BNG e PSdeG emendarán os orzamentos para que o profesorado substituto non deixe de cobrar no verán

Unha mestra imparte a docencia nunha aula dun instituto galego © Xunta

En 1995 a Consellaría de Educación acordou cos sindicatos que aquel persoal docente que traballara polo menos cinco meses e medio durante o curso debería continuar o seu contrato en xullo e os días correspondentes do mes de agosto. Porén, dende hai anos a Xunta mantén suspendido este acordo

Non é doada a vida do profesorado interino e substituto. Meses sen traballar, encadeamento de contratos nun e noutro centro moitas veces lonxe do lugar onde viven, sucesivas mudanzas, grandes desprazamentos, dificultades de conciliación, moita incerteza e, ademais, contratos que rematan o 30 de xuño, privándoos de traballar (e cobrar o seu salario) no verán, como si fan os seus compañeiros e compañeiras titulares de praza.

En 1995 a Consellaría de Educación acordou cos sindicatos que aquel persoal docente que traballara polo menos cinco meses e medio durante o curso debería continuar o seu contrato en xullo e os días correspondentes do mes de agosto, o que lles garantía algo máis de estabilidade. Porén, dende hai anos os orzamentos da Xunta veñen suspendendo a aplicación dese acordo, neste caso a través do artigo 11.3 do proxecto de Lei de Orzamentos para 2025, que especifica que "se mantén a suspensión da aplicación do punto décimo noveno do Texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995, publicado pola Resolución do 2 de maio de 2023 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria".

Imaxe da xuntanza que representantes do STEG mantiveron no Parlamento con deputadas do BNG © STEG

O STEG reuniuse no Parlamento con representantes de BNG e PSdeG, que se comprometeron a presentar emendas contra o artigo 11.3 do proxecto de orzamentos, que suspende a aplicación do acordo e bloquea o pagamento destes salarios

Esta semana o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) mantivo un encontro no Parlamento con representantes de BNG e PSdeG para exporlles a situación do persoal interino e substituto dependente da Consellaría de Educación e pedirlles a presentación dunha emenda aos orzamentos de cara á modificación do artigo 11.3 e a suspensión da aplicación do acordo de 1995.

BNG e PSdeG, a través de Cristina Fernández Davila e de Julio Abalde, comprometéronse a facelo, xa que este artigo "supón unha discriminación a este sector do profesorado". Pola súa banda, o STEG anunciou que "no presumible caso" de que o Partido Popular non admita a emenda, o sindicato impugnará a Lei de Orzamentos por vía xudicial.

O STEG alerta da "situación extrema" que están a vivir moitos destes mestres e mestras substitutas e interinas

O STEG alerta da "situación extrema" que están a vivir moitas persoas nesta situación. "Problemas de saúde mental e ansiedade asociadas á falta de estabilidade e á obriga de teren que cambiar de destino varias veces por curso, coas dificultades engadidas en relación a atopar unha vivenda durante un tempo limitado, os custos de transporte así como as dificultades para conciliar a vida familiar e a laboral", detalla o sindicato.

Integrantes do STEG reuníronse no Parlamento con representantes do PSdeG © STEG

Tanto os sindicatos do ensino como BNG e PSdeG critican a limitación das partidas para contratación de persoal docente

Tanto os sindicatos do ensino como BNG e PSdeG critican o reducido aumento das partidas reservadas á contratación de persoal docente, malia o clamor da comunidade escolar que nas últimas semanas está a protestar pola falta de profesorado en multitude de centros educativos

Denuncian que Educación non inviste "en aumentar os seus cadros de persoal fixo", senón que aposta "por plans puntuais" que precarizan o sistema educativo "con contratacións breves e a media xornada que non resolven as necesidades do alumnado"

O STEG sinala que esta situación "constitúe un agravio comparativo e un incumprimento do artigo 14 da Constitución Española", incumprindo a máxima de “a igual traballo, igual salario”.

Critican que a Consellaría de Educación "non invista en aumentar os seus cadros de persoal fixo, senón que aposte por plans puntuais como o tan publicitado Plan MEGA", financiado con fondos europeos e do Goberno Central. Isto, engaden, "non fai máis que precarizar o sistema educativo galego, con contratacións breves e a media xornada que non resolven as necesidades do alumnado e agravan a situación de inestabilidade do corpo docente de interinas e substitutas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.