As persoas sen fogar aloxadas en centros galegos aumentan un 146% na última década

Albergue municipal de Vigo © Google

Unha media de 1.410 persoas sen fogar alóxanse a diario nos centros existentes en Galicia para a súa atención. En 2022 o número de persoas sen fogar no país estimábase en 2.387

O número de persoas sen fogar que se aloxa en centros destinados a atendelas continúa a medrar en Galicia. No ano 2024, segundo a estatística do INE publicada este venres, a media diaria de prazas ocupadas nestes centros ascende a 1.410, un 69% máis que dous anos antes (833) e un 146% máis que hai unha década. Tamén vai aumentando a capacidade total destes aloxamentos, que en 2024 se situou nas 1.649 prazas totais. 

Non hai unha cifra precisa de cantas persoas sen fogar existen en Galicia neste momento, pero a Enquisa a Persoas sen Fogar correspondente ao 2022 e que se publica cada dez anos tomando como base os datos dos servizos asistenciais deixou unha estimación de 2.387, un dato que amosaba un importante incremento en relación ao de 2012 e 2005.

En Galicia funcionan 113 centros de atención a persoas sen fogar, 100 privados e tan só 13 públicos

A ocupación media (85,5%) sitúase exactamente no mesmo nivel que a media do conxunto do Estado e amosa un incremento dende os datos de 2022 (76,3%). O 28,5% das prazas de aloxamento están ocupadas por mulleres, unha porcentaxe superior á media (24,6%) pero que descende catro puntos en relación ao 2022. O informe do INE destaca que no ano 2024 se destinaron no conxunto de España 1.079 vivendas aos Programas Housing First / Housing Led, ningunha delas en Galicia.

No noso país funcionan 113 centros de atención a persoas sen fogar, 100 privados e tan só 13 públicos. A maior parte (80) están situados nas cidades da Coruña, Vigo, Ourense, Pontevedra e Lugo e outros 14 en Santiago e Ferrol. Tan só 19 funcionan en vilas e concellos pequenos.

Hai, ademais, 2.232 prazas de comedor, que ofrecen a diario 4.510 servizos de comida

Hai, ademais, 2.232 prazas de comedor, que ofrecen a diario 4.510 servizos de comida (sumando almorzos, comidas e ceas).

Así mesmo, unha media de 280 persoas son atendidas na rúa, un traballo realizado por unha media de 18 traballadores, traballadoras ou persoas voluntarias.

En Galicia existen algo máis de 60 prazas de aloxamento para persoas sen fogar por cada 100.000 habitantes, fronte a unha media de 81 no conxunto do Estado

Comparados cos das demais comunidades autónomas, os datos galegos son moi negativos no que atinxe aos servizos de aloxamento, a pesar do incremento experimentado entre o 2022 e 2024. Así, en Galicia existen algo máis de 60 prazas de aloxamento para persoas sen fogar por cada 100.000 habitantes, fronte a unha media de 81 no conxunto do Estado. E, sobre todo, moi lonxe das 235 prazas por cada cen mil persoas de Euskadi.

Moi diferente é a situación no referido ás prazas de comedor, un servizo no que Galicia se sitúa por riba da media con datos só por detrás dos de Euskadi, Canarias, Murcia e Estremadura. En Galicia funcionan 82 prazas de comedor para persoas sen fogar por cada 100.000 habitantes, moi por diante da media española (56). No número de comidas servidas, iso si, Galicia cae á sétima posición, pero aínda por riba da media.

Así mesmo, unha media de 280 persoas son atendidas na rúa

A evolución dos indicadores que cada dous anos presenta o INE permite comprobar o incremento das prazas de aloxamento ofrecidas e ocupadas en Galicia, só freado durante os anos 2020 e 2022, posiblemente como efecto da pandemia de COVID. Neses anos, en cambio, disparáronse as intervencións na rúa e as prazas de comedor, que en 2024 descenden aínda que se manteñen por riba dos datos previos á pandemia, en 2018.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.