'As mulleres que opinan son perigosas' celebra cinco anos creando "redes de mulleres que reclaman o seu espazo"

Presentación da edición 2022 de 'As mulleres que opinan son perigosas' © Deputación de Pontevedra

Catro anos e unha pandemia despois, o foro 'As mulleres que opinan son perigosas' prepara unha nova edición do encontro de mulleres xornalistas, que terá lugar en Pontevedra o 10 e 11 de xuño. Será unha edición especial, "de reencontro", como se destacou este martes na súa presentación, cun regreso á presencialidade despois de dúas edición que se celebraron de forma online. 

A quinta edición do encontro terá lugar en Pontevedra os días 10 e 11 de xuño

Este será un dos motivos polos que o encontro rachará unha das normas internas que viñeran marcando o seu funcionamento ata agora: a de non repetir convidadas. Así, nesta edición participarán cinco xornalistas que participaron na primeira edición e que volven para facer balance do sucedido nestes últimos anos e do camiño percorrido. Un balance que está presente no libro “As mulleres que opinan son perigosas. Catro anos e unha pandemia despois”, presentado o pasado mes de marzo, e que repasa en clave xornalística os trece relatorios e as dúas mesas daquel primeiro congreso, que xurdiu en resposta a un foro de columnistas en León que non incluíra a ningunha muller.

Cartel da edición 2022 do encontro 'As mulleres que opinan son perigosas' © Deputación de Pontevedra

Entre as 18 xornalistas convidadas destacan Mercedes Milá, Mamen Mendizábal, Ana Pardo de Vera, Paloma del Río, Ángeles Caballero, Marta García Aller ou Luz Sánchez Mellado

A quinta edición do encontro terá lugar no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, retransmitirase tamén en streaming e contará co apoio económico da Deputación e do Concello de Pontevedra. Participarán 18 mulleres xornalistas, entre as que destacan Mercedes Milá, Mamen Mendizábal, Ana Pardo de Vera, Paloma del Río, Joana Bonet, Margaryta Yakovenko, María Varela, Inma López Silva, Diana López, Ángeles Caballero,  Marta García Aller, Fernanda Tabarés, Almudena Sánchez, Luz Sánchez Mellado, Estefanía Molina, Carolina Sertal, Marta Otero e María Piñeiro

Esta variedade na selección de convidadas permitirá tratar temas tan diversos como a actualidade política, a saúde mental ou a posición das mulleres no mundo do deporte. O programa completo pódese consultar neste enlace.

"Consideramos que era necesario romper a norma de non repetir convidadas porque despois de dúas edicións online nesitabamos reencontrarnos”, destacou Susana Pedreira

"Consideramos que era necesario romper a norma de non repetir convidadas porque despois de dúas edicións online nesitabamos reencontrarnos”, destacouse na presentación deste martes, na que Susana Pedreira subliñou que con este novo cartel xa son 62 as profesionais da comunicación que forman parte do foro, o que evidencia que “hai moitas mulleres en Galicia e no conxunto do estado que fan bo xornalismo”. 

Ao fío desta realidade, Pedreira animou “ás persoas organizadoras de congresos e foros de opinión e xornalismo a que consulten os nosos carteis e programas para non volver a dicir que non atopan mulleres cando programan os paneis de congresos nacionais”. Para a xornalista, despois do período transcorrido "non hai dúbida de que hoxe hai máis mulleres opinando nos medios de comunicación que hai catro anos”.

Presentación da edición 2022 de 'As mulleres que opinan son perigosas' © Deputación de Pontevedra

Para Carmela Silva, o éxito do foro pon de manifesto “a capacidade para sumar sinerxías e crear redes de mulleres que reclaman o seu espazo”

Mentres, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, destacou que o éxito do encontro nos últimos anos, convertido xa nun referente en todo o Estado, pon de manifesto “a capacidade para sumar sinerxías e crear redes de mulleres que reclaman o seu espazo”. Silva destacou que "hai unha mirada violeta de mulleres que analizan o mundo e opinan sobre el”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.