As emisións contaminantes á atmosfera crecen en Galicia, co transporte e o sector agrario á cabeza

Atasco de tráfico en Vigo e explotación de vacún nunha aldea en Galicia CC-BY-SA Contando estrelas / Xunta

As emisións contaminantes á atmosfera crecen en Galicia impulsados pola industria, o transporte, a maquinaria móbil e o lume no rural. É a conclusión que se tira dos datos debullados polo Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) a partir das cifras máis recentes para o país do Inventario de Emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica, as do ano 2024. 

Segundo os datos do informe As emisións de contaminantes atmosféricos en Galicia (1990-2024), as emisións de todos os principais contaminantes á atmosfera aumentaron en 2024 con respecto a 2023, aínda que a baixada sexa xeneralizada en todos eles tomando como referencia 1990, ano de inicio da serie de datos oficiais. 

Así, nun só ano aumentaron un 1,2%, as emisións de gases acidificantes, as de precursores do ozono un 6,5%, e as de partículas finas (PM2,5) un 19,7%. Estes contaminantes atmosféricos diferéncianse dos causantes de efecto invernadoiro en que teñen un impacto a curto prazo e principalmente na calidade do aire e na saúde humana, mentres que os segundos impactan no cambio climático. 

Entre 2023 e 2024 aumentaron un 1,2% as emisións de gases acidificantes, un 6,5% as de gases precursores do ozono e un 19,7% as de partículas finas

Malia o importante descenso nas emisións de gases acidificantes e os precursores de ozono troposférico desde 1990 (do 83,4% e do 52% respectivamente) e a baixada do 57,5% no caso das de partículas finas desde o 2000 —primeiro ano para o que o inventario estatal ofrece datos—, a redución "aínda é insuficiente para acadar unha boa calidade do aire acorde coas recomendacións da Organización Mundial para a Saúde (OMS)", tal e como lembra Ogacli e como poñen de manifesto os datos de inmisión de contaminantes obtidos nas estacións oficiais de medición. 

A entidade destaca que a redución das emisións de contaminantes atmosféricos prexudiciais para a calidade do aire foi en xeral superior á das emisións brutas de gases de efecto invernadoiro causantes de cambio climático, que se reduciron o 42,2% entre 1990 e 2024.

O descenso nas emisións de contaminantes atmosféricos desde 1990 (de entre o 52% e o 83%) é aínda insuficiente para ter unha calidade do aire acorde co recomendado pola OMS

As causas principais da diminución global das emisións á atmosfera en Galicia durante as últimas décadas foron a substitución do carbón na xeración eléctrica e as melloras tecnolóxicas inducidas por cambios regulamentarios no ámbito do control da contaminación, nomeadamente de vehículos.

Ademais, e contrariamente ao que acontecía en 1990, o sector enerxético xa non é a maior fonte en Galicia de emisións á atmosfera. É o sector agrogandeiro, mesmo sen ter en conta as emisións da maquinaria agrícola, xa que foi en 2024 a principal fonte de gases acidificantes. 

En canto aos gases causantes do cambio climático, o transporte e a gandaría intensiva xa producen máis que o sector eléctrico. 

O sector agrogandeiro, o maior contaminante

O grupo destes gases acidificantes abranguen o dióxido de xofre, os óxidos de nitróxeno e o amoníaco e as súas emisións aumentaron un 131% no caso das causadas polo lume no rural e un 26% por proceso industriais sen combustión, mentres que descenderon máis dun 25% as do sector enerxético logo do peche en 2023 da última central de carbón galega, a de Endesa nas Pontes. 

A agricultura e a gandaría son causantes de máis do 67% dos gases acidificantes en Galicia, malia os lixeiros descensos nas emisións nos últimos anos, sendo o transporte e a maquinaria móbil os outros grandes produtores destes contaminantes. 

Ademais, o transporte liderou as emisións de gases precursores do ozono malo (38,9%)  —onde o sector agrogandeiro supón case o 24%— e de gases causantes de cambio climático (30,5%), mentres que no tocante ás partículas finas (PM2,5), a queima non industrial (principalmente doméstica) de combustíbeis fósiles e de biomasa (leñas, pellets) é a maior fonte (34,2%).

Máis renovables, electrificación do consumo enerxético, máis bus e tren e gandería extensiva e ecolóxica son algunhas claves para mellorar o aire e combater a crise climática

Desde Ogacli advirten que "tanto para mellorar a calidade do aire como para combater a emerxencia climática urxe reducir aínda moito máis as emisións á atmosfera". Para iso, din, resulta fundamental "acelerar o desenvolvemento renovábel e a electrificación do consumo enerxético, decrecer a mobilidade motorizada e potenciar máis o autobús e o tren, apostar pola gandaría extensiva e ecolóxica en detrimento da intensiva e reforzar a prevención dos incendios forestais".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.