As protestas polas longas esperas e a saturación nos centros de saúde espállanse por Galicia

Mobilización en Moaña contra o colapso e as esperas na Atención Primaria CC-BY-SA BNG-Moaña

As mobilizacións contra a saturación e as listas de espera na Atención Primaria e pola atención "presencial e inmediata" vanse estendendo por Galicia. Logo de meses de demanda de máis recursos e profesionais, especialmente por parte do persoal, o impacto da pandemia empeorou a situación duns centros de saúde saturados e ergueu as mobilizacións da cidadanía. A pasada semana foi en Cangas e este sábado en Moaña.

Arredor de 1.500 persoas reclamaron en Moaña a volta das consultas presenciais e unha "atención inmediata" tras as protestas de Cangas

Arredor de 1.500 persoas reclamaron, sobre todo, a volta das consultas presenciais ante a preferencia polas consultas telefónicas, un sistema instaurado en 2013 polo Sergas e xeneralizado coa pandemia para evitar as visitas aos centros de saúde e evitar riscos. Colectivos veciñais ou de xubilados, anpas e a Mesa da Sanidade de Moaña participaron nunha protesta con presenza de concelleiro do Bloque e do PSdeG. 

Mobilización en Moaña contra o colapso e as esperas na Atención Primaria CC-BY-SA BNG-Moaña

Na mobilización, impulsada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Moaña, o voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, advertiu dos "recortes" en recursos e persoal por parte da Xunta, aos que culpou das elevadas esperas e das masivas consultas telefónicas, ademais de advertir de que a situación leva moita cidadanía a optar pola sanidade privada. 

Ademais, tamén se denunciou a falta de espazos axeitados nos centros sanitarios para evitar riscos polo coronavirus, o que obriga a que moita xente teña que agardar fóra a ser atendida. Son, todas, protestas que se repiten noutros puntos de Galicia, onde o colapso e a saturación da Atención Primaria é continuamente denunciada. 

SOS Sanidade Pública culpa da masiva atención telefónica e das elevadas esperas aos "recortes" da Xunta en recursos e persoal

Por iso, a plataforma convocante en Moaña agarda que as mobilizacións se espallen polo país. Os avisos son os mesmos que o persoal manda desde hai meses, pero con máis premura, se cadra, polo impacto da covid e a chegada dunha campaña de vacinación que será masiva, tamén porque pretende ser outra forma de previr os efectos do coronavirus

Mobilización pola mellora da Atención Primaria en Cangas CC-BY-SA A Voz da Sanidade - Cangas

A pasada semana, a Xunta presentou unha campaña de vacinación que comeza o 13 de outubro e durará 12 semanas e na que se pretende acadar unha cobertura na poboación de 65 ou máis anos e nos traballadores sanitarios do Sergas igual ou superior ao 75%, cando o ano pasado chegou ao 60% e o 50% respectivamente. Será, xa que logo, aínda máis traballo nos 900 puntos de vacinación en Galicia, entre centros de Atención Primaria e hospitalaria, consultas privadas ou residencias. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.