O Ateneo Aurora e o colectivo Refuxios da Memoria convocan para este domingo unha homenaxe ás traballadoras da Fábrica de Mistos ao pé do seu monumento na praza de Monforte
En abril e maio de 1901, hai 125 anos, as traballadoras da Fábrica de Mistos da Coruña (situada nas proximidades da área ocupada na actualidade pola igrexa de San Pedro de Mezonzo) levaron a cabo un paro que foi prólogo dunha folga xeral que nos últimos días de maio paralizou por completo a cidade e que foi respondida cunha dura represión que deixou sete persoas falecidas, ducias de feridos e feridas e un gran número de detencións e condenas de ata 20 anos de reclusión.
En lembranza destes feitos o Ateneo Aurora e o colectivo Refuxios da Memoria convocan para este domingo 19 de abril, ás 12.30 horas, unha homenaxe ao pé do monumento ás misteiras situado na praza de Monforte da Coruña. O acto forma parte dun programa máis amplo de actividades impulsado por unha comisión de entidades entre as que tamén se atopan os sindicatos CGT e CNT, organizacións libertarias como Xesta e Naide e a editorial anarquista Bastiana.
A folga xeral de 1901
Os actos lembran a folga iniciada por elas en abril de 1901 e que foi, entre outras, prólogo da folga xeral que paralizou a cidade a finais de maio e que desencadeou unha dura represión contra obreiros e obreiras na que morreron oito persoas e ducias resultaron feridas ou encarceradas
A folga xeral de finais de maio de 1901 foi precedida de paros parciais en moitas fábricas nas semanas anteriores, entre elas as das misteiras, accións que demandan un aumento salarial para facer fronte á crise de prezos que se vivía, cun encarecemento constante dos produtos de primeira necesidade e tamén do custo da vivenda. Neste contexto, o 29 de maio os consumeiros, encargados de cobrar os impostos que gravaban a entrada de produtos na cidade, declaráronse en folga, ante o que a compañía arrendataria respondeu ameazando con traer de fóra novos traballadores.
Ao día seguinte as protestas dos consumeiros foron respondidas pola Garda Civil cunha dura represión á altura do fielato da rúa Alcabaleiros; un obreiro morreu (Mauro Sánchez, de Monte Alto) e outros doce resultaron feridos. En consecuencia, convocouse unha folga xeral de tres días na cidade, que está considerada a primeira folga transversal deste tipo e con esta dimensión en Galicia. O chamamento, liderado polas organizacións anarquistas, foi todo un éxito e a cidade ficou paralizada.
En 1906, a iniciativa das Sociedades obreiras e por subscrición popular, levantouse un monolito no cemiterio de Santo Amaro en lembranza das vítimas
Declarouse o Estado de guerra e encargouse aos militares o control da situación. Fixérono cunha dura represión, cargando contra os manifestantes na zona do Obelisco e perseguíndoos pola Rúa Real, provocando sete mortes máis e ducias de feridos e feridas. A dureza da represión obrigou a suspender a folga.
En 1906, a iniciativa das Sociedades obreiras e por subscrición popular, levantouse un monolito no cemiterio de Santo Amaro en lembranza das vítimas.
As misteiras
As mulleres da factoría traballaban dez horas ao día, seis días á semana, pero tamén facían horas extra e todo por un salario miserento e en malas condicións
Había varias fábricas de mistos na cidade, destacando a creada por Enrique Zaragüeta en 1871, continuada pola súa viúva, na que chegaron a traballar 250 persoas, a maior parte mulleres. Funcionaron tamén, por exemplo, as fábrica de Manuel Docampo y Campo ou a de Antonio Bescansa. As traballadoras das fábricas de mistos na Coruña sufrían duras condicións de traballo, o que deu lugar durante décadas a unha gran conflitividade laboral e tamén a unha importante organización obreira, como destaca esta entrada da web A Coruña das Mulleres da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.
A creación en 1892 do monopolio fiscal estatal sobre a fabricación e venda de mistos levou ao peche de varias pequenas factorías e en Galicia só se mantiveron tres -na Coruña, Ribadeo e Muros-, entre elas da Viuda de Zaragüeta.
As misteiras organizáronse sindicalmente e nestes anos levaron a cabo un gran número de folgas, peches na factoría e outras accións
As mulleres da factoría traballaban dez horas ao día, seis días á semana, pero tamén facían horas extra e todo por un salario miserento e en malas condicións. A actividade da fábrica, ademais, dependía da chegada dos materiais para a produción dos mistos, non sempre dispoñibles, polo que había períodos nos que as mulleres non traballaban (e tampouco cobraban). Neses momentos, funcionaban caixas de solidariedade e resistencia, creadas polas traballadoras e traballadores doutras factorías, por exemplo as cigarreiras.
As misteiras organizáronse sindicalmente, creando en 1901 unha sociedade de socorros mutuos denominada La Unión e anos máis tarde, en 1916, unha sociedade de traballadoras e traballadores da fábrica de mistos denominada La Lucha. Nestes anos levaron a cabo un gran número de folgas, peches na factoría e outras accións, destacando especialmente as folgas sostidas en 1901, nos anos 1916 e 1917, ou en 1920.
En 1936 as misteiras conseguiron un grande avance que levaban anos demandando: a súa xubilación aos 55 anos. Porén, poucos días o Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fixo ínútil o acordo acadado. Durante a guerra e nos anos seguintes a fábrica mantivo a súa actividade, aínda que as traballadoras tiñan que presentar certificados de adhesión ao Movimiento que non todas conseguiron. A factoría pechou nos anos 50.