasado martes 20 na 17ª Conferencia das Partes (COP17) do Convenio sobre a Diversidade Biolóxica (CDB) en Ereván (Armenia) destaca as comunidades locais galegas como un dos 57 estudos de caso sinalados como exemplo internacional. A Conferencia da ONU sobre Biodiversidade, que recolle un total de 56 estudos de caso liderados por comunidades de todo o mundo (poucos en Europa e ningún máis no Estado español), destaca os proxectos centrados na gobernanza colectiva e na restauración ecolóxica das comunidades de montes galegas.

No informe destácase o amplo sistema de terras xestionadas colectivamente en Galicia, pois preto de 700.000 hectáreas (aproximadamente o 22 % do territorio galego) son xestionadas de forma comunal por unhas 115.000 familias a través de institucións tradicionais. O informe salienta que estes espazos "albergan unha parte significativa da biodiversidade da rexión, numerosas paisaxes culturais tradicionais e hábitats prioritarios da Unión Europea".

Monte veciñal en Rebordelo (Cotobade) © Rede Montes Vivos

Joam Evans, responsable da iniciativa e director da Fundación Montescola, celebra que "o feito de que se dea a coñecer a Rede na COP17 de biodiversidade axuda a cumprir unha das súas principais tarefas: dar visibilidade e recoñecemento á conservación feita desde as comunidades locais". 

"A pesar da súa importancia estas terras de xestión comunitaria foron amplamente invisibilizadas nas políticas de conservación convencionais", destaca o texto, que engade que "historicamente, a conservación da biodiversidade europea estivo dominada por áreas protexidas xestionadas polo Estado, pois as comunidades locais a miúdo eran percibidas como ameazas para a natureza en lugar de como as súas gardiás". "Con todo, en Galicia, moitos ecosistemas de gran valor perduraron precisamente grazas á xestión comunitaria tradicional, aos coñecementos ecolóxicos locais e a un tipo de gobernanza colectiva", sinálase

"Así, as comunidades poden apoiarse as unhas ás outras, aprender das experiencias mútuas, reforzarse horizontalmente e, sobre todo, visibilizar o enorme traballo que se fai para conservar a biodiversidade", engade Evans

Joam Evans, responsable da iniciativa e director da Fundación Montescola, celebra que "o feito de que se dea a coñecer a Rede na COP17 de biodiversidade axuda a cumprir unha das súas principais tarefas: dar visibilidade e recoñecemento á conservación feita desde as comunidades locais". "Así, as comunidades poden apoiarse as unhas ás outras, aprender das experiencias mútuas, reforzarse horizontalmente e, sobre todo, visibilizar o enorme traballo que se fai para conservar a biodiversidade", di.

A Rede de Áreas Conservadas por Comunidades Locais fundouse formalmente en 2024 para conectar e visibilizar a aquelas comunidades que xestionan activamente as súas terras para a súa conservación e restauración. Xurdida dun grupo informal formado en 2018, esta rede xa inclúe a preto de 100 comunidades que están a xestionar máis de 40 000 hectáreas. Estas terras abarcan moi diversos ecosistemas, desde bosques atlánticos e humidais até pastos de montaña e hábitats costeiros.   

As comunidades locais galegas son destacadas como un dos casos de estudo no informe © Forest Peoples Programme

A Rede de Áreas Conservadas por Comunidades Locais fundouse formalmente en 2024 e xa inclúe a preto de 100 comunidades que están a xestionar máis de 40 000 hectáreas

Un fito importante para esta rede foi a publicación do Atlas de Áreas Conservadas por Comunidades Locais, o primeiro proxecto que documenta sistematicamente estas iniciativas. Desenvolvido de maneira colaborativa por membros das comunidades, este atlas presenta máis de 30 estudos de caso e reflicte o principio de que as comunidades non só son gardiás dos espazos, senón tamén produtoras de coñecementos.

A rede galega forma parte dun crecente movemento global de conservación comunitaria, demostrando que "a conservación comunitaria tamén pode funcionar ben en territorios europeos densamente poboados e altamente modificados, onde a pesar diso a xestión colectiva mantense activa", conclúe o informe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.