O número de prazas de aloxamento para persoas sen fogar en Galicia sitúase por debaixo da media do Estado e descende dende o 2018

Durante o tempo de confinamento obrigado pola pandemia de Covid, concellos coma o de Lugo puxeron en marcha servizos para acoller persoas sen fogar © Cruz Vermella

En Galicia existen 1.092 prazas de aloxamento, das que 833 están ocupadas. Porén, a cifra -en termos relativos por número de habitantes- está moi por debaixo da media do Estado

Hai uns meses coñeciamos os últimos datos oficiais, fornecidos polo INE, sobre o número de persoas sen fogar en Galicia. O instituto público indicaba que no país residen 2.387 persoas sen fogar, unha cifra superior á de 2012 (1.903) e 2005 (1.535) e que supón un incremento do 25% nos últimos dez anos. Os datos do INE amosan, ademais, que Galicia está moi por riba da media do Estado español no que atinxe ao número de persoas sen fogar en relación á poboación: con 165,7 persoas por cada 100.000 habitantes vivindo na rúa, fronte ás 86,6 persoas sen fogar da media estata.

Hai uns días o Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou os indicadores recentes sobre os servizos e equipamentos de atención ás persoas sen fogar en funcionamento en cada comunidade autónoma. Os datos amosan situacións moi distintas en cada territorio e alertan sobre a falta de servizos de aloxamento (albergues, vivendas, pensións...) para as persoas sen fogar en Galicia, que se sitúan por debaixo da media española.

Hai uns meses o INE indicou que en Galicia residen 2.387 persoas sen fogar, un incremento do 25% nos últimos dez anos e que tamén se sitúa por riba da media do Estado

En Galicia existen 1.092 prazas de aloxamento, das que ao redor de 833 (nunha media ao longo de todo o ano) están ocupadas. A ocupación media (76,3%) sitúase por debaixo do dato global para o todo o Estado (81,2%) e, de feito, só supera os datos de Canarias, Cantabria e A Rioxa. O 32,2% das prazas están ocupadas por mulleres, unha porcentaxe semellante á media (32,8%). O informe do INE destaca que no ano 2022 destináronse no conxunto de España 660 vivendas aos Programas Housing First / Housing Led, ningunha delas en Galicia.

No noso país funcionan 102 centros de atención a persoas sen fogar, 90 privados e tan só 12 públicos. A maior parte (79) están situados na Coruña, Vigo, Ourense, Pontevedra e Lugo.

Hai, ademais, 3.387 prazas de comedor, que ofrecen a diario 4.397 servizos de comida (sumando almorzos, comidas e ceas).

Así mesmo, 413 persoas foron atendidas na rúa, un traballo realizado por 37 traballadores, traballadoras ou persoas voluntarias.

En Galicia existen algo máis de 40 prazas de aloxamento para persoas sen fogar por cada 100.000 habitantes, fronte a unha media de 56 no conxunto do Estado

Comparados cos das demais comunidades autónomas, os datos galegos son moi negativos no que atinxe aos servizos de aloxamento, que se sitúan moi por debaixo da media medidos en número de prazas por habitante. Así, en Galicia existen algo máis de 40 prazas de aloxamento para persoas sen fogar por cada 100.000 habitantes, fronte a unha media de 56 no conxunto do Estado. E, sobre todo, moi lonxe das 195 prazas por cada cen mil persoas de Euskadi ou das 127 de Navarra.

Moi diferente é a situación no referido ás prazas de comedor, un servizo no que Galicia se sitúa como o segundo territorio do Estado, con datos moi semellantes aos de Euskadi

Moi diferente é a situación no referido ás prazas de comedor, un servizo no que Galicia se sitúa como o segundo territorio do Estado, con datos moi semellantes aos de Euskadi. En Galicia funcionan 126 prazas de comedor para persoas sen fogar por cada 100.000 habitantes, case o dobre que a media española (66). No número de comidas servidas, iso si, Galicia cae á terceira posición, por detrás do País Vasco e tamén de Navarra. En calquera caso, o dato galego sitúase moi por riba da media.

Finalmente, Galicia é o terceiro territorio no que se realizaron máis intervencións de rúa a persoas sen fogar en relación á poboación total (15 por cada 100.000 habitantes), só por detrás de Canarias e de Madrid.

En 2018 existían 1.304 prazas de aloxamento. Porén, dende entón, este indicador non fixo máis que descender, primeiro ata as 1.163 prazas do ano 2020 e, agora, ata as 1.092 rexistradas o pasado ano

Analizando os datos da última década, obsérvase como en Galicia foi medrando o número de prazas de comedor e de comidas servidas, especialmente entre 2020 e 2022. Tamén se disparou na última entrega desta estatística o número de persoas sen fogar que foron obxecto de intervención na rúa, pasando de 124 no ano 2020 a 413 no 2022.

Porén, tamén destaca o estancamento dos servizos de aloxamento, que apenas variaron dende o ano 2014. Hai 8 anos funcionaban 855 prazas de aloxamento, unha cifra que aumentou ata as 1.304 que se chegaron a acadar no ano 2018. Porén, dende entón, este indicador non fixo máis que descender, primeiro ata as 1.163 prazas do ano 2020 e, agora, ata as 1.092 rexistradas o pasado ano.

O número de prazas medias ocupadas moveuse coa mesma tendencia, cun máximo en 2018 (1.069) e un forte descenso nos últimos catro anos, ata as 833 do pasado ano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.